San Vicente e as Granadinas
San Vicente e as Granadinas[1] (en inglés: Saint Vincent and the Grenadines, i/ˌɡrɛnəˈdiːnz/) é un país insular do Caribe, constituído pola illa de San Vicente e pola metade norte da cadea das Granadinas. Ten fronteiras marítimas con Santa Lucía ao nordeste e con Granada ao suroeste, e é un dos países máis próximos de Barbados. A súa capital é Kingstown.
Atópase no sueste das Illas de Barlovento das Antillas Menores, que se atopan nas Indias Occidentais no extremo sur da fronteira oriental do mar Caribe onde esta última atopa o océano Atlántico.
O seu territorio de 389 km² está formado pola illa principal de San Vicente e, ao sur diso, dous terzos da parte norte das Illas Granadinas, unha cadea de 32 illas máis pequenas. Algunhas das Granadinas están habitadas: Bequia, Mustique, Illa Unión, Canouan, Pequeno San Vicente, Illa Palm, Mayreau, Illa Young, mentres que outras non o están: Caios de Tobago, Baliceaux, Battowia, Quatre, Petite Mustique, Savan e Petit Nevis. A maior parte de San Vicente e as Granadinas atópase dentro do chamado Tornado Alley.
Ao norte de San Vicente atópase Santa Lucía, ao leste atópase Barbados e Granada ao sur. San Vicente e as Granadinas ten unha densidade de poboación de menos de 300 habitantes/km2, cun total de aproximadamente 104.332 habitantes.
Kingstown é a capital e o porto principal. San Vicente ten unha historia colonial británica, e agora forma parte da Organización dos Estados do Caribe Oriental, a CARICOM, a Commonwealth de Nacións, Alianza Bolivariana para as Américas e a Comunidade de Estados Latinoamericanos e do Caribe (CELAC).
En abril de 2021, o volcán La Soufrière entrou en erupción varias veces con "eventos explosivos" que continúan. Ata o 12 de abril, 16.000 residentes evacuaran as zonas das súas casas.[2][3] Varias illas próximas, o Reino Unido e axencias como as Nacións Unidas proporcionaron asistencia e apoio financeiro de emerxencia. A primeira oferta significativa de financiamento a longo prazo, de 20 millóns de dólares, foi anunciada o 13 de abril de 2021 polo Banco Mundial.[4]
Etimoloxía
editarCristovo Colón, o primeiro europeo en chegar á illa, deulle o nome de San Vicente de Zaragoza, cuxo día da festa era o día en que Colón viuna por primeira vez (22 de xaneiro de 1498). O nome das Granadinas refírese á cidade española de Granada, pero para diferenciala da illa do mesmo nome, utilizou o diminutivo. Antes da chegada dos españois, os indíxenas kalinago que habitaban a illa de San Vicente chamábana Youloumain, en honor de Youlouca, o espírito dos arcos da vella, que crían que habitaban a illa.[5][6]
Historia
editarA illa coñecida hoxe como San Vicente era chamada orixinalmente Youloumain[7] polos habitantes caribes, que se chamaban a si mesmos kalina/carina ("l" e "r" eran pronunciados do mesmo xeito na lingua). Os caribes evitaron, mesmo pola forza, a colonización europea en San Vicente ata o 1719. Os africanos escravizados, (tanto náufragos coma fuxitivos de Barbados, Santa Lucía e Granada) buscaron refuxio en San Vicente, ou Hairouna nome que lle deran os caribes, e mesturáronse cos caribes, converténdose en caribes negros ou garifuna.
A partir de 1719 establecéronse colonos franceses, que cultivaron café, tabaco, índigo, algodón e azucre en plantacións traballadas por africanos escravizados. En 1763, San Vicente foi cedido a Gran Bretaña. Restaurado o goberno dos franceses en 1779, San Vicente foi recuperado polos británicos baixo o Tratado de París (1783) no cal Gran Bretaña recoñeceu oficialmente o final da Revolución estadounidense. Tratados complementarios foron tamén asinados con Francia e España, coñecidos como os Tratados de Versalles de 1783, parte dos cales volveron pór a San Vicente baixo control británico.
O conflito entre os británicos e os caribes negros, liderados polo desafiante Xefe Supremo Joseph Chatoyer, continuaron ata 1796, cando o xeneral Sir Ralph Abercromby esmagou un revolta fomentada polo radical francés Victor Hugues. Máis de 5.000 Caribes Negros foron finalmente deportados a Roatán, unha illa fronte á costa de Honduras.
A escravitude foi abolida en 1834. Despois do período de aprendizaxe, que acabou prematuramente en 1838, a escaseza de traballo nas plantacións resultou na inmigración de criados contratados. Os portugueses viñeron de Madeira a partir dos anos 1840 e gran cantidade de traballadores indios do leste chegaron entre 1861-1880. As condicións continuaron sendo duras tanto para os antigos escravos como para os traballadores inmigrantes na agricultura, xa que os baixos prezos mundiais do azucre mantiveron a economía estancada ata o cambio de século.
Desde 1763 ata a independencia, San Vicente pasou a través de varias fases de situación colonial baixo os británicos. Unha asemblea representativa foi autorizada en 1776, o goberno de Colonia da Coroa instalado en 1877, un consello lexislativo creado en 1925 e un sufraxio adulto universal en 1951.
Durante este período, os británicos fixeron varios intentos sen éxito para afiliar San Vicente con outras illas de Barlovento a fin de gobernar a rexión a través dunha administración unificada. As propias colonias, desexosas de liberarse do goberno británico, fixeron un notable intento de unificación chamada Federación das Indias Occidentais, que desapareceu en 1962. O 27 de outubro de 1969 outorgóuselle a San Vicente a condición de estado asociado, dándolle o control completo sobre os seus asuntos internos. Despois dun referendo en 1979, baixo o goberno de Milton Cato, San Vicente e as Granadinas convertéronse na última das illas de Barlovento en conseguir a independencia no décimo aniversario da súa condición de estado asociado, o 27 de outubro de 1979.
Varios desastres naturais figuran na historia do país. En 1902, o volcán de A Soufrière entrou en erupción, matando a 2.000 persoas. Moitas terras de labranza foron danadas, e a economía deteriorada. En abril de 1979, A Soufrière volveu entrar en erupción. Aínda que ninguén morreu, miles de persoas tiveron que ser evacuadas, e houbo un amplo dano na agricultura. En 1980 e 1987, furacáns comprometeron as plantacións de banana e coco; en 1998 e 1999 tamén viron tempadas de furacáns moi activas, co Furacán Lenny en 1999 causando grandes danos na costa oeste da illa.
Política e goberno
editarSan Vicente e as Granadinas é unha democracia parlamentaria e unha monarquía constitucional, sendo un dos Reinos da Commonwealth de Nacións. O rei Carlos III é xefe de Estado e está representado na illa por un Gobernador Xeral, un cargo na súa maior parte con funcións cerimoniais. O control do goberno descansa no Primeiro Ministro e o Gabinete. Hai unha oposición parlamentaria feita pola minoría máis grande nas eleccións xerais, encabezada polo líder da oposición.
O país non ten forzas armadas formais, aínda que a Forza Policial Real de San Vicente e as Granadinas inclúe unha Unidade de Servizos Especiais.
San Vicente e as Granadinas son un membro pleno e participante da Comunidade do Caribe (CARICOM) e a Organización de Estados do Caribe Oriental (OECS).
Subdivisións
editar- Artigo principal: Subdivisións de San Vicente e as Granadinas.
Administrativamente, San Vicente e as Granadinas divídese en seis parroquias, con cinco en San Vicente, e as Granadinas xuntas constituíndo a sexta.
- Carlota (Parish of Charlotte)
- San Andrés (Parish of Saint Andrew)
- San David (Parish of Saint David)
- San Jorge (Parish of Saint George)
- San Patricio (Parish of Saint Patrick)
- Granadinas (Parish of the Grenadines)
Xeografía
editarSan Vicente e as Granadinas atópase entre Santa Lucía e Granada nas Illas de Barlovento das Antillas Menores, un arco insular do mar Caribe. As illas de San Vicente e as Granadinas inclúen a illa principal de San Vicente (344 km²) e as dúas terceiras partes das Granadinas do norte (45 km²), unha cadea de pequenas illas estirándose cara ao sur desde San Vicente ata Granada.
Economía
editar- Artigo principal: Economía de San Vicente e as Granadinas.
A economía sanvicentina é moi modesta, e a súa principal fonte de ingresos é a exportación de plátanos e algúns produtos agrícolas. Aínda que o turismo veu crecendo nos últimos anos o goberno non puido diversificar a súa fonte de divisas. Segundo cifras do ano 2003 a poboación das illas ascende a 116 812 persoas das cales o 66% son de raza negra e o 75% practican o cristianismo protestante. Unha gran parte dos produtos que consomen ten que ser importada dos seus socios comerciais. A súa moeda é o dólar do Caribe Oriental
Turismo
editarO sector do turismo ten un potencial considerable para o desenvolvemento. A rodaxe dos filmes da franquía Pirates of the Caribbean nas illas axudou a potenciar a imaxe internacional de visitantes e investidores. O crecemento recente foi estimulado pola forte actividade do sector da construción e a mellora do turismo.[8]
Notas
editar- ↑ "Listaxe de países participantes en Rio2016, ordenados por continente" (PDF). Portal das Palabras. Consultado o 16 de agosto de 2016.
- ↑ "Everything We Know About the Volcano Eruption on St. Vincent". Town&Country magazine. 12 de abril de 2021. Consultado o 13 de abril de 2021.
- ↑ Jones, Dustin (12 de abril de 2021). "From Bad To Worse: La Soufrière Volcano Continues To Erupt". NPR. Consultado o 12 de abril de 2021.
- ↑ "US$20m for St. Vincent volcano response from World Bank". NY Carib News. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2022. Consultado o 13 de abril de 2021.
- ↑ "CIA World Factbook – St Vincent". Consultado o 7 de xullo de 2019.
- ↑ "The Commonwealth – St Vincent and the Grenadines". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2020. Consultado o 7 de xullo de 2019.
- ↑ Frere. Adrien Le Breton SJ. (1662–1736). Historic Account of Saint Vincent, the Indian Youroumayn, the island of the Karaÿbes. París: Museum of Natural History, Fonds Jussieu.
- ↑ Culzac-Wilson, Lystra (outubro de 2003). "Report to the Regional Consultation on SIDS Specific Issues" (PDF). United Nations Environment Program. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 16 de decembro de 2011.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: San Vicente e as Granadinas |
Bibliografía
editar- Bobrow, Jill & Jinkins, Dana. 1985. St. Vincent and the Grenadines. 4th Edition Revised and Updated, Concepts Publishing Co., Waitsfield, Vermont, 1993.
- Cosover, Mary Jo. 1989. "St. Vincent and the Grenadines." In Islands of the Commonwealth Caribbean: A Regional Study, edited by Sandra W. Meditz and Dennis M. Hanratty. US Government Printing Office, Washington, D.C.
- CIA Factbook entry Arquivado 13 de febreiro de 2016 en Wayback Machine.
- Gonsalves, Ralph E. 1994. History and the Future: A Caribbean Perspective. Quik-Print, Kingstown, St Vincent.
- US Dept of State Profile
- Williams, Eric. 1964. British Historians and the West Indies, Port-of-Spain.
Ligazóns externas
editar- Goberno
- Páxina oficial
- Website of the Prime Minister of St Vincent and the Grenadines
- Chief of State and Cabinet Members
- Información xeral
- Saint Vincent and the Grenadines. The World Factbook. Central Intelligence Agency.
- Saint Vincent and the Grenadines from UCB Libraries GovPubs
- San Vicente e as Granadinas en Curlie (en inglés)
- St Vincent and the Grenadines from the BBC News
- Wikimedia Atlas de Saint Vincent and the Grenadines.
- Key Development Forecasts for St Vincent and the Grenadines from International Futures
- Saint Vincent and the Grenadines Private Sector Assessment Report