[go: up one dir, main page]

Porta de Brandeburgo

A Porta de Brandeburgo (en alemán: Brandenburger Tor) non é un arco do triunfo, senón a porta de acceso ao "Novo Berlín" da época. O monumento atópase no centro de Berlín (Alemaña), sendo o símbolo máis representativo da cidade. Está situado na Pariser Platz, formando o final da avenida Unter den Linden e marcando o comezo do gran parque Tiergarten e da avenida Straße des 17. Juni. Nas proximidades atópanse tamén o Reichstag e a Potsdamer Platz. Importantes sucesos na historia de Berlín están ligados á Porta de Brandeburgo.

Porta de Brandeburgo.

Arquitectura

editar
 
A porta de Brandeburgo é un dos maiores atractivos turísticos da cidade.
 
Cuadriga ornamental na Porta de Brandemburgo, Berlín.

A Porta de Brandeburgo, obra do arquitecto Carl Gotthard Langhans, é unha construción en pedra arenita de 26 m de alto, 65,5 m de ancho e 11 m de longo pertencente ao Neoclasicismo temperán. A porta lembra aos propileos da Acrópole de Atenas. Posúe cinco zonas de paso, das cales a central é a máis ancha, con dúas portas menores aos lados. As columnas son de estilo dórica, estriadas, e na súa base acadan un diámetro de 1,75 m. A parte superior e o interior das zonas de paso están recubertos con relevos que representan a Hércules, Marte e á deusa Minerva. Despois da derruba da muralla da cidade (1867/68), o discípulo de Friedrich Schinkel, Johann Heinrich Strack, colocou a ambos os dous lados os dous pórticos maiores.

A porta está coroada cunha escultura de cobre duns 5 m de altura, a Cuadriga, creada por Johann Gottfried Schadow, que representa á deusa da Vitoria montada nun carro tirado por catro cabalos en dirección á cidade.

Historia

editar

A Porta de Brandeburgo foi construída entre 1788 e 1791 durante o reinado de Frederico Guillerme II de Prusia por Carl Gotthard Langhans, seguindo o modelo da porta de acceso á Acrópole de Atenas. Neste lugar atopábase nesas datas unha das 18 portas da muralla da cidade de Berlín.

 
Napoleón en Berlín.

En 1806, logo da batalla de Jena, a Cuadriga foi levada a París por Napoleón para ser exhibida como trofeo de guerra. Antes de que isto acontecese Napoleón foi derrocado. Trala toma de París, o xeneral Ernst von Pfuel foi designado comandante dunha parte da cidade. A el débese a recuperación da estatua para Berlín. En 1814 tropas do xeneral Blücher gardaron a estatua en caixas e transportárona de volta a Berlín, onde foi restaurada. Durante esta restauración a estatua tivo un cambio significante, engadíndoselle unha cruz de ferro deseñada por Schinkel.

Ata o ano 1918 soamente membros da familia real, os seus invitados e membros da familia Pfuel tiñan permitido o uso do paso central da porta.

Durante a segunda guerra mundial a Porta sufriu graves danos e a Cuadriga resultou case completamente destruída. O 21 de setembro de 1956 o consello da cidade acordou a reconstrución da Porta malia fortes diverxencias entre as autoridades da cidade dividida. Por riba das acusacións mutuas, ambos os lados traballaron xuntos e lograron concluír o traballo o 15 de decembro de 1957. As autoridades de Berlín Oriental decidiron refacer a Cuadriga cos moldes orixinais, pero quitando a aguia e a cruz de ferro por consideralos símbolos do militarismo alemán.

Coa construción do Muro de Berlín en 1961, a Porta de Brandeburgo quedou en terra de ninguén, sen acceso do leste nin do oeste. Soamente soldados fronteirizos e invitados especiais da RDA tiñan acceso ao monumento.

En 1991, trala reunificación de Alemaña, a Cuadriga, que non tivera ningún mantemento en 30 anos, foi desmontada e restaurada. Durante esta restauración engadíronselle de novo a aguia e a cruz de ferro. Entre xaneiro de 2001 e outubro de 2002 emprendeuse unha restauración completa da Porta, que permaneceu cuberta por 22 meses. A Porta de Brandeburgo foi desvelada entre grandes festividades o 3 de outubro de 2002 (aniversario da Reunificación de Alemaña).

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar

Porta de Brandeburgo