Isidoro Brocos
Isidro Brocos (1894) por Joaquín Vaamonde Cornide, Museo de Belas Artes da Coruña.[1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de abril de 1841 Santiago de Compostela |
Morte | 26 de novembro de 1914 Santiago de Compostela |
País de nacionalidade | galego |
Educación | Real Academia de Belas Artes de San Fernando |
Actividade | |
Ocupación | escultor |
Empregador | Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (EASD) |
Membro de | |
Alumnos | Pablo Picasso |
Familia | |
Irmáns | Modesto Brocos |
Isidoro Brocos Gómez, nado en Santiago de Compostela o 4 de abril de 1841 e finado ibídem o 26 de novembro de 1914, foi un escultor, gravador e debuxante galego.Era irmán maior do pintor Modesto Brocos e, inda que finou en Santiago, está soterrado no cemiterio de San Amaro da Coruña.[2]
Vida e Obra
Formouse na Escola de San Fernando de Madrid, en Roma e en París. Foi profesor da Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde tivo entre os seus alumnos a Pablo Picasso e fixo gravados para La Ilustración Gallega y Asturiana.
Pode apreciarse obra de Brocos no Museo de Belas Artes da Coruña[3] e no Museo Provincial de Pontevedra.[4]
É o terceiro fillo do matrimonio formado por Eugenio Brocos Martínez e a súa segunda esposa, Juana Gómez Barreiro. Pasa a infancia nos baixos do antigo pazo dos condes de Altamira (demolido a finais do século XIX para a construción da praza de abastos compostelá), onde membros da súa familia servían como campesiños e criados. O seu pai, Eugenio, era pintor e gravador, traballou como «pintor de coches e carruaxes» e posteriormente como porteiro para esta familia. En canto ao seu tío Juan, era escultor; ambos os dous eran socios do Liceo a Amizade de Santiago de Compostela, liberais e republicanos. Dos cinco fillos do matrimonio, ademais de Isidoro Modesto Brocos chegará a ser un ilustre pintor e gravador. Este desenvolverá a súa carreira principalmente en Brasil.
Isidoro recibe a primeira formación artística na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela. Este era o único centro que ofrecía estudos, dentro do ámbito artístico, de certo nivel e que estableceu a súa Academia de Debuxo en Santiago de Compostela a partir do ano 1834. Neste centro inaugurará a súa outra faceta laboral, que vai desenvolver ao longo de toda a vida: a docencia. Así, desempeñará o cargo de profesor auxiliar interino nas materias de Debuxo Lineal e Elemental e de Debuxo Natural e Modelado, entre 1862 e 1868, co director Juan José Cancela del Río e co escultor Juan Sanmartín. Ademais, durante esta época e para sustentar a súa familia —xa que con 15 anos morre o seu pai e a isto hai que unir a ruína da familia nobre de Altamira—, realiza numerosos gravados relixiosos en madeira para imprimir estampas nos libros de novenas, catecismos e devocionarios das confrarías.
A finais do ano 1868, con 27 anos trasládase a Madrid e empeza a traballar no taller do escultor Andrés Rodríguez, amigo do seu pai. É unha época de penuria e privacións, pero aínda así segue coa intención de ampliar a súa formación e matricúlase no ano 1870 na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado, que compartía edificio coa Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Farao durante tres cursos.
Durante estes anos viaxa asiduamente a Galicia e casa con Rosa Tojo Vaamonde, de Mondoñedo e pertencente a unha familia adiñeirada que o apoia economicamente para que poida continuar a carreira artística.
En 1873 realiza unha viaxe de formación a Roma, onde cursa estudos na Accademia di San Luca. A súa chegada coincide coa recente inauguración da Academia Española de Belas Artes. Aos sete meses trasládase a París, onde chega en abril de 1874, e asiste ás clases da École des Beaux-Arts. Coincide co nacemento do impresionismo, que se presenta en público nunha grande exposición inaugurada o 15 de abril, no número 37 do boulevard des Capucines.
No Salón de París de 1876 expoñerá a súa escultura Últimos momentos de Herodes, pola que vai recibir dous anos máis tarde, en 1878, a terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid e unha medalla de cobre na Exposición Rexional de Lugo. Cando volve de Francia, Manuel Murguía escribe: «Por fortuna viña precedido da fama. Os primeiros triunfos sorríranlle en terra estranxeira e era isto cousa que lle auguraba éxitos seguros no seu país», non sempre será así.
Por razóns familiares regresa a Galicia en 1876 e aséntase en Santiago de Compostela. En xaneiro de 1879 pasa a ser profesor en propiedade de Modelado na Escola de Artes e Oficios da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela. Empeza a colaborar en La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Manuel Murguía desde Madrid para difundir a cultura e a realidade galegas. Atopará nesta colaboración un espazo para canalizar o seu interese por profundar nas tradicións e na cultura popular e vaino conectar co entón emerxente rexionalismo. Xunto ao seu irmán Modesto desempeñará labores de colaborador artístico e correspondente.
Na súa obra o rexionalismoaparece ligado a certa preocupación social. Nas múltiples viaxes por Galicia recolle apuntamentos ao natural sobre tipos e costumes populares, ademais de utilizar modelos humildes ―adoita quedar cun home que fai representacións de monicreques para os nenos no Campo da Leña e cuxo rostro plasma en varias das súas obras―.
En decembro de 1880, tras sufrir problemas no seu traballo compostelán, instálase coa familia na Coruña e consegue unha praza como profesor auxiliar interino das materias de Modelado e Baleirado de Adorno na ―por aquel entón única en Galicia― Escola Provincial de Belas Artes. Comparte a materia con José Domínguez Coumes-Gay. Ademais dá clases sen retribución de Debuxo do Antigo, de Figura e de Adorno (copia de xeso) xunto a Román Navarro ―na que coincide con Pablo Picasso― e, a partir de 1882, clases de Debuxo do Antigo e de Perspectiva para señoritas.
Acode á Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid do ano 1881 con dúas obras, Xastre de aldea (1878) e Aquí, aquí (a pulga) (1880) polas que vai recibir a terceira medalla e que serán adquiridas polo rei Alfonso XII. A primeira expúxoa inicialmente no Salón de París de 1878 e vendeu dúas copias. Pola última recibiu unha medalla de prata na Exposición Rexional de Pontevedra de 1880. No ano 1887 acudirá de novo á Exposición Nacional coa obra Unha boa elección.
Un aspecto menos coñecido do seu traballo será o de escultor de obras relixiosas para diversas capelas e igrexas, como as esculturas da capela de Santo André na Coruña (1883), a Virxe da Ascensión da igrexa parroquial de Santa María de Trasmonte (Ames, A Coruña), o grupo de San Gregorio Magno da igrexa de Santa María de Paradela (A Estrada, Pontevedra), a María Magdalena da igrexa de San Mamede (Carnota, A Coruña) ou o Cristo xacente da igrexa de San Xulián (Ferrol).
O 10 de febreiro de 1890 é nomeado académico numerario ―sección escultura― da Academia Provincial de Belas Artes. Era director da academia o arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gay. Alí desenvolve iniciativas diversas, como o informe de 1903 para a creación dun museo de belas artes na cidade da Coruña, xunto a Román Navarro, Pedro R. Mariño e Antonio de Mesa, onde analizan as bases e condicións para o proxecto. Máis adiante forma parte da comisión, xunto con Pardo Reguera, que investiga os posibles edificios públicos ou soares proclives a ser utilizados como futuro museo, onde albergarán todas as pezas artísticas (principalmente restos arqueolóxicos diversos e obras de arte cedidas por particulares e polos diferentes académicos) atesouradas pola Academia de Belas Artes desde a súa creación (1849).
Despois de dez anos como profesor da Escola Provincial de Belas Artes da Coruña, obtén en xuño de 1891 a cátedra de Modelado de Adorno e Baleirado na Escola Provincial de Belas Artes, no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña. Nesta escola ―da que chegará a ser director― é compañeiro de José Ruiz Blasco, catedrático de Debuxo de Figura e de Adorno e pai de Pablo Ruiz Picasso. Picasso será alumno de Brocos.
Ademais do quefacer diario centrado na docencia e na súa obra escultórica, Isidoro Brocos dedica parte da vida á música tradicional galega. Realiza un labor fundamental de mostraxe e recompilación do folclore popular e compón varias pezas, como as Muiñeiras I, II, III e IV.
Participa nos actos de homenaxe, que se celebraron na cidade en 1904, na honra do poeta e intelectual Curros Enríquez e realiza o modelo en escaiola do medallón, co retrato do artista de perfil, que remata a coroa de prata que lle entregan como obsequio a Curros.
En abril de 1905 é nomeado académico correspondente da Academia de Belas Artes de San Fernando. En novembro dese mesmo ano é nomeado académico correspondente da Real Academia Galega ―inaugurada oficialmente o 30 de setembro de 1906 no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, aínda que fora constituída previamente o 4 de setembro de 1905―.
Fina o 26 de novembro de 1914 no seu domicilio da rúa San Roque, número 10 da Coruña. Este día a Escola de Artes e Industrias suspende as clases en sinal de dó pola morte do seu director interino. O Concello da Coruña celebra unha sesión extraordinaria o 28 de novembro na súa memoria.
Dos seis fillos, Florentina, Donnino Santiago e Eugenio continuarán coa tradición familiar e dedicaranse á pintura e mais á música.
Del comenta o especialista en arte galega José Manuel López Vázquez: «É sen dúbida o mellor escultor galego do último terzo do século xix e o primeiro que puidésemos considerar "moderno". [...] por primeira vez na escultura galega, atopámonos cunha obra laica en función dominante».
Notas
- ↑ CERES Secretaría de Estado de Cultura.
- ↑ A San Amaro de visita «guiada» La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ Museo de Belas Artes da Coruña
- ↑ Museo de Pontevedra
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Isidoro Brocos |
Bibliografía
- López Vázquez, José Manuel. Rodríguez Igrexas, F., ed. Galicia, Arte, Tomo XV: Arte Contemporánea. A Coruña: Hércules. pp. 187–190. ISBN 84-89468-11-7.
- Lousa Rodríguez, Manoel; Isidoro Brocos Gómez, sus vidas, su familia, su obra, 245 p,s., Deputación de Lugo, 2002.
- Mon, Fernando et al., artigo "BROCOS GÓMEZ, Isidoro" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- Páxina oficial do artista.
Outros artigos
Ligazóns externas
- Los Brocos, una saga gallega Diario de León (en castelán).
- Exposición Isidoro Brocos Escultura e debuxo na Colección ABANCA en Pontevedra