[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Aldosterona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aldosterona.
Nome IUPAC: 11β,21-dihidroxi-3,20-dioxopregn-4-en-18-al.
Número CAS: 52-39-1.

A aldosterona[1] é unha hormona esteroide[2][3] do grupo dos mineralocorticoides producida pola parte externa da (zona glomerulosa do córtex adrenal da glándula adrenal (ou suprarrenal), que actúa principalmente no túbulo distal e túbulo colector dos nefróns (túbulos funcionais dos riles), e o seu efecto é causar a conservación do sodio, a secreción do potasio, o incremento da retrención de auga, e o aumento da presión arterial. O efecto global da aldosterona é incrementar a reabsorción de ións e auga nos riles, o cal aumenta o volume sanguíneo e, por tanto, a presión arterial.

Os fármacos que interfiren coa secreción e ación da aldosterona utilízanse como antihipertensivos. Un exemplo é a espironolactona, que fai diminuír a presión sanguínea ao bloquear o receptor da aldosterona. A aldosterona forma parte do sistema renina-anxiotensina.

A súa actividade está reducida na enfermidade de Addison e incrementada na síndrome de Conn.

Foi illada por Simpson e Tait en 1953.[4]

Os corticosteroides sintetízanse a partir do colesterol no córtex adrenal. A maioría das reaccións esteroidoxénicas son catalizadas polos encimas da familia do citocromo P450. Están localizados nas mitocondrias e requiren adrenodoxina como cofactor (excepto a 21-hidroxilase e a 17α-hidroxilase).

A aldosterona e a corticosterona comparten a primeira parte da ruta biosintética. A última parte está mediada pola aldosterona sintase (para a aldosterona) ou pola 11β-hidroxilase (para a corticosterona). Estes encimas son case idénticos e comparten as funcións de hidroxilación na posición 11β e hidroxilación na posición 18. Pero a aldosterona sintase pode tamén levar a cabo a oxidación na posición 18. Ademais, a aldosterona sintase encóntrase só na zona glomerulosa no límite externo do córtex adrenal; a 11β-hidroxilase encóntrase na zona fasciculada e na reticular.

Esteroidoxénese, coa síntese da aldosterona na parte superior dereita.

Estimulación

[editar | editar a fonte]

A síntese de aldosterona é estimulada por varios factores:

  • Incremento na concentración plasmática de anxiotensina III, un metabolito da anxiotensina II.
  • Incremento no plasma sanguíneo dos niveis de anxiotensina II, ACTH, ou potasio, os cales están presentes en proporción ás deficiencias de sodio no plasma. O aumento do nivel de potasio regula a síntese de aldosterona ao despolarizar as células na zona glomerulosa, o cal abre as canles de calcio dependentes de voltaxe. O nivel de anxiotensina II está regulado pola anxiotensina I, a cal á súa vez está regulada pola hormona renina. Os niveis de potasio son os estimuladores máis importantes da aldosterona.
  • A proba de estimulación da ACTH utilízase ás veces para estimular a produción de aldosterona xunto coa de cortisol para determinar se hai unha insuficiencia adrenal primaria ou secundaria. Porén, a ACTH ten só un papel de menor importancia na regulación da produción de aldosterona; con hipopituitarismo non hai atrofia da zona glomerulosa.
  • Acidose no plasma.
  • Os receptores de estiramento situados nas aurículas do corazón. Cando se detecta un descenso na presión sanguínea, a glándula adrenal é estimulada por estes receptores de estiramento para que libere aldosterona, a cal incrementa a reabsorción de sodio da urina, suor, e intestinos. Isto causa un aumento da osmolaridade no fluído extracelular, o cal finalmente fará tornar á presión sanguínea normal.
  • A adrenoglomerulotropina, un factor lipídico, obtido de extractos da glándula pineal estimula selectivamente a secreción de aldosterona.[5]

A secreción de aldosterona ten un ritmo diúrno.[6]

Funcións

[editar | editar a fonte]

A aldosterona é o principal mineralocorticoide endóxeno humano. A desoxicorticosterona é outro membro importante deste grupo de substancias. A aldosterona tende a promover a retención de Na+ e auga, e diminuír a concentración de K+ no plasma polos seguintes mecanismos:

  1. Actuando sobre os receptores de mineralocorticoidess (MR) nucleares nas células principais do túbulo distal e túbulo colector do nefrón dos riles, activa as bombas de Na+/K+ basolaterais, as cales bombean tres ións sodios fóra da célula e á vez dous ións potasio cara ao interior da célula. Isto ten como resultado unha reabsorción de sodio (Na+) e auga (que se absorbe xunto co sodio) cara ao sangue, e a secreción de potasio (K+) na urina (luz do túbulo colector).
  2. A aldosterona activa a canle de soido epitelial (ENaC), incrementando a permeabilidade da membrana apical para o Na+.
  3. O Cl- é reabsorbido xunto con catións sodio para manter o equilibrio electroquímico do sistema.
  4. A aldosterona estimula a excreción de K+ cara á luz do túbulo.[7]
  5. A aldosterona estimula a reabsorción de Na+ e auga nas glándulas salivares e sudoríparas intercambiándoo con K+.
  6. A aldosterona estimula a secreción de H+ polas células intercalares dos túbulos colectores, regulando os niveis de bicarbonato (HCO3) do plasma e o seu equilibrio ácido/básico.[8]
  7. A aldosterona actúa xunto coa hormona adenohipófise vasopresina (ADH), que contribúe a conservar a auga por medio das súas accións directas sobre a reabsorción tubular renal.

A aldosterona é responsable da reabsorción de aproximadamente o 2% do sodio filtrado nos riles, o cal é case igual ao contido total de sodio do sangue humano cunha taxa de filtración glomerular (GFR) normal.[9]

A aldosterona, moi posiblemente actuando sobre os receptores de mineralocorticoides, pode influenciar positivamente a neuroxénese na circunvolución dentada da rata.[10]

Localización dos receptores

[editar | editar a fonte]

Os receptores das hormonas esteroides son intracelulares. O complexo do receptor de mineralocorticoides da aldosterona (MR) únese no ADN a un elemento de resposta á hormona específico, o que causa a transcrición de xenes específicos.

Algúns dos xenes transcritos son fundamentais para o transporte transepitelial de sodio, incluíndo as tres subunidades proteicas da canle de sodio epitelial (ENaC), as bombas de Na+/K+ e as proteínas regulatorias destes, quinases séricas e inducidas por glicocorticoides, e o factor indutor das canles, respectivamente.

O receptor de mineralcorticoides é estimulado pola aldosterona e o cortisol, pero hai un mecanismo que protexe ao corpo do exceso de estimulación do receptor de aldosterona polos glicocorticoides, que están presenten en moita maior concentración cós mineralocorticoides nun individuo san. O mecanismo consiste nun encima chamado 11 β-hidroxiesteroide deshidroxenase (11 β-HSD). Este encima está colocalizado cos receptores de esteroides adrenais intracelulares e converte o cortisol (un mineralcorticoide activo) en cortisona, un metabolito relativamente inactivo con pouca afinidade polo MR. A regalicia, que contén ácido glicirretínico, pode inhibir a 11 β-HSD e causar unha síndrome de exceso de mineralcorticoides.

Control da liberación de aldosterona polo córtex adrenal

[editar | editar a fonte]
Esquema do sistema renina-anxiotensina, no que se mostra o papel da aldosterona exercido entre as glándulas adrenais e os riles.[11]

Principais reguladores

[editar | editar a fonte]

Papel do sistema renina-anxiotensina

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sistema renina-anxiotensina.

A anxiotensina está implicada na regulación da produción de aldosterona e é o mecanismo central desta regulación.[12] A anxiotensina II actúa sinerxicamente co potasio, e a retroalimentación do potasio é virtualmente inoperativa cando a anxiotensina II non está presente.[13] Unha pequena porción da regulación feita pola anxiotensina II ten que producirse indirectamente debido ao descenso do fluxo sanguíneo no fígado causado pola constrición dos capilares.[14] Cando o fluxo sanguíneo diminúe tamén diminúe a destrución da aldosterona polos encimas do fígado.

Concentración plasmática de potasio

[editar | editar a fonte]

A cantidade de aldosterona secretada é función directa da cantidade de potasio sérico,[15][16] probablemente detectado polos sensores da arteria carótide.[17][18]

A ACTH (péptido hipofisario) tamén ten algún efecto estimulante sobre a produción de aldosterona probablemente ao estimular a formación de desoxicorticosterona, un precursor da aldosterona.[19] A aldosterona aumenta cando se perde sangue,[20] no embarazo,[21] e posiblemente por outras circunstancias tales como exercicio físico, shock por endotoxinas, e queimaduras.[22][23]

Outros reguladores

[editar | editar a fonte]

Papel dos nervios simpáticos

[editar | editar a fonte]

A produción de aldosterona está tamén afectada polo control nervioso simpático, que depende da presión na arteria corótide,[17] dor, postura,[21] e probablemente das emocións como ansiedade, medo, e hostilidade [24] (incluído o estrés cirúrxico).[25] A ansiedade fai aumentar a aldosterona [24][26].

Papel dos barorreceptores

[editar | editar a fonte]

Os barorreceptores sensibles á presión atópanse nas paredes dos vasos sanguíneos de case todas as arterias grandes do tórax e pescozo, pero son especialmente abundantes nos seos das arterias carótides e no caxato da aorta. Estes receptores especializados son sensibles aos cambios na presión arterial media. Un incremento na presión orixina un incremento no envío de impulsos dos barorreceptores e unha resposta de retroalimentación negativa, que baixa a presión arterial sistémica. A liberación de aldosterona causa a retención de sodio e auga, o cal causa un aumento do volume sanguíneo, e un incremento da presión sanguínea, pero este aumento será detectado polos barorreceptores e empezará a resposta de retroalimentación negativa.[27] Para manter a homeostase normal estes receptores tamén detectan a presión sanguínea baixa e o volume sanguíneo baixo, o que causa a liberación de aldosterona. Isto ten como resultado a retención de sodio nos riles, retención de auga e aumento do volume sanguíneo.[28]

Papel do aparato xustaglomerular

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Aparato xustaglomerular.

Realízase a través do sistema renina-anxiotensina-aldosterona (RAAS)

Concentración plasmática de sodio

[editar | editar a fonte]

A cantidade de aldosterona é unha función inversa ao consumo de sodio detectado pola presión osmótica.[29] A pendente da resposta da aldosterona ao potasio sérico é case independente do consumo de sodio.[30] A aldosterona aumenta moito con consumos baixos de sodio, pero o grao de incremento de aldosterona plasmática cando aumento o potasio no soro non é moito menor cando o consumo de sodio é alto que cando é baixo. Así, o potasio está fortemente regulado en todos os graos de consumo de sodio pola aldosterona cando a subministración de potasio é o axeitado, como ocorre normalmente nas dietas primitivas.

Control por retroalimentación

[editar | editar a fonte]

A propia concentración de aldosterona exerce un control por retroalimentación, que é pouco potente comparado coa retroalimentación por electrólitos (ións disoltos) a curto prazo.[22]

Enfermidades asociadas

[editar | editar a fonte]

No hiperaldosteronismo están incrementados anormalmente os niveis de aldosterona, e no hipoaldosteronismo están anormalmente baixos.

Límites superiores do rango de referencia
da aldosterona plasmática
Adulto levantado, 8-10 am 34.0[31] ng/dL
940[32] pmol/L
Adulto supino, 8-10 am 19,0[31] ng/dL
530[32] pmol/L
Adulto levantado, 4-6 pm 23,0[31] ng/dL
640[32] pmol/L

A cantidade de aldosterona en sangue pode medirse pola concentración de aldosterona plasmática (PAC), que se pode comparar coa actividade de renina plasmática (PRA) calculando a proporción aldosterona/renina.

Hiperaldosteronismo

[editar | editar a fonte]

O aldosteronismo primario (tamén chamado hiperaldosteronismo primario) está caracterizado pola sobreprodución de aldosterona polas glándulas adrenais,[33] ou é o resultado da excesiva secreción de renina. Produce hipertensión arterial asociada con hipocalemia, xeralmente un indicio para o diagnóstico. O hiperaldosteronismo secundario débese á sobrerreactividade do sistema renina-anxiotensina.

A síndrome de Conn's é un hiperaldosteronismo primario causado por un adenoma que produce aldosterona.

Dependendo da causa e outros factores, o hiperaldosteronismo pode tratarse cirurxicamente ou medicándose con antagonistas da aldosterona.

Hipoaldosteronismo

[editar | editar a fonte]

Unha proba de estimulación da ACTH para a aldosterona pode ser de axuda para detrminar a causa do hipoaldosteronismo, na que unha baixa resposta de aldosterona indica hipoaldosteronismo primario nas glándulas adrenais, entanto que unha resposta grande indica hipoaldosteronismo secundario.

Outras imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definición de aldosterona no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. PubChem compound Aldosterone
  3. ChemSpider Aldosterone
  4. Williams JS, Williams GH (2003). "50th anniversary of aldosterone". J Clin Endocrinol Metab. 88 (6): 2364–72. PMID 12788829. doi:10.1210/jc.2003-030490. 
  5. Farrell G (1960). "Adrenoglomerulotropin". Circulation 21 (5): 1009–15. PMID 13821632. 
  6. Hurwitz S, Cohen RJ, Williams GH (2004). "Diurnal variation of aldosterone and plasma renin activity: timing relation to melatonin and cortisol and consistency after prolonged bed rest". J App Physiol 96 (4): 1406–14. PMID 14660513. doi:10.1152/japplphysiol.00611.2003. Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2010. Consultado o 08 de febreiro de 2012. 
  7. unknown, unknown. "unknown". ionchannels.org. Arquivado dende o orixinal o 25/09/2019. Consultado o 8/4/2011. 
  8. Rector, Floyd C.; Brenner, Barry M. (2004). Saunders - Philadelphia, ed. Brenner & Rector's the kidney. ISBN 0-7216-0164-2. OCLC 51838812. 
  9. Sherwood, Lauralee (2001). Brooks/Cole - Pacific Grove, CA, ed. Human physiology: from cells to systems. ISBN 0-534-56826-2. OCLC 43702042. 
  10. Fischer AK, von Rosenstiel P, Fuchs E, Goula D, Almeida OF, Czéh B (2002). "The prototypic mineralocorticoid receptor agonist aldosterone influences neurogenesis in the dentate gyrus of the adrenalectomized rat". Brain Res. 947 (2): 290–3. PMID 12176172. doi:10.1016/S0006-8993(02)03042-1. 
  11. Page 866-867 (Integration of Salt and Water Balance) and 1059 (The Adrenal Gland) in: Walter F., PhD. Boron (2003). Elsevier/Saunders, ed. Medical Physiology: A Cellular And Molecular Approaoch. p. 1300. ISBN 1-4160-2328-3. 
  12. Williams GH, Dluhy RG (1972). "Aldosterone biosynthesis. Interrelationship of regulatory factors". Am J Med 53 (5): 595–605. PMID 4342886. doi:10.1016/0002-9343(72)90156-8. 
  13. Pratt JH (1982). "Role of angiotensin II in potassium-mediated stimulation of aldosterone secretion in the dog". J Clin Invest. 70 (3): 667–72. PMC 370270. PMID 6286729. doi:10.1172/JCI110661. 
  14. Messerli FH, Nowaczynski W, Honda M; et al. (1977). "Effects of angiotensin II on steroid metabolism and hepatic blood flow in man". Circulation Research 40 (2): 204–7. PMID 844145. 
  15. Bauer JH, Gauntner WC (1979). "Effect of potassium chloride on plasma renin activity and plasma aldosterone during sodium restriction in normal man". Kidney Int. 15 (3): 286–93. PMID 513492. doi:10.1038/ki.1979.37. 
  16. Linas SL, Peterson LN, Anderson RJ, Aisenbrey GA, Simon FR, Berl T (1979). "Mechanism of renal potassium conservation in the rat". Kidney Int. 15 (6): 601–11. PMID 222934. doi:10.1038/ki.1979.79. 
  17. 17,0 17,1 Gann DS Mills IH Bartter 1960 On the hemodynamic parameter mediating increase in aldosterone secretion in the dog. Fed. Proceedings 19; 605-610.
  18. Gann DS, Cruz JF, Casper AG, Bartter FC (1962). "Mechanism by which potassium increases aldosterone secretion in the dog". Am J Physiol. 202: 991–6. PMID 13896654. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 08 de febreiro de 2012. 
  19. Brown RD, Strott CA, Liddle GW (1972). "Site of stimulation of aldosterone biosynthesis by angiotensin and potassium". J Clin Invest. 51 (6): 1413–8. PMC 292278. PMID 4336939. doi:10.1172/JCI106937. 
  20. Ruch TC Fulton JF 1960 Medical Physiology and Biophysics. W.B. Saunders and Co., Phijl & London. On p1099.
  21. 21,0 21,1 Farrell G (1958). "Regulation of aldosterone secretion". Physiological Reviews 38 (4): 709–28. PMID 13590935. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 08 de febreiro de 2012. 
  22. 22,0 22,1 Vecsei, Pál; Gláz, Edith (1971). Pergamon Press - New York, ed. Aldosterone. ISBN 0-08-013368-1. OCLC 186705. 
  23. Farrell GL, Rauschkolb EW (1956). "Evidence for diencephalic regulation of aldosterone secretion". Endocrinology 59 (5): 526–31. PMID 13375573. doi:10.1210/endo-59-5-526.  on 529
  24. 24,0 24,1 Venning EH, DyrenfurthY I, Beck JC (1957). "Effect of anxiety upon aldosterone excretion in man". J Clin Endocrinol Metab. 17 (8): 1005–8. PMID 13449153. doi:10.1210/jcem-17-8-1005. 
  25. Elman R, Shatz BA, Keating RE, Weichselbaum TE (1952). "Intracellular and Extracellular Potassium Deficits in Surgical Patients". Annals of surgery 136 (1): 111–31. PMC 1802239. PMID 14934025. doi:10.1097/00000658-195208000-00013. 
  26. Sharp GUG Leaf A 1966 in; Recent Progress in Hormone Research.(Pincus G, ed.
  27. Copstead, E. C. & Banasik, J. L. (2010.) Pathophysiology. (4th ed.). St. Louis, Mo: Saunders Elsevier.
  28. Marieb, E. N. (2004) Human anatomy and physiology (6th ed) San Francisco: Pearson Benjamin Cummings.
  29. Schneider EG, Radke KJ, Ulderich DA, Taylor RE (1985). "Effect of osmolality on aldosterone secretion". Endocrinology 116 (4): 1621–6. PMID 3971930. doi:10.1210/endo-116-4-1621. 
  30. Dluhy RG, Axelrod L, Underwood RH, Williams GH (1972). "Studies of the control of plasma aldosterone concentration in normal man: II. Effect of dietary potassium and acute potassium infusion". J Clin Invest. 51 (8): 1950–7. PMC 292351. PMID 5054456. doi:10.1172/JCI107001. 
  31. 31,0 31,1 31,2 New Assays for Aldosterone, Renin and Parathyroid Hormone Arquivado 27 de outubro de 2011 en Wayback Machine. University of Washington, Department of Laboratory Medicine. Retrieved Mars 2011
  32. 32,0 32,1 32,2 Conversión a partir dos valores das masas utilizando unha masa molar de 360,44 g/mol
  33. Conn JW, Louis LH (1955). "Primary aldosteronism: a new clinical entity". Trans. Assoc. Am. Physicians 68: 215–31; discussion, 231–3. PMID 13299331. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]