Teatro romano de Mérida
O Teatro romano de Mérida é un teatro histórico levantado pola Antiga Roma na colonia Augusta Emerita, actual Mérida (España). A súa creación foi promovida polo cónsul Marco Vipsanio Agripa e, segundo unha data inscrita no propio teatro, a súa inauguración produciuse cara aos anos 16-15 a. C. «Príncipe entre os monumentos emeritenses», como o denominou José Menéndez-Pidal, arquitecto que dirixiu a súa reconstrución desde 1964, o teatro é Patrimonio da Humanidade desde 1993 como parte do Conxunto arqueolóxico de Mérida.
Tipo | Teatro romano | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Roman Theatre, Amphitheatre, the Amphitheatre House (en) | |||
Localización | ||||
División administrativa | Mérida, España | |||
| ||||
Características | ||||
Ben de interese cultural | ||||
Identificador | RI-51-0000107 | |||
O teatro sufriu varias remodelacións, a máis importante cara ao ano 105, en época do emperador Traxano, ao erguerse a fronte escénica actual, e outra en época de Constantino I, entre os anos 333 e 335. O teatro foi abandonado no século IV d. C. tras a oficialización no Imperio romano do cristianismo, que consideraba inmorais as representacións teatrais. O edificio foi cuberto de terra e durante séculos a súa única parte visible foi a summa cavea, as bancadas superiores, que foron bautizadas polos emeritenses «As sete cadeiras». As escavacións arqueolóxicas no edificio comezaron a principios do século XX e desde 1933 o teatro alberga a celebración do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida. En 2007 o teatro foi nomeado un dos 12 Tesouros de España.[1]
Historia
editarA construción de teatros na Antiga Roma respondía máis a intereses políticos que aos gustos do pobo romano, que prefería acudir ao circo a ver carreiras de carros e ao anfiteatro a ver combates entre gladiadores e animais.[2] Desde o teatro a autoridade realizaba unha eficiente propaganda dela mesma e do modo de vida romano, tanto a través da grandiosidade do edificio e a súa decoración como das mensaxes que desde o seu escenario se podían transmitir. O teatro emeritense, promovido polo cónsul Marco Vipsanio Agripa, inaugurouse entre os anos 16 e 15 a. C., segundo se deduce das inscricións situadas sobre as portas de acceso á orchestra.[3]
O uso do edificio durante varios séculos fixo necesarias algunhas reformas. Así, cara ao ano 105 levantouse a actual fronte de escena, que se volveu reformar entre os anos 333 e 335 xunto coa vía que rodea o edificio.[3] Debido en gran medida á implantación oficial do cristianismo no século IV, relixión que consideraba inmorais as representacións teatrais, o edificio deixou de utilizarse e foi abandonado. Co paso do tempo algunhas das súas partes derrubáronse mentres outras fóronse cegando con terra. Durante séculos unicamente foi visible a parte superior da súa bancada coas bóvedas dos vomitorios afundidos, polo que os habitantes da cidade creron ver sete grandes asentos, «As sete cadeiras», onde segundo a lenda sentaban outros tantos reis mouros para deliberar sobre o destino da cidade.[4]
As escavacións do teatro comezaron en 1910 dirixidas polo arqueólogo José Ramón Mélida. Con escasos medios e unha metodoloxía non de todo axeitada, que impediu reconstruír a evolución do teatro desde o seu abandono até finais do século XIX, exhumouse a maior parte do edificio, documentáronse numerosas columnas, cornixas, estatuas e outros materiais do edificio, sobre todo da fronte escénica. Non foi até os anos 60 e 70 do século XX cando se reconstruíu a fronte escénica, baixo a dirección do arquitecto e arqueólogo José Menéndez-Pidal e Álvarez. Desde 1933 alberga o desenvolvemento do Festival de Teatro Clásico de Mérida, hoxe en día Festival Internacional, co cal recupera a súa función orixinal e transcende o mero ornamento.
Descrición
editarLevantado seguindo fielmente as regras dos tratados de Marco Vitruvio, o edificio responde a un modelo tipicamente romano, xa establecido anteriormente nas construcións de Pompeia e Roma.
Bancadas e orchestra
editarA bancada (cávea) semicircular do teatro aproveita a pendente do cerro de San Albín. Con capacidade no seu momento para 6000 espectadores, as bancadas divídense en tres zonas: ima cavea, media cavea e summa cavea, esta última moi deteriorada na actualidade.[5]
A parte inferior, na que se situaban as clases sociais máis acomodadas, ten vinte e dúas ringleiras de asentos e subdivídese en cinco sectores radiais (cunei) delimitados por escaleiras e, a nivel horizontal, por un corredor (praecintio) que o separa das bancadas superiores. Seis portas na súa parte superior dan acceso a un corredor semicircular cuberto por unha bóveda anular que facilita a entrada e saída por dúas portas en senllos extremos.[5] As cáveas media e superior posúen cada unha cinco fileiras de asentos e están sustentadas por un complexo sistema de arcos e bóvedas de canón. En total, no exterior trece portas facilitaban o acceso e evacuación dos asistentes ao teatro.[5]
A orchestra é un espazo semicircular pavimentado de mármores brancos e azulados destinado ao coro. Está rodeada de tres bancadas de honra para as autoridades e separada da bancada por un antepeito de mármore, do cal se conserva un fragmento. Na súa fronte hai un muro que alterna tramos rectos e curvos e a separa do escenario.[5]
Escenario
editarO proscenio rectangular, o escenario ou pulpitum, estaría pavimentado de madeira na antigüidade e conta con varios furados no chan que orixinalmente servirían para colocar os mastros do pano e demais infraestruturas escénicas. A fronte da escena (scaenae frons) é a parte máis espectacular e característica do teatro. Ten 7,5 m de anchura, 63 de lonxitude e 17,5 de altura total; está formado por un baseamento de perpiaños recubertos de mármore avermellado sobre o que repousan dous corpos de columnas de orde corintia que combinan o mármore de vetas azuladas dos seus fustes co branco de basas e capiteis. Estas columnas sustentan un entaboado con arquitrabe, friso e cornixa ricamente decorados. Un gran muro revestido de mármore pecha a parte traseira da escena. A decoración desta parte complétase coa disposición de esculturas entre as columnas —cuxos orixinais se custodian no próximo Museo Nacional de Arte Romana dos deuses Ceres, Plutón, Proserpina e doutros personaxes con togas e coirazas que se interpretaron como retratos imperiais. Tres portas permiten a entrada dos actores a escena, unha central —valva rexia— e dúas laterais —valva hospitalia—. Nos laterais e na parte posterior existen varias dependencias que eran usadas polos actores e polos técnicos das representacións.[6]
Perístilo
editarTras a escena construíuse unha zona axardinada de planta cuadrangular rodeada de columnas e pórticos, o perístilo, que se usaba como área de esparexemento. Ao fondo deste xardín, en eixo coa porta central da escena, existe unha pequena sala dedicada ao culto imperial, segundo se deduce do achado dun retrato escultórico do emperador César Augusto ataviado como Pontifex Maximus. Na esquina norte do perístilo, elevadas sobre o nivel do xardín, están as latrinas, e ao oeste os restos dunha casa construída tras o abandono do teatro. Esta residencia conta cun patio rodeado de columnas e pilastras e varias habitacións, algunhas rematadas con forma de ábsida e a maior de todas con pinturas murais que representan figuras humanas a tamaño natural.[7]
Notas
editar- ↑ 12 Tesoros de España
- ↑ Barroso & Morgado 1996, p. 8.
- ↑ 3,0 3,1 Barroso & Morgado 1996, p. 9.
- ↑ Barroso & Morgado 1996, p. 10.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Barroso & Morgado 1996, p. 11.
- ↑ Barroso & Morgado 1996, p. 13.
- ↑ Barroso & Morgado 1996, p. 14.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teatro romano de Mérida |
Bibliografía
editar- Barroso, Yolanda; Morgado, Francisco (1996). Mérida, Patrimonio de la Humanidad. Conjunto monumental. Mérida: Consorcio de la Ciudad Monumental Histórico-Artística y Arqueológica de Mérida (Depósito legal: BA-335-1996).