[go: up one dir, main page]

Venres Santo

celebración litúrxica do cristianismo

O Venres Santo é unha das principais celebracións litúrxicas do cristianismo. Este día conmemórase a morte de Xesús de Nazaret, crucificado no século I. A Semana Santa chega a un dos seus días máis transcendentais, no que son numerosas as manifestacións tradicionais de devoción popular ao longo de todo o mundo.

Cristo Crucificado de Diego Velázquez.

Relato bíblico

editar
 
O bico de Xudas por Gustave Doré (1866)

Segundo os relatos do Novo Testamento, o gardas do Templo, guiados por Xudas Iscariote, arrestaron a Xesús nun terreo coñecido como Xetsemaní e Xudas recibiu en recompensa pola súa traizón trinta moedas de prata. Tras o arresto levaron a Xesús á casa de Anás, sogro de Caifás, o sumo sacerdote. Alí interrogárrono sen resultado e logo enviárono xunta Caifás, xulgándoo o Sanedrín. Eleváronse testemuños falsos contra el na procura dunha condena a morte sen resultado, e sen que Xesús retrucase; finalmente o sumo sacerdote preguntoulle directamente ser era o Mesías, o fillo de Deus ao que Xesús respondeulle ambiguamente "Ti o dixeches. E dígovos máis: A partir de agora ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso e vén entre as nubes do ceo"[1]. Daquela o Sanedrín concluíu que merecía a morte por blasflemia. Pedro que estaba sentado fóra, no patio, tamén negou tres veces aos alí congregados que fora un dos seus discípulos xusto como Xesús dixera.

 
Unha procesión de Venres Santo en Mumbai.

Pola mañá entregaron a Xesús ao gobernador romano Poncio Pilato acusándoo de revolucionar ao pobo, opoñerse aos tributos ao César, e declarse Mesías e rei[2]. Pilatos autorizou os líderes xudeus xulgar a Xesús segundo a súa propia lei e executar a sentenza, non obstante os líderes xudeus replicáronlle que non podían senteciar a morte[3].

Pilatos non atopou delito ningún e coñecendo que era galileo e pertencía á xurisdición de Herodes, que estaba en Xerusalén pola festa da Pessach. Herodes fíxolle moitas preguntas pero Xesús non lle dixo palabra e Herodes envioullo de volta a Pilato e este declarou que nin el nin Herodes atoparan delito ningún nel e que tras escarmentalo íao soltar[4]. Pero a multitude, persuadida polos sumos sacerdotes, berraba que seguindo o costume da pascua de soltar un prisioneiro soltase a Barrabás, na cadea por unha revolta con asasinato, e que crucificase a Xesús, a muller de Pilato intercedeu diante o seu home por Xesús afirmando que o vira en soños [5]. Pilato teimaba en liberar a Xesús pero diante a oposición do pobo tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo que el non era responsable dese sangue, soltando logo a Barrabás e tras mandar azoutar a Xesús entregoullo ao Sanedrín para que o crucificasen.

 
Pintura de Antonio Ciseri do Ecce Homo con Xesús e Poncio Pilato (XIX)

Xesús vestindo de púrpura e levando unha coroa de espiños cargou el mesmo coa cruz ata o lugar da execución, chamado da Caveira, en hebreo "Gólgota" e alí crucificárono con dous criminais. Xesús agonizou na cruz durante seis horas e desde o mediodía a escuridade cubriu a terra ata máis das dúas da tarde[6] Cun grande berro, Xesús entreou a súa alma, tremeu a terra, as rochas fenderon, abríronse os sepulcros e o centurión e mailos que con el gardaban a Xesús dixeron aterrados "Verdadeiramente este era o Fillo de Deus" [7]

Xosé de Arimatea, home bo e honrado, conselleiro do Sanedrín pediulle o corpo de Xesús a Pilato[8], baixándoo da cruz , levouno envolto nunha saba ata un sepulcro cavado na rocha, as mulleres prepararon perfumes e bálsamos e como xa despuntaba o sábado foron descansar, conforme o mandado. O primeiro día da semana volveron o sepulcro e atoparon a lousa quitada e viron que o corpo de Xesús non estaba, aparecendo dous homes con vestidos resplandecentes que lles dixeron que Xesús resucitara recordándolles as palabras ditas en Galilea "que cumpría que entregasen ao Fillo do Home nas mans dos pescadores, que o crucificasen e que resucitase ao terceiro día"[9]

Venres Santo na Igrexa Católica

editar
 
Crucifixo preparado para a súa veneración

A Igrexa Católica considera o Venres Santo un día de xaxún e abstinencia obrigatorio, agás causas de exclusión recoñecidas, na de rito latino os crentes entre 18 e 59 anos han de gardalo reducindo a cantidade de comida habitual a un xantar e dúas comidas máis pequenas que xuntas non sobrepasen a comida principal en cantidade, estando prohibida a inxesta de carne aos crentes maiores de catorce anos. As igrexas orientais seguen as leis particulares de cada rito pero en conxunto ao igual que as igrexas ortodoxas seguen un xaxún estrito o Venres Santo.

No rito latino non se celebra a misa entre a Eucaristía da tarde da Xoves Santo e a Vixilia Pascual, agás raras excepcións autorizadas polo Vaticano ou o bispo local. Non se poden celebrar sacramentos, agás o bautismo para os que estean en perigo de morte, a penitencia e a unción dos enfermos. A comuñón distribúese dentro do servizo da Paixón do Señor, aínda que se pode levar en calquera hora do día aos enfermos que non poidan acudir ao servizo. O altar ha de estar por completo baldeiro e mais é costume librar as pías de auga bieita.[10].

A celebración da Paixón do Señor celébrase despois do mediodía, idealmente contra ás tres da tarde, pero por razóns pastorais pode atrasarse. O sacerdote e diácono van revestidos de cor vermella, antes de 1970 ían de negro agás na parte da comuñón, cando vestían de violeta[11], e antes de 1955 usábase sempre o negro[12].

 
Comuñón de Venres Santo nunha igrexa católica

A liturxia consiste de tres partes:

  • A Liturxia da palabra, o clero e o diácono entran en completo silencio, sen canto ningún, e fan unha prostración completa, ou de se xulgar mellor axeóllanse e oran en silencio durante un certo tempo, logo o sacerdote, e ministros, diríxese á sede e di unha oración, á que segue a lectura de Isaías 52:13–53:12, Hebreos 4:14–16 e 5:7–9 e a historia da Paixón de Cristo segundo o Evanxeo de San Xoán. Esta parte da liturxia conclúe coas orationes sollemnes, unha serie de oracións pola igrexa, o papa, polos ministros e os fieis, polos catecúmenos, pola unidade dos cristiáns, polos xudeus, polos que non cren en Cristo, polos que non cren en Deus, polos gobernantes ou polos que se atopan en padecemento.
    A Solemne Adoración da Santa Cruz. Hai dúas formas de adoración, na primeira o sacerdote leva unha cruz ao altar, cuberta por un pano e acompañado por dous ministros que levan candeas accesas; o sacerdote descobre un pouco a parte superior elevándoa, cantando a invitación: "Mirade a árbore da Cruz onde estivo cravada a salvación do mundo. Vinde adorala", os fieis axeóllanse e adórana en silencio, logo o sacerdote descobre o brazo dereito da cruz repetíndose de novo o proceder anterior. Na segunda forma o sacerdote ou outro ministro vai ata a porta da igrexa, onde está a cruz descuberta, lévaa logo acompañado dos outros ministros con candeas van en procesión pola igrexa ata o presbiterio, e no medio da igrexa antes de subir ao presbiterio elévaa e canta a invitación "Mirade a árbore" ao que todos responden "Vinde adorala" axeollándose e adorándoa en silencio despois de cada unha das respostas. Deseguidoo sacerdote acompañado por dous ministros con candeas, leva a cruz ao comezo do presbiterio ou outro lugar apto, deixándoa alí ou entregándolla os ministros para que a sosteñan, unha vez que deixaron as candeas nas dúas beira da cruz. O sacerdote, ministros e fieis achéganse en procesión e adoran a cruz mediante unha xenuflexión ou bicándoa.
    A Santa Comuñón faise segundo o rito baséado na parte final da Misa, comezando polo Noso Pai pero omitindo a cerimonia da fracción do pan e o seu canto relacionado, o "Agnus Dei". A eucaristía é a consagrada na misa do Xoves Santo, e distribúese ós fieis pero antes da reforma do papa Pío XII só o sacerdote recibía a comuñón[12].

Viacrucis

editar
 
Viacrucis celebrado no Coliseo en Roma no Venres Santo

Ademais do servizo litúrxico nalgúns lugares conmemórase o día co rezo do Viacrucis, onde por medio de catorce estacións lémbranse os pasos de Xesús camiño da súa morte, pódese realizar no templo, onde hai representacións pictóricas ou relevos das estacións, ou nas rúas arredor do templo, mesmo nalgúns lugares é tradición que fieis caracterizados dramaticen as diferentes estacións. En países como Malta, Italia, Filipinas, Porto Rico ou España existe a tradición de realizar procesións con estatuas que representan a Paixón de Cristo. En Roma, desde 1991 durante o papado de Xoán Paulo II, realízase un viacrucis con quince estacións.

Igrexas orientais

editar
 
Icona da Crucifixión do século XVI de Teófanes de Creta. Mosteiro de Stavronikita, Monte Athos)

Os cristiáns das igrexas orientais que seguen o rito bizantino, ortodoxos e grecocatólicos, denomínano "Venres Santo e Grande" ou simplemente "Venres Grande"[13]

Non celebran a divina liturxia, agás cando coincide coa festa grande da Anunciación, o 25 de marzo para as igrexas que seguen o tradicional calendario xuliano que corresponde ao 7 de abril do gregoriano. Os sacerdotes levan vestimentas de cor negra e os ornamentos do altar póñense tamén negros, e así quedarán ata a divina liturxia do Sábado Grande.

Os fieis reviven os acontecementos dese día por lecturas públicas de salmos específicos e dos evanxeos, e mais tamén cantan himnos litúrxicos acerca da morte de Cristo. Na teoloxía ortodoxa, os eventos da Semana Santa non son simplemente unha conmemoración anual de sucesos pasados, senón que os fieis participan na morte e resurrección de Xesús.[14]

Obsérvase un xaxún estrito, un xaxún negro, e así, tradicionalmente, os cristiáns bizantinos adultos abstéñense de consumir calquera alimento ou bebida o día enteiro, se non pon en perigo a súa saúde e os moi vellos ou enfermos poden comer despois da postura de Sol[14].

Galería de imaxes

editar
  1. Mateo 26:64
  2. Lucas 23:1–2
  3. Xoán 18:31
  4. Lucas 23:3–16
  5. Mateo 27:19
  6. Mateo 27:45
  7. Mateo 27:45–54
  8. Lucas 23:50–52
  9. Lucas 24:7
  10. Removing Holy Water During Lent Arquivado 19 de abril de 2014 en Wayback Machine., 14 de marzo de 2003
  11. Misal romano de 1962.
  12. 12,0 12,1 "Misal romano de 1920". Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2020. Consultado o 18 de abril de 2014. 
  13. Gerald O'Collins, Edward G. Farrugia (2013). A Concise Dictionary of Theology. Paulist Press. p. 108. ISBN 978-1-587-68236-0. 
  14. 14,0 14,1 Bulgakov, Sergei V. (1900). "Great Friday". Handbook for Church Servers (PDF) (2nd ed.). Kharkov: Tr. Archpriest Eugene D. Tarris. p. 543. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 6 April 2015.