[go: up one dir, main page]

Paz armada

(Redirección desde «Paz Armada»)

A paz armada foi un período da historia contemporánea que tivo lugar entre 1890 e 1914, e foi unha das causas máis notorias da primeira guerra mundial.

As continuas tensións entre estados a causa de conflitos nacionalistas e imperialistas deron lugar a que gran parte do capital de moitos estados era adicado ao investimento en industria armamentística e ao fomento do exército. Isto deu pé a un complexo sistema de alianzas, nas que as nacións estaban en perpetuo conflito sen estar en guerra. A expresión paz armada é un notable oxímoro (termos contraditorios).

Nacionalismo

editar

Francia e Alemaña

editar

Desde 1848 os sentimentos nacionalistas promovidos especialmente polos románticos alemáns exaltaban a idea de que cada individuo pertencía a unha nación. Este novo concepto englobaba todas aquelas persoas cunha cultura, raza e historia común. Estas teorías e pensamentos inspiraron a personaxes como Otto von Bismarck, que loitou pola unificación da Zollverein, creando así unha nación para todos aqueles de cultura e fala alemá. Deste xeito arrebatáronse os territorios de Alsacia e Lorena a Francia, zonas ricas en minerais e que favorecían enormemente a economía francesa, polo que Francia e Alemaña entraron en conflito.

Crises Balcánicas

editar
Artigo principal: Crise Balcánica.
Artigo principal: Liga Balcánica.

Os Balcáns foron historicamente un importante punto de conflitos debido á diversidade de pobos coas súas linguas, culturas e relixións. O Imperio Austrohúngaro e o Imperio ruso buscaban acrecentar a súa influencia nos Balcáns aproveitando a debilidade do Imperio Turco. O Imperio Austrohúngaro resistíase á vontade dos eslavos do sur de unirse. Isto debíase a que Austria desexaba ter unha saída ao Mediterráneo a través de Serbia. Por outra parte, o Imperio ruso defendía a creación desta unión, xa que, sendo os seus aliados, tamén podería saír ao mar a través dos seus portos. Ademais, Rusia estaba atemorizada por unha posible expansión austríaca.

Nese contexto desencadeáronse tres crises. En 1908 Austria anexionou Bosnia (que viña administrando desde 1878), provocando a cólera de Rusia. En 1912 creouse a Liga Balcánica mercede ás políticas paneslavistas de Rusia. Esta liga estaba composta por Serbia, Bulgaria, Grecia e Montenegro. Así obrigábase a Turquía a abandonar os seus últimos territorios a excepción de Istambul e recoñeceríase a independencia de Albania. En 1913 unha nova guerra enfrontou a serbios con búlgaros. Os serbios contaban co apoio doutros estados e a vitoria foi moi clara, e os búlgaros deberon ceder grandes territorios a Serbia. Estas hostilidades víronse reflectidas posteriormente no sistema de alianzas creado por mor da Paz Armada.

Enfrontamentos coloniais

editar
Artigo principal: Primeira crise marroquí.

Italia e Alemaña

editar

O imperialismo foi unha causa importante das rivalidades entre certas potencias. Por un lado, Italia tiña xa problemas coas colonias. Ao igual que moitos outros estados, desexaba ter grandes territorios en África que explotar, pero víronse privados coa invasión de Tunisia, a única colonia próxima á Península Itálica, por parte de Alemaña. Esta foi a causa do resentimento de Italia cara a Alemaña, que non se fixo presente até 1915, cando Italia deixou o bando dos Imperios Centrais para pasar ao dos Aliados tralo Tratado de Londres. Isto debeuse ao desexo de Italia de posuír territorios coloniais, Tunisia entre eles.

Francia e Gran Bretaña contra Alemaña

editar

Alemaña desexaba a zona de Marrocos, polo que en 1905 o goberno ofreceu o seu apoio ao sultán de Marrocos para establecer alí un protectorado alemán e así resistir as presións dos franceses, en pleno expansionismo colonial polo norte de África. O kaiser Guillerme II chegou a desembarcar en Tánxer para amosar o seu apoio ao sultán. Para resolver esta situación, en 1906 convocouse a Conferencia de Alxeciras, que frustrou as aspiracións alemás ao converter Marrocos nun protectorado franco-español.

A causa desta frustración, a resentida Alemaña protagonizou en 1911 un novo incidente. Con motivo dunha insurrección no sur de Marrocos, o goberno de Berlín enviou barcos de guerra ao porto de Agadir. Finalmente Alemaña logrou ampliar a súa colonia do Camerún a cambio de abandonar Marrocos, malia que Gran Bretaña se puxera incondicionalmente a carón de Francia. Este incidente provocou a inimizade de Francia e Gran Bretaña con Alemaña.

Consecuencias

editar

Todas estas hostilidades entre Estados, tanto por conflitos nacionalistas como por conflitos coloniais, víronse reforzadas por conflitos hexemónicos. Gran Bretaña fora a primeira potencia mundial durante a primeira revolución industrial, e Alemaña fórao na segunda. Ademais, ambos os dous países posuían unha frota naval con continuas confrontacións.

Esta situación de hostilidade entre Estados creou un complexo sistema de alianzas: A Tripla Entente, formada en principio por Francia, Gran Bretaña e Rusia; e a Tripla Alianza, formada por Alemaña, o Imperio Austro-Húngaro e Italia.