Nuno Freire de Andrade, o Mao
Nuno Freire de Andrade ( n. ? - m. 1431), dito O Mao, foi un nobre galego baixomedieval, señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. A inicios da terceira década do século XV tivo que facer fronte ao levantamento dos vasalos das súas terras, acontecemento coñecido na historiografía como Irmandade Fusquenlla ou primeira revolta irmandiña.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | valor descoñecido |
Morte | 1431 (Gregoriano) |
Lugar de sepultura | Mosteiro de Santa María de Monfero |
3º Señor de Pontedeume | |
1407 – 1431 ← Pedro Fernández de Andrade – Pedro Fernández de Andrade II → | |
Señor de Ferrol | |
Señor de Vilalba | |
Datos persoais | |
Outros nomes | o Mao |
Familia | |
Familia | Casa de Andrade |
Cónxuxe | Beatriz de Valdés |
Fillos | Pedro Fernández de Andrade II Fernán Pérez de Andrade, O Mozo Rui Freire de Andrade Gómez Freire de Andrade Martín Freire de Andrade |
Pais | Pedro Fernández de Andrade e Mencía de Meira |
Biografía
editarNuno Freire era fillo do segundo señor da casa de Andrade, Pedro Fernández de Andrade e de dona Mencía de Meira. Herdou do seu pai sendo aínda novo, cando este faleceu a inicios do século XV, o señorío de Ferrol, Pontedeume, Vilalba e outras localidades.
A súa actuación inicial dirixiuse a ampliar os seus dominios á custa de estados eclesiásticos, primeiro tentando facerse cos coutos de Muniferral e Feás (no actual concello de Aranga), prosesión da mitra compostelá, da que á fin obtivo o arrendo dos coutos por dez anos en 1411, e logo edificando no porto da granxa de Reparada (actual Covas, na terra de Trasancos), propiedade do mosteiro cisterciense de Sobrado, que se opuxo a el en 1410. Este mosteiro xa preiteara por esta granxa co seu pai Pedro Fernández de Andrade. Por contra foi xeneroso con Monfero.
En 1428, recibiu nos seus estados ao infante Henrique de Aragón, a quen hospedou obsequiosamente. Logo acompañou ao rei Xoán II a terras de Aragón, no ano seguinte, con numerosa hoste durante a guerra contra os aragoneses que apoiaban aos Infantes de Aragón. Nuno Freire acabada a guerra en 1430, non tiña outro remedio que compensar e pagar ben aos seus homes[1] .
A Irmandade Fusquenlla
editarIsto foi, seguramente, a orixe de fortes exaccións sobre os seus vasalos, arrapañadas con grande dureza, e que levaron ao levantamento da Irmandade Fusquenlla en 1431, na que até dez mil homes, conducidos polo fidalgo Roi Xordo, derribaron varias casas fortes e mesmo se atreveron a tentar o asedio de Santiago; até que o mesmo Nuno Freire, auxiliado polo corrixidor real, Gómez García de Hoyos, os venceu aos pés da súa mesma fortaleza de Pontedeume, onde tiñan cercada á súa propia esposa e fillos[2]. Os derrotados foron ou presos ou enforcados.
Morte
editarNo mesmo ano de 1431 faleceu Nuno Freire de Andrade. Mandouse inhumar no mosteiro de Monfero. Sobre a sepultura colocouse o seguinte epitafio :
- No : Nome : Iesu : Auede : Piedade : Da : Anima : De : Nuno : Freire : De : Andrade : Caualeiro : De : Uerdade : Un : Do : Consello : Do : Rei : Qese : Finou : Eno : Ano : D : Mil : CCCCXXXI : Anos
- (No nome de Xesús, tede piedade da alma de Nuno Freire de Andrade, cabaleiro de verdade, un do Consello do Rei, que faleceu no ano 1431)
A súa tumba, despois de ser movida no século XVII[3], figura á dereita da portada da igrexa do devandito mosteiro.
Nuno Freire de Andrade, o Mao Nacemento: ? Falecemento: 1431
| ||
Aristocracia galega | ||
---|---|---|
Precedido por Pedro Fernández de Andrade
|
III Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba 1407 – 1431 |
Sucedido por Pedro Fernández de Andrade II |
Sucesión
editarO maior dos fillos de Nuno Freire, Pedro Fernández de Andrade herdou a sucesión. O seu segundo fillo Fernán Pérez de Andrade, O Mozo chegaría a ser tamén señor de Pontedeume despois da morte prematura da filla de Pedro Fernández de Andrade II, María de Andrade.
Notas
editar- ↑ Resúmese a Couceiro Freijomil, A., Historia de Puentedeume. Pontedeume. 1981, páxs. 181-184
- ↑ Cfr. Valdeón Baruque, J., Los conflictos sociales en el reino de Castilla en los siglos XIV y XV. Madrid. 1976, páxs. 188-191 ; tamén máis resumidamente en Andrade Cernadas, J. M., e Pérez Rodríguez, F. J., Galicia Medieval. Perillo-Oleiros. 1995, páxs. 269-270.
- ↑ Couceiro Freijomil, Historia de Puentedeume. Pontedeume. 1981, páxs. 188-189, a transcrición do epitafio contén certas inexactitudes que correximos
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Couceiro Freijomil, Antonio, Historia de Puentedeume y su comarca. Pontedeume. S.n., 1981, reedición do orixinal de 1926.
- Valdeón Baruque, Julio, Los conflictos sociales en el reino de Castilla en los siglos XIV y XV. Madrid. 1976 – ISBN 84-323-0188-4
- Andrade Cernadas, J. M. e Pérez Rodríguez, F. J., Galicia Medieval, t. III da Historia de Galicia. Perillo-Oleiros. Vía Láctea Editorial. 1995 - ISBN 84-89444-14-5