[go: up one dir, main page]

Polanos orientais

tribo eslava
Outra tribo distinta, os polanos occidentais vivía na zona de Warta. Esa tribo foi a que unificou a maioría das terras da Polonia actual baixo a dinastía Piast.

Os polanos (en ucraíno, Поляни, Polyany, en ruso, Поляне, Polyane) foron unha tribo eslava que habitou, entre os séculos VI e VII, as ribeiras do río Dnieper desde Liubech até Rodnia, así como os tramos baixos dos ríos Ros', Sula, Stuhna, Teteriv, Irpin', Desna e Pripyat. O nome deriva da palabra de eslavónico oriental antigo поле ou поляна (polyana), que significa "campo"), por causa de que os polanos se asentaban en campos abertos.

O territorio dos polanos estaba nunha encrucillada de territorios pertencentes a distintas tribos eslavónicas orientais, como os drevlianos, radimichos, drehovianos e severianos e interconectados polas vías fluviais. Unha ruta comercial importante, coñecida como a Ruta desde os varegos aos gregos, pasaba polo territorio dos polanos e conectaba Europa co Mar Negro e o Imperio Bizantino. Este era o territorio dos escitas, godos (ostrogodos), especialmente en Danapirstadir (cidade no Danapir, chamada Kíiv por eslavos posteriores) e varegos.

Nos séculos IX e X, os polanos practicaban a agricultura, gandería, caza, pesca, apicultura salvaxe e contaban con artesáns (ferrerías, fundicións, oleiros, xoieiros etc.). Miles de kurgans anteriores aos polanos indican que a terra contaba cunha alta densidade de poboación. Vivían en familias pequenas en vivendas semiescavadas na terra e vestían roupas bastas e xoiería modesta. Antes de se converteren ao cristianismo, queimaban os mortos e erguían unha mámoa de terra tipo kurgan sobre os seus restos.

No século IX, os polanos estaban sometidos aos kházaros e pagábanlles tributos. Arredor de 860 chegaron os varegos e organizaron varias campañas militares exitosas contra os Imperio Bizantino, os pechenegos e os polocos. Vinte anos máis tarde, as terras dos polonos foron conquistadas por Oleg de Novgorod para convertérense no centro da creación do pobo ruso.

As cidades máis grandes dos polanos foron Kíiv, Pereyaslav, Rodnia, Vyshhorod, Bilhorod (agora Bilohorodka, no río Irpin) e Kaniv. No século X o termo "polanos" xa non se utilizaba e fora substituído por "rus". A derradeira mención dos polanos como tribo aparece nunha crónica do 944.

As crónicas coinciden en facer notar que as relacións socio-económicas nas comunidades polanas estaban moi desenvolvidas en relación coas tribos veciñas. As lendas mencionan os polanos como precursores da Rus' de Kíiv e fundadores de Kíiv, considerándoos como a tribo que máis contribuíra ao desenvolvemento da nacionalidade rusa.