Proxeria
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2014.) |
Proxeria | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Rapaza con proxeria (esquerda). Núcleo dunha célula proxérica (dereita, abaixo) e núcleo dunha célula sá (dereita arriba). | |
ICD-10 | E34.8 (ILDS E34.840) |
ICD-9 | 259.8 |
OMIM | 176670 |
MedlinePlus | 001657 |
MeSH | D011371 |
GeneReviews | Síndrome de Proxeria Hutchinson-Gilford |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Proxeria[1] (do grego pro, "cara, a favor de" e geron, "vello") é unha enfermidade xenética da infancia extremadamente rara, caracterizada por un envellecemento brusco e prematuro en nenos no seu primeiro e segundo ano de vida. Estímase que afecta a un de cada sete millóns dos neonatos. Non se evidenciou preferencia por ningún sexo en particular, pero predominan os pacentes de etnia branca (97% dos pacentes afectados). A proxeria pode afectar a diferentes órganos e tecidos: ósos, músculos, pel, tecido subcutáneo e vasos. Crecen baixos en estatura, teñen cranio de gran tamaño, alopecia, pel seca e engurrada, ausencia de graxa subcutánea e rixidez articular. Ó non existir cura nin tratamento, as persoas que a padecen, non acostuman superar os 13 ou 15 anos de vida. Non adoita transmitirse de pais a fillos, e rara vez se atopa máis dun caso na mesma familia.
Aínda que hai diferentes tipos de proxeria, a forma máis coñecida e severa desta enfermidade é a chamada síndrome de Hutchinson-Gilford, nomeada así na honra de Jonathan Hutchinson, quen foi o primeiro en describila en 1886, e de Hastings Gilford, que realizou diferentes estudos sobre o seu progreso e características a partir do ano 1897.
Síntomas
Polo xeral, durante o primeiro ano de vida, o crecemento do neno afectado por proxeria retárdase notablemente, mentres que o desenvolvemento motor e a intelixencia permanece normal. Os sinais e síntomas deste trastorno progresivo adoitan ser os seguintes:
- Deficiencia no crecemento durante o primeiro ano de vida
- Baixa estatura.
- Pel seca e engurrada, e manchas na pel semellantes ás da vellez a causa do mal metabolismo da melanina.
- Calvicie prematura, con caída de cellas e pestanas.
- Cabeza proporcionalmente grande para o tamaño da cara (macrocefalia).
- Ollos saltóns.
- Mandíbula pequena (micrognacia)
- Cranio de gran tamaño, coas veas craniais sobresaíntes.
- Nariz grande e recachado.
- Queixo recuado.
- Atraso e formación anormal dos dentes.
- Perda da audición.
- Problemas cardíacos progresivos.
- Peito estreito, con costelas marcadas
- Endurecemento da pel no tronco e as extremidades (similar á esclerodermia)
- Perda de graxa debaixo da pel e perda da masa muscular.
- Extremidades finas e esqueléticas.
- Estreitamento das arterias coronarias.
- Articulacións grandes e ríxidas.
- Dislocación da cadeira.
- Presenza de enfermidades dexenerativas como a artrite ou as cataratas, propias da vellez.
- Osteoporose.
- Arteriosclerose.
- Morte natural antes dos 18 anos, por arteriosclerose.
Causas
A síndrome de Hutchinson-Gilford está causada por unha mutación no xene chamado LMNA, encargado de producir a proteína Lamin A, a cal é a base estrutural que mantén a célula en equilibrio. Os investigadores supoñen que a carencia da dita proteína fai que o núcleo da célula sexa inestable, e que dita inestabilidade poida ser a causante do proceso de envellecemento prematuro na proxeria.
Diagnóstico
Unha vez que a mutación do xene foi identificada, e logo dunha primeira avaliación clínica (apreciación da aparencia física do neno e do seu historial clínico), realízase unha análise de sangue para probar a presenza do xene da proxeria.
Realízanse probas de esforzo cardíaco que poden poñer de relevancia a arterioesclerose precoz dos vasos sanguíneos.
Así mesmo próbase a resistencia á insulina, e compróbanse cambios na pel similares aos que se observan na esclerodermia (o tecido conectivo tórnase áspero e endurecido).
Prognóstico
A media de vida en nenos enfermos é de 13 anos, pero pode estar entre 7-27 anos, aínda que a supervivencia máis alá da adolescencia é infrecuente. En máis do 80% dos casos a morte débese a complicacións como a arterioesclerose, o infarto de miocardio e tromboses coronarias.
Aínda que non existe cura para esta enfermidade, nin tratamento de eficacia probada, certos estudos demostraron que a proxerina, responsable da dexeneración celular, podía ser reducida, axudando a frear o proceso de envellecemento, ata incluso detelo, aumentando notablemente a esperanza de vida.
A meirande parte dos tratamentos limítanse a previr e frear as complicaciones que poden xurdir nesta enfermidade, como son as complicaciones cardiolóxicas. Utlízase aspirina en baixas doses para protexer de ataques cardíacos e accidentes cerebrovasculares, así coma dietas hipercalóricas; tamén se teñen intentado tratamentos coa hormona do crecemento humano.
Despois de descubrir o xene causante da enfermidade e do seu funcionamento, propúxose un tratamento cun tipo de fármaco anticanceríxeno, inhibidor da farnesyltransferasa (FTIs), probándose a súa eficacia con ratos. Dende maio de 2007 iniciouse un período de probas clínicas con pacientes utilizando FTI Lonafarnib.
O prematuro falecemento dos pacientes, a meirande parte antes dos 20 anos, non axuda no descubrimento da cura, xa que non se poden levar a cabo estudos máis completos e especializados, os cales levarían anos.
Coidados diarios
- Asegurar unha correcta hidratación, especialmente durante enfermidades puntuais e con tempo caloroso.
- Proporcionar racións pequenas pero frecuentes, para asegurar unha correcta achega calórica.
- Proporcionar unha actividade física adecuada.
- Obter calzado adecuado para unha correcta comodidade.
- Empregar protector solar, especiamente en actividades ó aire libre.
- Levar o calendario de vacinas ó día.
- Proporcionar oportunidades de aprendizaxe e crecemento persoal.
Notas
- ↑ Termo Arquivado 27 de febreiro de 2019 en Wayback Machine. no dicionario DiGalego.
Véxase tamén
Outros artigos
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Proxeria |