[go: up one dir, main page]

Organización Republicana Gallega Autónoma

partido político galego
(Redirección desde «ORGA»)

A Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) foi un partido político galego, de carácter republicano e autonomista que se fundou no outono de 1929 na Coruña coa participación das Irmandades da Fala locais e o Casino Republicano dirixido por Santiago Casares Quiroga, quen se converteu no seu principal dirixente a pesar de seren maioritarios os galeguistas nun primeiro momento, o que explica que no seu primeiro manifesto a ORGA reclamara unha república federal e que cando o sector galeguista quedou en minoría a ORGA defenda o autonomismo, inda que mornamente.

Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA)
Dirixentes e organización
LíderSantiago Casares Quiroga
Historia
Fundación1929
Disolución1934
Posicións políticas
IdeoloxíaRepublicanismo
Representación
Congreso dos Deputados (1931)
16 / 470

Traxectoria

editar
 
Resultado das eleccións ás Cortes Constituíntes, celebradas o 28 de xuño de 1931. A ORGA, en azul moi escuro, sacou 15 escanos.

A ORGA organizábase en comités, partindo do local, o provincial e o máximo órgano directo era o Comité Executivo Rexional elixido pola Asemblea Rexional. Aínda que a maior parte da súa militancia procedía das clases medias urbanas, a ORGA conseguiu atraerse varias sociedades agrarias esparexidas por todo o país que constituíron a Organización Agraria Gallega.

En marzo de 1930 organizou a Federación Republicana Gallega, na que se integraron partidos republicanos como o Partido Radical e o Partido Republicano Radical Socialista. Tras a proclamación da República deixan a FRG o PR e o PRR-S, aínda que a FRG seguiu existindo ata abril de 1932.
A ORGA formou parte do primeiro goberno da república por medio de Santiago Casares Quiroga e converteuse na primeira forza política de Galicia nas eleccións a Cortes Constituíntes ao obter 15 escanos, inda que se presentase como FRG, formando no Congreso o grupo da Minoría Gallega na que se integrou Castelao e Ramón Otero Pedrayo.[1]

En maio de 1932 a ORGA pasou a denominarse Partido Republicano Gallego (PRG), en outubro dese ano o partido entrou en crise ao integrarse a dirección da provincia de Pontevedra en Acción Republicana e nas eleccións de 1933 tan só sacou cinco escanos e en 1934 uniuse a Acción Republicana e o Partido Republicano Radical Socialista Independiente para formar Izquierda Republicana, baixo o liderado de Manuel Azaña.[2]

Estatuto

editar

A ORGA contaba cun sector galeguista que pulou por facer da ORGA un partido comprometido coa realidade nacional galega e que asumise o autogoberno como un referente político, máis tamén contaba cun outro sector desinteresado da consecución de calquera autonomía para Galicia. Con todo tras a proclamación da república foi a ORGA a que tomou a iniciativa convocando o 4 de xuño de 1931 unha asemblea pro-Estatuto da que saíu un primeiro proxecto de estatuto, que resultou frustrado. Tras outro proxecto fracasado a fins de ano, o alcalde de Santiago de Compostela, militante da ORGA convocou unha asemblea de municipios en 1932 do que saíu un proxecto de estatuto e un Comité Central de Autonomía de Galicia presidido por Osorio Tafall, así e todo o principal valedor deste proxecto non foi a ORGA senón o Partido Galeguista, debido en parte a que o sector galeguista tiña cada vez menos peso no seo da ORGA e os atrancos que o propio Casares Quiroga como ministro da Gobernación lle puxo. Progresivamente o sector galeguista da ORGA foise distanciando do partido e acabou maioritariamente integrándose no Partido Galeguista, o último dirixente galeguista da ORGA en integrarse o PG foi Antón Vilar Ponte a comezos de 1934.[3]

Prensa

editar

A ORGA nun primeiro momento non contou cun órgano oficial de prensa para difundir o seu ideario, intentou sen éxito mercar algún xornal coruñés e entre xuño de 1931 e xullo de 1932 El Orzán converteuse no seu voceiro oficioso; en abril de 1932 apareceu El País, que fixo defensa explítica da política da ORGA, pero durou pouco tempo. Tamén recibiu o apoio de El País de Pontevedra ata novembro de 1932. En 1933 a dirección do partido acorda editar de novo un antigo xornal que dirixira Casares Quiroga, Tierra Gallega, o novo xornal sae á luz o 25 de xaneiro pero non consegue consolidarse e pecha o 4 de xuño dese ano.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Alfonso Bozzo, Alfonso de (1976). Los partidos políticos y la autonomía en Galicia, 1931-1936. Madrid: Akal. ISBN 84-7339-135-7. 
  • Avilés Farré, Juan (2006). La Izquierda burguesa y la tragedia de la II República. Comunidad de Madrid. 
  • Beramendi, X.G. e Núñez Seixas, X. M. (1996): O nacionalismo galego. Vigo: A Nosa Terra.
  • Beramendi, X. G. (2007): De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Xerais.
  • Castro, X. (1985): O galeguismo na encrucillada republicana. Ourense: Deputación provincial.
  • Granja, José Luis de la; Beramendi, Justo; Anguera, Pere (2003). La España de los nacionalismos y las autonomías. Madrid: Síntesis. ISBN 84-7738-918-7.