Pacto de Lestrobe
O Pacto de Lestrobe foi a xuntanza celebrada o 26 de marzo de 1930 no Pazo da Hermida de Lestrobe (Dodro) na que se acordou a constitución da Federación Republicana Gallega. Participaron os partidos ORGA, Partido Radical, Partido Radical Socialista e Partido Republicano Federal e personalidades republicanas galegas. Pretendían establecer unha estratexia conxunta e autónoma dos republicanos galegos.[1]
Asistiron unhas 50 persoas, entre outros Xerardo Abad Conde e Santiago Casares Quiroga, sendo dono do pazo José Vázquez Batalla. Asinaron un manifesto dirixido á opinión pública.[2]
Celebración do comicio
editarCelebrouse nas Torres de Lestrobe, por inspiración da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), o 26 de marzo de 1930, no que se asina a alianza das distintas forzas republicanas.
A finais do ano 1929 e comezos de 1930 a Ditadura caía, a República xa se albiscaba e as distintas fraccións do republicanismo galego non se poñían de acordo. Daquela tomouse a decisión de converxer todos os republicanos da rexión nun só feixe, con vistas a acelerar o proceso de caída do réxime monárquico e preparar o terreo para a República. Fíxose unha reunión clandestina en Roxos (Santiago) pero alguén debeu traizoalos e por iso finalmente Xesús San Luís Romero acompañado por Constante Nogueira e Andrés Suárez tiveron que marchar ó Pazo de Hermida, onde o vello republicano José Vázquez Batalla lles ofreceu a súa casa para celebrar o comicio clandestino.
A reunión, á que acudiron representantes dos diversos partidos e agrupacións que compoñían o espectro republicano, tivo lugar o 26 de marzo de 1930. Nun primeiro plano estaba a ORGA, promotora do acto, e o Partido Radical cos seus respectivos líderes á cabeza, Casares Quiroga e Abad Conde. Xunto a eles, o Partido Radical-Socialista, o Partido Republicano Federal, unha representación da sección galega da FUE e algúns republicanos a título persoal, así como varios sindicalistas ex-militantes da CNT. En total, máis de medio cento de asembleístas.
Tras os debates de rigor, os asistentes acordaron a creación da Federación Republicana Gallega co obxectivo da implantación do réxime republicano democrático en España e loitar pola autonomía de Galicia. A Federación Republicana Galega, acabada de crear, enviou a Santiago Casares Quiroga como delegado ó pacto de San Sebastián.
Unha anécdota que determina o entusiasmo republicano de Vázquez Batalla é que mentres se deliberaba, el serviu de vixía na torre do pazo para facilitar a fuxida ós montes do Barbanza se eran sorprendidos.
A principios de abril, a prensa publicou o "Manifiesto de la Federación Republicana Gallega" no que se recollían os acordos do pacto e a relación dos asinantes.[3]
No terceiro aniversario do pacto, xa en plena República, volveron reunirse case tódolos asistentes no mesmo lugar para ofrendar a Vázquez Batalla cun pergameo en conmemoración da data daquel acto.[4]
Asinantes do pacto
editar- Rafael de Vega Barrera, por Lugo.
- César López Otero, por Lugo.
- José del Peso Sevillano, polo Carballiño.
- Jesús Prósper Ros, por Ourense.
- Luis Fábrega Coello, por Ourense.
- Pío Príncipe García, por Ourense.
- Santos Fernández Fueyo, por Ourense.
- Dámaso Carrasco Duaso, por Vilagarcía de Arousa.
- Luis García Reboredo, por Vilagarcía de Arousa.
- Víctor Montoto Arias, por Betanzos.
- Federico Zamora, por Vigo.
- Vicente García Temes, por Pontevedra.
- Amancio Caamaño Cimadevila, por Pontevedra.
- Joaquín Poza Juncal, por Pontevedra.
- Bibiano Fernández Osorio-Tafall, por Pontevedra.
- Joaquín Maquieira Fernández, por Pontevedra.
- José Echeverría Novoa, por Pontevedra.
- Avelino Silva Güimil, por Pontevedra.
- Xerardo Abad Conde, pola Coruña.
- Ricardo García Lago, pola Coruña.
- César Guillán Bozo, pola Coruña.
- Manuel Fernández Fernández, pola Coruña.
- José Calviño Domínguez, pola Coruña.
- Eduardo Paredes Rodríguez, pola Coruña.
- Ramón Lago Portela, pola Coruña.
- José Vicente López Chacón, pola Coruña.
- Aurelio Fernández Morales, pola Coruña.
- Federico Pérez Lago, pola Coruña.
- Joaquín Cotarelo Martínez, pola Coruña.
- Santiago Casares Quiroga, pola Coruña.
- Manuel Ínsua Sánchez, pola Coruña.
- Alfredo Somoza Gutiérrez, pola Coruña.
- Julio Wonenburger Canosa, pola Coruña.
- Juan Wonenburger Varela, pola Coruña.
- Antón Vilar Ponte, pola Coruña.
- Arturo Taracido Veira, pola Coruña.
- Juan González Rodríguez, pola Coruña.
- Joaquín García Labella, por Santiago de Compostela.
- Fernando Barros Pumariño, por Santiago de Compostela.
- Narciso Vidal Fraga, por Santiago de Compostela.
- José Caamaño Caamaño, por Santiago de Compostela.
- Luís Seoane, por Santiago de Compostela.
- Manuel María González López, por Santiago de Compostela.
- Rodrigo García Rey, por Santiago de Compostela.
- Andrés Suárez Rodríguez, por Santiago de Compostela.
- Constante Nogueira, por Santiago de Compostela.
- Laureano Santiso Girón, por Santiago de Compostela.
- Jesús San Luís Romero, por Santiago de Compostela.
- Ramiro Prieto Cernadas, por Santiago de Compostela.
Notas
editar- ↑ "El acta inédita de la Asamblea de Lestrove", El Pueblo Gallego, 1-4-1934, p. 9.
- ↑ "Manifiesto de la Federación Republicana Gallega", El Pueblo Gallego, 6-4-1930, p. 14.
- ↑ "Manifiesto de la Federación Republicana Gallega", El Pueblo Gallego, 6-4-1930, p. 14.
- ↑ "El pacto de Lestrove: se cumplieron los setenta y siete años de una vieja ilusión" Arquivado 17 de maio de 2014 en Wayback Machine.. El Correo Gallego (24-4-2007), en castelán.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Silvia Figueira: Dodro, un concello para ver. Concello de Dodro.