Cariño
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Cariño | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.769 (2023) (80,19 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 47 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Altitude | 613 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | José Miguel Alonso Pumar | ||||
Eleccións municipais en Cariño | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15360 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15901 | ||||
Sitio web | concellodecarino.gal |
Cariño é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Ortegal. Segundo o IGE, en 2014 tiña 4.241 habitantes (4.590 no 2009, 4.700 no 2006, 4.788 no 2005, 4.798 no 2004, 4.812 no 2003). O xentilicio é cariñés.[1]
Xeografía
[editar | editar a fonte]No concello está a Punta dos Aguillóns (Cabo Ortegal).
A serra da Capelada elévase na parte occidental do Concello e descende cara ó océano Atlántico con elevados cantís, un dos cales, o de Herbeira, xa no concello de Cedeira, é considerado o máis alto da Europa continental. Os montes máis destacados da Capelada son o monte Herbeira (613 m), monte Limo (558 m) e Monte Miranda.
A zona oriental do Concello está formada polo descenso dos montes, de forma suave, cara á Ría de Ortigueira. Nesta zona sitúanse todos os núcleos de poboación do Concello, a maior parte dos cales preto da ría.
Os cinco ríos maiores do concello son o río Soutullo, Maguleiro, Sagrón, Lourido, Seixo e río de Barreiros. Todos eles nacen na Serra da Capelada e descenden cara ó leste. Trátase de ríos de augas polo xeral rápidas, e moi curtos.
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo total 2014 | 4.241 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 393 (9.27 %) |
Entre 15 e 64 anos | 2.502 (59 %) |
Maiores de 65 anos | 1.346 (31.74 %) |
Clima
[editar | editar a fonte]Dentro do concello, hai dúas áreas ben diferenciadas. Na cima dos montes da Serra da Capelada, as precipitacións son elevadas todo o ano (2000 mm); debido á protección destes mesmos montes, as chuvias redúcense lixeiramente na zona oriental do Concello (aproximadamente uns 1000 mm). A temperatura media anual sitúase entre os 13º e os 14º.
Comunicacións
[editar | editar a fonte]A principal estrada de Cariño (CP-6121) conéctao con Ponte de Mera, en Ortigueira, e transcorre case a carón da costa, a través das parroquias de Feás, Landoi, Sismundi, A Pedra e, finalmente, Cariño. Dende aquí, pódese continuar cara ó Cabo Ortegal por unha estrada local; de igual forma pódese subir á Serra da Capelada mediante dous ramais, un que parte de Feás e o outro, de A Pedra.
Historia
[editar | editar a fonte]Os restos atopados na Serra da Capelada evidencian que o concello estaba xa poboado na época prehistórica: no monte do Limo acháronse lascas de sílex, e hai cinco dolmens (no Coto de Lodeiro, na Cova da Fornela, no Coto da Zarza e dous no monte de Herbeira).
O concello continuou a ser poboado varios milenios máis tarde, a xulgar polos castros da Moura, da Punta do Castro e da Cancela. En San Xiao de Trebo, un pequeno núcleo de poboación situado ó norte de Cariño, atopáronse restos dunha vila romana baixo unha capela.
Da Alta Idade Media coñécense varias construcións, entre elas A Pena do Castelo de Cariño (na parroquia da Pedra), do que só se conservan algúns restos.
Xa máis adiante, Cariño foise convertendo nunha vila pesqueira. No ano 1584, o padrón rexistra "39 veciños e 124 almas". A partir do século XVII, Cariño converteuse en parte do condado de Santa Marta de Ortigueira.
O papel pesqueiro de Cariño reforzouse durante o século XIX e o principios do XX coa implantación de fábricas de salazón, e posteriromente de conserva, por parte de inmigrantes procedentes de Cataluña, unha nova burguesía local á que se sumaron familias da comarca e doutros puntos de Galicia.
Especialmente traumáticos para o porto foron a galerna de 1887, que ocasionou a desfeita de varias fábricas de salazón situadas a pé de praia, e barcos, e unha revolta popular acontecida en 1897 con tráxicas consecuencias ao cargar a Garda Civil contra os manifestantes, a práctica totalidade da poboación.
As mudanzas económicas proletarizaron o sector mariñeiro, supuxeron o acceso das mulleres ao traballo asalariado e propiciaron o crecemento dunha pequena burguesía local. O nome de Cariño non tardou en sumarse, baixo as siglas da CNT e outras, á emerxencia do sindicalismo mariñeiro ao ritmo dos outros enclaves pesqueiros do país.
A represión comandada pola Falange (asasinatos, prisión, exilio...) ensañouse cruelmente na comarca do Ortegal contra a militancia anarquista e socialista tras o golpe de Estado do 36.[2]
A industria pesqueira e conserveira conseguiron recuperarse unha vez pasada a posguerra e as fortes correntes migratorias entre os anos 40-60. Unha nova xeración de mariñeiros con vocación empresarial explorou novos caladoiros. A frota medrou e modernizouse e o rendemento vinculado ás especies de altura (pescada, bonito etc.) permitiu notorios avances sociais. A pesar de todas as conserveiras iren pechando paulatinamente, nesa mesma época chegou un período de prosperidade para Cariño que se acentuou coa extracción e exportación de dunita a partir da década dos oitenta.
Xurdiron tamén daquela iniciativas culturais e incrementouse o asociacionismo. Organizouse o Festival de Teatro de Cariño -que acabou sendo dos de maior renome no circuíto nacional- e logrouse o consenso social e político para conseguir dous centros de ensino oficiais e, máis tarde, a proclamación do Concello independente o 21 de xaneiro de 1988 tras aprobarse oficialmente a súa segregación de Ortigueira. Cariño é o Concello número 313 de Galicia.
Economía
[editar | editar a fonte]O Concello de Cariño é economicamente activo. O sector de maior importancia é o da pesca, se ben na actualidade baixou a súa actividade. As industrias conserveiras eran outra fonte de emprego e de riqueza no concello, que nos anos 60 contabilizaba dúas ducias de empresas.[3] Desde os anos 70 foron cerrando case todas, na actualidade so permanece aberta unha, conservas La Pureza. Na parroquia de Landoi hai unha mina de dunita.
Cultura
[editar | editar a fonte]Cariño, como outras vilas, ten posto o foco nalgunha manifestación cultural. Neste caso é o teatro, sen dúbida, o evento anual máis destacado. En 1978 ponse en marcha a primeira edición do Festival de Teatro Galego-Portugués, levada a cabo pola Agrupación Cultural Malveira, fundada en 1975 para dinamizar a vida cultural do porto. Dentro desta agrupación naceu o grupo de teatro Malveira, que durou ata 1983,e que organizou o festival ata 1990. Posteriormente foi asumido polo acabado de crear concello de Cariño, cambiando a denominación a Mostra de Teatro, que en 2018 celebrou a súa XL edición.[4]
Goberno municipal
[editar | editar a fonte]Trala segregación de Ortigueira das parroquias que constituirían o concello de Cariño, en 1988, o socialista José Luis Armada pasou a ser o seu alcalde, un posto que revalidaría nos comicios locais de 1991. Abriríanse despois dous mandados (de 1995 a 2003) con Fernando Tallón (PPdG) como novo alcalde. Porén, en 2003 e 2007 Armada volvería ser alcalde, nunha corporación que, en ámbalas dúas citas, estivo composta por 5 edís do PSdeG-PSOE, 4 do PP e 2 do BNG. Situación que abocou a senllos gobernos de coalición entre socialistas e nacionalistas.
En 2011 é elixida alcaldesa Mª Purificación Seixido Gómez, do Bloque Nacionalista Galego (BNG). A corporación municipal completábase con 3 concelleiros do BNG,4 do PP e 3 do PSdeG-PSOE. En 2015, José Miguel Alonso Pumar (PSdeG-PSOE), é elixido novo alcalde, ao contar os socialistas con 4 concelleiros por 3 do PP, outros 3 de BNG, e 1 de AECA. Nas eleccións municipais no 2019 revalidaría cunha maioría absoluta de 7 concelleiros, por 3 do PP e un do BNG.
Cariño na literatura popular
[editar | editar a fonte]- Meu señor San Andresiño/ póñano-lo vento en popa/ que somo-los de Cariño,/ traémo-la vela rota.[5]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Cariño.
-
Punta do Limo
-
Vista dende san Xiao
-
Faro
-
Vista panorámica de Cariño
-
Placa altimétrica na casa do concello.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Cariño | |
---|---|
Cariño (San Bartolomeu) | Feás (San Pedro) | Landoi (Santiago) | A Pedra (Santa María) | Sismundi (Santo Estevo) |
Lugares de Cariño
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cariño vexa: Lugares de Cariño.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 44. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Suárez, Xosé Manuel (1993). O alzamento de 1936 no norte da Coruña. Sada, A Coruña [Spain]: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-657-6. OCLC 32034415.
- ↑ Armada Castro, José Luis (2015). "Unha mirada persoal sobre a segregación de Cariño". Terras do Ortegal, revista de estudos locais, Nº 2.
- ↑ Soneira Do Canto, Rafael (2018). "O teatro e o Porto de Cariño". Revista Terras do Ortegal (Ortigueira-A Coruña) 5: 35–49.
- ↑ Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13. Santo André de Teixido é unha parroquia do concello de Cedeira, concello que linda ó leste co de Cariño.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cariño |