[go: up one dir, main page]

Alalakh

(Redirección desde «Mukish»)

Alalakh, ou Alalah, é o nome dunha antiga cidade e a súa asociada cidade-estado do val do río Amuq, localizada na rexión de Hatay ao sur de Turquía preto da cidade de Antioquía, e hoxe en día representada por unha extensa cidade-montículo coñecida como Tell Açana.

Localización dos principais xacementos da Anatolia hitita
Principais cidades de Siria no II milenio adC

Historia

editar

Alalakh foi fundada durante a Idade de Bronce no II milenio adC, como unha das primeiras grandes cidades do Crecente Fértil. O primeiro palacio da cidadela de Alalakh foi construído c. século -XX, contemporáneo da terceira dinastía de Ur.

A súa fundación responde a criterios estratéxicos. A cidade estaba no camiño máis curto entre Alepo e o mar, no cruzamento entre a devandita vía e unha dirixida a norte-sur que levaba, ao norte, a Anatolia e, ao sur, cara á costa sirio-palestina.

Desde a súa privilexiada posición, Alalakh podía controlar estas vías comerciais e a distribución das mercancías cara ao continente e cara a un porto, que pode identificarse razoabelmente con Al-Mina.

A historia escrita do sitio pode comezar baixo o nome de Alakhtum, con taboíñas de Mari do século –XVIII, cando a cidade formaba parte do reino de Iamkhad (moderna Alepo). Un expediente de taboíñas refire que o rei Sumu-Epeh vendeu o territorio de Alakhtum ao seu xenro Zimri-Lim, rei de Mari, conservando para si mesmo o señorío. Trala caída de Mari en -1765, Alalakh estivo baixo a autoridade de Iamkhad. O rei Abba-Ili de Alepo concedeuna ao seu irmán Iarim-Lim, na reorganización do seu imperio que parece seguir a unha revolta, e unha dinastía de descendentes de Iarim-Lin foi fundada, baixo a hexemonía de Alepo, que durou ata o final do século –XVII e en cuxa época Alalakh foi destruída, probabelmente polo rei hitita Hattusilis I, no segundo ano das súas campañas.

O máximo esplendor de Alalakh produciuse en dúas fases. Na primeira fase de desenvolvemento, Alalakh non era unha cidade independente, pero debía ser un dos centros máis importantes do reino amorrita de Iamkhad, cuxa capital era Alepo. A cidade debía ser a maior, se non a única, saída de Iamkhad ao mar. A isto débese talvez o impulso que recibiu dos reis daquela dinastía e explicaría o coidado e as atencións que lle dedicaron aínda que residían en Alepo. Do palacio real do templo, sacados á luz, neste período proceden a maior cantidade de textos que se refiren sobre todo a tres reis: Hammurabi, Iarim-Lin e Niqmepa. o último é un rei local. En cambio o segundo, que foi o artífice do verdadeiro florecemento de Alalakh, era de Alepo e viviu entre -1790 e -1770, en tempos do gran Hammurabi de Babilonia.

Iarim-Lim, que se fixo construír unha residencia en Alalakh, foi moi poderoso, polo menos a nivel local, ata que Hammurabi alcanzou o cumio do seu poder. Nun documento achado no palacio de Mari lese: "Dez ou quince reis seguen a Hammurabi de Babilonia, pero polo menos vinte reis seguen a Iarim-Lin de Iamkhad". Despois, Iarim-Lim fíxose construír na cidade costeira unha residencia que rivalizase co palacio de Mari, ata o punto de que un rei de Ugarit pediu permiso para visitalo.

O palacio foi completamente destruído e saqueado, quizais cando empezaron as campañas dos grandes reis hititas, Hattusilis I e Mursilis I, contra Alepo.

Como consecuencia das destrucións provocadas en Siria polos exércitos hititas e en Palestina polas tropas exipcias, houbo un período de depresión naquelas rexións.

Alalakh floreceu de novo baixo unha dinastía local, entre -1450 e -1350. Un dos documentos desta época, está gravado sobre unha estatua de basalto e que representa ao rei Idrimi. Durante este período varias potencias disputábanse o predominio sobre Siria: Mitanni, de recente fundación, os hititas, os exipcios e os asirios converteron Siria no seu campo de batalla e Alalakh permaneceu case sempre, aínda que ás veces non por vontade propia, na órbita da influencia hitita.

O fundador da dinastía local, á que pertencía tamén Idrimi, foi Niqmepa, quen construíu un palacio real, que foi ampliado polos seus sucesores.

Baixo o goberno da dinastía de Niqmepa, Alalakh debeu alcanzar unha notábel prosperidade económica, testemuñada polas casas dos grandes señores da cidade.

Cara ao -1350, Alalakh foi conquistada polo rei hitita Suppiluliumas I (-1380--1346) e non volveu a reconquistar a independencia, aínda que houbo unha tentativa de revolución filoexipcia, truncada cara ao -1200 como consecuencia da invasión dos pobos do mar.

Despois Siria reapareceu como cun aspecto distinto. Xurdiron por todas partes principados arameos que, ás veces, elixiron para as súas fundacións, lugares nunca ocupados ata entón. De feito, Alalakh foi abandonada tras un intento errado de reocupación, mentres xurdiu un novo asentamento en Tell Ta'yinat.

Tras un intervalo de menos dun século, os rexistros escritos de Alalakh renováronse. Nesta época, foi de novo a sede dunha dinastía local. A maioría da información sobre a fundación desta dinastía provén dunha estatua inscrita co que parece ser a autobiografía do rei fundador da dinastía, que se pode ver nesta ligazón: [1]

Segundo a inscrición, na primeira metade de século -XV, Idrimi, fillo do rei de Alepo puido fuxir da súa cidade a Emar, viaxou por Alalakh, gañou o control da cidade e foi recoñecido como vasalo por Barattarna. A inscrición rexistra as vicisitudes de Idrimi: tras ser a súa familia forzada a fuxir a Emar, abandonouna e uniuse aos "Habiru" de "Ammiya na terra de Canaán", onde os Hapiru recoñecérono como "fillo do seu señor" e reuníronse en torno a el"; tras vivir entre eles durante sete anos, conduciu aos seus guerreiros a un exitoso ataque por mar a Alalakh, de onde chegou a ser rei.

Con todo, segundo o informe da época, esta estatua foi descuberta nun nivel de ocupación que data de varios séculos despois da época en que viviu Idrimi, e foi longo o debate académico sobre a súa historicidade. No entanto, as taboíñas din que Niqmepuh foi contemporáneo do rei Saushtastar de Mitanni, as cales podían parecer soster que a estatua afirma que Idrimi foi contemporáneo de Barattarna, predecesor de Saushtatar.

A historia socio-económica de Alalakh durante o reinado do fillo e do neto de Idrimi, Niqmepuh e Ilim-ilimma está ben documentada por taboíñas escavadas no lugar. O propio Idrimi aparece só raramente nestas taboíñas.

No século -XIV, o hitita Suppiluliumas I derrotou ao rei Tushratta de Mitanni e asumiu o control do norte de Siria, incluíndo Alalakh, a cal el incorporou ao imperio hitita. Unha taboíña recolle a sublevación da terra de Mukish (que é de Alalakh) en Ugarit despois de que o rei de Ugarit alertase ao rei hitita dunha revolta dos reinos de Mukish, Nuhassa, e Niye. Alalakh foi probabelmente destruída polos pobos do mar no século -XII, como o foron moitas outras cidades costeiras de Anatolia e o Levante. O sitio non foi nunca reocupado, o porto da Al-Mina tomou o seu sitio durante a Idade de Ferro.

Escavación

editar

Os restos da cidade, preservados polo Tell Açana, foron escavados polo arqueólogo británico Sir Leonard Woolley nos anos 1935-1939 e 1946-1949, durante os cales foron descubertos palacios, templos, casas privadas e as murallas da fortificación, en 17 niveis arqueolóxicos indo desde o Calcolítico (Nivel XVII, c. -3400 - -3100 ata o final da Idade de Bronce (Nivel 0, século -XII).

Concluída a escavación de Ur, sir Charles Leonard Woolley decidiu acometer unha nova escavación na chaira costeira ao norte de Siria, baixo a xurisdición turca.

Os lugares escollidos foron Tell Açana "A Seca" no Orontes, a pouca distancia do Mediterráneo, e o seu probábel porto, Al-Mina ("O Porto"). Alí non achou máis que fragmentos cerámicos pertencentes ao período entre os séculos -VII e -IV, sen que ningún puidese atribuírse a épocas precedentes.

Pero outro pequeno asentamento, a pouca distancia de alí, tiña na superficie restos cerámicos que podían datarse nos séculos -XIII - -XII. Por iso, o arqueólogo inglés formulou a hipótese de que neste segundo lugar, Sabouni, se achaban polo menos as residencias dos comerciantes máis ricos.

Os restos do porto de Alalakh deberon ser arrastrados polo Orontes, como consecuencia dun cambio de curso deste río, tralo cal unha boa parte de Al-Mina quedou destruída pola erosión.

Tras varios anos de estudos, un equipo da Universidade de Chicago fixo a súa primeira sesión de escavacións en 2003. En 2004, o equipo fixo un estudo para procesar os achados. Tras unha pausa en 2005, o equipo renovou as escavacións no verán/outono de 2006.

As escavacións en Alalakh produciron un corpo de material escrito con demandas de Mari e Ugarit. Preto de 500 taboíñas cuneiformes foron recuperadas no nivel VII, (Idade de Bronce Media) e o nivel IV (Idade de Bronce tardía). A estatua inscrita de Idrimi, c. -1400 - -1500]], proporcionou a autobiografía da mocidade de Idrimi, o seu ascenso ao poder, e os seus feitos, entre outros os militares (hoxe está no Museo Británico). Os textos acadios de Alalakh inclúen unha pequena lista de palabras, presaxios astrolóxicos e conxuros, pero principalmente consisten en taboíñas xurídicas, con rexistros da familia gobernante e dos ingresos percibidos pola terra, ademais de documentos administrativos, que reflicten as comodidades dentro e fóra do palacio real..

Bibliografía

editar
  • Donald J. Wiseman, 1953. The Alalakh Tablets, (Londres: British Institute of Archaeology at Ankara); revisado por Joan Lines no American Journal of Archaeology 59.4 (outubro de 1955) , pp. 33a1-332; Reimpreso en 1983 nas series de "AMS Studies in Anthropology ISBN 0-404-18237-2".
  • Leonard Woolley, Alalakh, Unha descrición das escavacións en Tell Atchana, Oxford, 1955.
  • Frank Zeeb, Die Palastwirtschaft in Altsyrien nach den spatbabylonischen Getreidelieferlisten aus Alalah (Schicht VII), Alter Orient und Altes Testament, non. 282. Munster: Ugart-Verlag, 2002.

Ligazóns externas

editar