[go: up one dir, main page]

Reino de Amurru

(Redirección desde «Sapili»)

Amurru era o nome que se lles daba ás terras exipcias de Siria. As tribos nómades amoritas chamadas amorreos vivían nas zonas das montañas do Líbano e na costa estaban as grandes cidades comerciais como Beruta (Beirut) Gubla (Biblos), Ardata, Ullassa, Irqata, Sumur e outras. A última, Sumur, era a residencia do gobernador exipcio do país coñecido por Amurru.

Un xefe nómade, Abdi-Asirta, propúxose dominar a rexión e reuniu ao seu carón a unha serie de aventureiros chamados apiru; cando comezou a campaña saíu das montañas e comezou a conquista: os apiru mataron o rei Aduna de Irqata; como non houbo resposta exipcia, o príncipe de Arasni, aliado de Abdi-Asirta, conquistou Ardata. Coas dúas cidades como base do seu poder estendeuse ao norte e sur; a cidade de Sigata foi a seguinte en caer. Rib-Hadda, rei de Biblos, era o aliado máis fiel de Exipto e non parou de pedir axuda aos exipcios contra o novo inimigo. Pouco despois o príncipe de Ammiya era asasinado, e os rebeldes uníronse aos apiru.

En pouco tempo o xefe dos apiru, Abdi-Asirta, apoderárase de case todo Biblos e o rei xa só conservaba a capital e dúas cidades máis: as outras cidades e aldeas xa estaban en mans dos apiru. Naquel momento, nun inesperado ataque, o príncipe de Sehlal, Yamaya, apoderouse de Sumur mentres o gobernador exipcio Pahanate, estaba de viaxe en Exipto. Entón Abdi-Asirta aproveitou a ocasión e atacou Sumur, derrotou a Yamaya e apoderouse da cidade. Con todo iso aínda Abdi-Asirta continuaba dicindo que era un leal vasalo de Exipto e que ocupara Sumur para protexela do asalto de Yamaya. Aproveitando os problemas de Abdi cos exipcios (aos exipcios non lles interesaba quen gobernaba cada cidade senón só que fose leal ao faraón) Rib-Hadda de Biblos apoderouse de Sigata, cousa que os exipcios desaprobaron. Entón os exipcios decidiron recoñecer a Abdi, que tiña un exército forte e seguidores leais, mentres recoñecese a autoridade do faraón. O gobernador exipcio Haya recoñeceulle os dominios que xa tiña e non fixeron nada cando recapturou Sigata, e a cidade de Ampi, que pertencía a Bíblos.

Bíblos quedou bloqueada; pechóuselle o paso ao gran que viña de Yarimuta á cidade e os habitantes desta comezaron a pasar fame. O gobernador exipcio Tanhami comprou grande ao rei Yapah-Hadda de Beruta (Beirut), pero a pesar de que foi pago, non chegou, probabelmente porque Beirut fixera un trato cos apiru.

Cando Tushratta de Mitanni comezou a recuperar os territorios sobre os que un pouco antes se impuxeran os hititas, Abdi-Asirta de Amurru, que seguramente se apoderara dalgúns territorios antes hurritas (Tunip probablemente), intentou ser leal aos dous grandes reis (o faraón e o rei de Mitanni), a cada un polos territorios correspondentes. Esta manobra foi denunciada por Rib-Hadda de Biblos a través dun antigo comandante militar exipcio en Sumur, que previamente estivera un tempo en Bíblos á fronte da gornición, chamado Aman-Appa. Abdi-Asirta visitou Mitanni e iso, considerado unha gran deslealdade, fixo reaccionar aos exipcios. Aínda Abdi-Asirta puido conquistar Batruna, a última cidade que lle quedaba a Bíblos; os carros de combate de Abdi estaban ás portas de Bíblos, pero xa Exipto comezaba a enviar forzas, e cando estaban xa preto algúns corpos comezaron a desertar. Abdi-Asirta pediu axuda ao rei de Mitanni que non lle contestou. Finalmente a súa propia xente matou a Abdi-Asirta. Os seus fillos reuniron aos leais e aínda conservaron as posicións paternas, aínda que non Bíblos, pero contraatacaron nos seguintes meses e Pu-Bahla, un dos fillos, apoderouse de Ullassa, Ardata, Wahliya, Ampi e Sigata.

Durante a segunda campaña do rei hitita Suppiluliumas I en Siria, un dos fillos de Abdi-Asirta chamado Aziru, escribiu a Suppiluliumas e declarouse o seu vasalo. O rei hitita di

"Aziru, rei da terra de Amurru, ás portas do territorio exipcio, volveuse vasalo do "Sol meu", rei de Hatti. E o gran rei, "Sol meu", aledouse moito. E Aziru tamén. Porque Aziru veu axeonllarse aos pés do "Sol meu" desde a porta do país exipcio, e o "Sol meu", gran rei, ergueu a Aziru e o elevou a rei entre os seus irmáns".

Probabelmente é preciso interpretar esta cita como que un dos irmáns se someteu aos hititas e foi proclamado rei de Amurru polo rei hitita (reino que naceu así formalmente). Se os outros irmáns o aceptaron de bo grao ou non, non se sabe, pero por aquel tempo Aziru xa se convertera na principal figura entre os irmáns.

Así, os hititas pasaron a dominar Sumur, Ullaza, Irqata, Ardata, Tunip, e o monte Líbano. O tratado de vasalaxe conservouse en tres versións en acadio e unha en hitita. O imposto fixouse en 300 shekels de ouro. E as obrigas mencionadas, á parte das normais (os mesmos amigos, os mesmos inimigos) serían; prohibición de contactos co inimigo, axuda para a liberación de prisioneiros hititas, retorno dos fuxitivos, e axuda ao rei contra calquera revolta; o rei prometía tamén axuda en caso de dificultades. Algunhas gornicións hititas establecéronse en Amurru.

Sobre o -1300 Seti I na súa expedición a Siria someteu á forza Amurru, pero a dominación, en todo caso, foi breve e volveu rapidamente a soberanía hitita, todo en tempo de Muwatallis II.

O faraón Ramsés II foi a Siria poucos anos despois. O rei de Amurru Bentesina enviou unha carta ao rei hitita onde lle explicaba que fora obrigado a declararse vasalo de Exipto, pero os hititas o vían diferente. Muwatallis marchou a Siria para reconquistar as terras que caeran baixo dominio exipcio e derrubar ao rei de Amurru. Despois da batalla de Qadesh o rei hitita Muwatallis combateu aos pequenos reis locais. Amurru tívose que someter de novo e o rei Bentesina foi derrubado e colocado no seu lugar un tal Sapili. O rei aínda conquistou Apa (Damasco?) máis ao sur, e despois retornou a Hatti. Bentisina (Ben-Teshina) foi levado a Hattusa, pero reclamado por Hattusilis, irmán de Muwatallis II, foi acollido en Hakpis e concedeuselle unha residencia persoal na cidade; este bo trato será favorábel para a recuperación da desgraza da dinastía de Bentisina.

Ao cabo dun tres anos Ramsés II cruzou o 'Río dos Cans (Nahr al-Kakb) e entrou en Amurru; o exército exipcio chegou ata Dapur ao norte, onde Ramsés se fixo erixir unha estatua; Qadesh, ben próxima, quedou dentro dos seus dominios, despois de 120 anos, pero ao cabo dun ano, Dapur volvía a ser hitita e un ano despois foi atacada outra vez por Ramsés. Aquí o faraón di que gañou a batalla sen problemas e que non se puxo o uniforme ata o cabo de dúas horas de iniciada a batalla; pero esta vitoria tampouco lle valeu de nada, porque, poucos anos despois, tivo que facer a paz cos hititas e tivo que recoñecer o seu control sobre a rexión.

Ao subir ao trono Hattusilis III restableceu como rei a Bentesina ou Ben-Teshina, protexido do rei e casado durante o seu exilio en Hakpis cunha filla do hitita chamada Gasulawiya (nada dunha muller anterior á raíña principal Pudú-Hepa) que foi nai probabelmente de Sausgamuwa, príncipe herdeiro de Amurru. Sausgamuwa sucedeu ao seu pai ao cabo duns anos, cando morreu.

Lista de reis

editar