Retrincos
Retrincos é un libro de 61 páxinas, publicado en 1934 por Nós, consistente nunha colección de relatos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, composta por cinco narracións autobiográficas ("O segredo", "O inglés", "Peito de lobo", "O retrato" e "Sabela"), ordenadas cronoloxicamente e escritas cun mesmo criterio.
Retrincos | |
---|---|
Narracións e outras prosas na Biblioteca Básica da Cultura Galega. Inclúe: Un ollo de vidro, Retrincos, Os dous de sempre, Alba de gloria e outras prosas. | |
Autor/a | Castelao |
Ilustrador/a | Carlos Maside |
Cuberta | Carlos Maside |
Orixe | Galicia |
Lingua | galego |
Editorial | editorial Nós |
Data de pub. | 1934 |
Páxinas | 61 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Publicación
editarVan acompañadas por unha data e un lugar, que coinciden con ámbitos especiais para o autor. É a única obra de Castelao sen ilustracións propias, se ben Maside creou cadansúa xilografía para cada relato.
Foi editado en 1934 pola editorial Nós, en Santiago. Como acontecera tamén coas Cousas, tres dos cinco relatos de Retrincos xa foran publicados anteriormente.
Obsérvase nesta obra, como é natural en Castelao, un intenso contacto entre o autor e o lector. Hai interrogacións retóricas que nos fan sentir moi achegados ó relato e que xa aparecen no Limiar.
Relatos
editar- "O segredo" relata unha anécdota da estancia do neno Castelao na Pampa arxentina. Un gaucho morrera na tenda que tiña seu pai e este ordenoulle ó seu fillo que gardase silencio para que non lle chegase a noticia á nai, que estaba atemorizada coa vida bárbara daquelas xentes. O relato está datado en 1909 en Compostela. Publicouse previamente en Alma Gallega (novembro de 1927) e Nós (25.07.1927).
- "O inglés" desenvólvese tamén na Pampa da infancia de Castelao, nos anos da guerra de Cuba. O conto comeza coa declaración seguinte: Eu quixen asasinar a un inglés por patriotismo. O relato está datado en 1914, en Rianxo, e non fora publicado anteriormente.
- "Peito de lobo" preséntanos ó Castelao estudante en Compostela. Ocorréraselle facer, para as festas de Rianxo, un cabezudo que reproducía o rostro dun mariñeiro coñecido polo alcume de peito de lobo. O mariñeiro alporizouse con aquela reprodución grotesca de si mesmo e quería vinga-la aldraxe, pero co tempo foise amigando con Castelao e coa enorme cachola de cartón. O relato está datado en 1918, en Praceres (Lourizán, Pontevedra), e fora publicado n'A Nosa Terra (25.06.1919), no diario Galicia (de Vigo) (24.08.1924), Nós (25.07.1927) e en Alma Gallega (novembro de 1927).
- "O retrato" é unha anécdota de cando Castelao xa deixara a medicina: a curación imposible para un médico é o milagre feito polo pintor. O relato está datado en 1922, en Pontevedra. Publicárase en Nós (25.07.1927)[1] e en Alma Gallega (novembro de 1927).
- "Sabela" é unha narración da súa época de deputado en Cortes. O relato artéllase sobre o contraste entre a moza que fora a súa compañeira de bailes e a muller en que se converteu co paso do tempo. O relato está datado en 1934, tamén en Pontevedra, e tampouco fora publicado anteriormente.
Edicións
editarDende 1994, Galaxia edita o texto conxuntamente co doutra obra do mesmo autor, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, baixo o título Retrincos. Un ollo de vidro.[2]
Traducións
editar- Foi traducida ao esperanto en 1983 por Fernando de Diego e publicada polo curso de esperanto do Instituto de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela.[3]
- Ao éuscaro en 1987 por Koldo Izaguirre Urreaga e publicada en Susa, Col. Erreferentziak.[4] Edición conxunta con Un ollo de vidro.
- Ao catalán en 1987 por Elena Losada Soler e publicada pola Generalitat de Catalunya (en edición bilingüe).[5]
- Ao italiano en 1987 por Isabel González e publicada en Edizioni Scientifiche Italiane.[6] Edición conxunta con Cousas.
Notas
editar- ↑ Nós. Ano IX, n.º 43, 25/7/1927 en Galiciana. Biblioteca de Galicia
- ↑ Editorial Galaxia
- ↑ "Viveroj". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 15 de novembro de 2017. Consultado o 2019-07-06.
- ↑ "Zirtzilak". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-06.
- ↑ "Retalls /Retrincos". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2020. Consultado o 2019-07-06.
- ↑ "Cousas e Retrincos". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 2019-07-06.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Carballo Calero, Ricardo (marzo de 1975). "Retrincos". Grial. Revista galega de cultura (47): 137–138.
Ligazóns externas
editar- Iglesias, Xabier (13/9/2014). "Retrincos". Os libros de Ánxel Casal.
- Retrincos Arquivado 26 de marzo de 2014 en Wayback Machine.