Música clásica
O clasicismo musical comeza aproximadamente en 1750 (morte de Johann Sebastian Bach) e remata en 1827 aproximadamente (morte de Beethoven).
- Isto é un artigo sobre a música académica europea da época neoclásica (1750-1800)
- para ir á sección da música culta europea (mal chamada "música clásica") siga a ligazón: música académica.
A música clásica propiamente dita coincide coa época chamada neoclasicismo (que noutras artes consiste no redescubrimento e copia dos clásicos da arte grecorromana, que era considerada tradicional ou ideal: clásica). Na música non existiu un clasicismo orixinal (xa que non quedara escrita ningunha da música da época grega ou romana).
A era clásica
editarEra Clásica é o período de música artística occidental decorrido entre 1760/70 e 1800 caracterizada pola claridade, simetría e equilibrio. Os compositores máis coñecidos do período clásico son Joseph Haydn (1732-1809), Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791).
Na historia da música occidental, o estilo que se desenvolveu durante os anos precedentes (1720/30 - 1770) coñécese por "preclásico" ou estilo de "mediados do século". O gusto musical alterouse profundamente como aconteceu coas artes visuais, pois, coma nestas, se revelou unha preferencia polo equilibrio e pola claridade da estrutura. Nun inicio, a composición musical pasou dun estilo ornado, propio do período Barroco, a un estilo popular de extrema simplicidade. Os compositores deste período crearon obras que transparentaban claridade e accesibilidade por riba de todo; en verdade reaccionaban contra o denso estilo polifónico do período anterior. Estas características atópanse nas sinfonías de compositores como Giovanni Battista Sammartini (1700/01-1775) e Johann Stamitz (1717-1757). Estes trazos de claridade e simplicidade, xuntamente cunha elaboración sistemática de ideas, unha aproximación universal á expresión musical e unha preocupación polo equilibrio entre estrutura e expresión, forman a base do estilo clásico.
Aínda que moitos compositores teñan vivido e composto durante o Período Clásico, as tres maiores figuras son Franz Joseph Haydn (1732-1809), Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791) e Ludwig van Beethoven (1770-1827). Cada un contribuíu significativamente á sinfonía, á sonata para piano, á música de cámara, ao cuarteto de cordas e á música eclesiástica. Todos utilizaron a forma da sonata, que constitúe a cerna do período clásico. A estrutura da sonata clásica, dependendo primeiro e principalmente do movemento harmónico, foi a forma predominante nunha vasta serie de primeiros movementos de sinfonías, sonatas e obras de cámara; mais foi tamén utilizada en movementos lentos e conclusivos dos xéneros mencionados, en movementos de gran magnitude, en aberturas e nalgunhas partes de óperas. Neste último campo, Haydn e Mozart escribiron obras que foron ben recibidos pola audiencia de entón.
Os historiadores terían inserido facilmente a Haydn e a Mozart no Período Clásico. A vida de ambos encaixa nitidamente no período en cuestión; alén diso, neles atópase unha exploración preliminar do estilo dos mediados do século, que despois se converte nun estilo máis persoal e totalmente desenvolvido, traendo consigo os trazos esperados dun compositor clásico. Beethoven é máis problemático porque a súa música abrangue os períodos clásico e romántico. As súas primeiras obras (ata cerca de 1802) insírense no estilo do período en cuestión. As últimas obras, cheas de drama, tensión, exploración harmónica e estrutural son mellor discutidas dentro do contexto do século XIX e o romanticismo.
Historia
editarContexto histórico e social
editar- Véxase Ilustración
Adóitase situar como o inicio do clasicismo musical o ano 1750, ano da morte de J.S Bach, se ben como adoita ocorrer en tódolos períodos da historia da música esta data é orientativa, e o paso ao novo estilo foi un fenómeno gradual ata a aceptación do mesmo. O certo é que o clasicismo musical nace aproximadamente na segunda metade do século XVIII, na última parte do Período da Ilustración, un movemento humanístico e secular por natureza que desafiou os sistemas estabelecidos de pensamento e comportamento, xa que salientaba a razón, a lóxica e o coñecemento. As liñas fundamentais do pensamento do século XVIII desenvólvense a partir do legado das conquistas realizadas no século anterior no campo das ciencias, as matemáticas e a filosofía. Logo das novas concepcións científicas sobre o universo e sobre Deus (valorábase máis a fe individual e a moralidade práctica que á Igrexa como institución) e a non aceptación das mesmas (proba desta non aceptación é a persecución sufrida por Galileo Galilei durante os últimos 28 anos da súa vida) durante o século XVII, nos primeiros anos do século XVIII as obras de René Descartes e Isaac Newton entre outros foron ben recibidas e aceptadas por unha sociedade cunha formación intelectual máis ampla. A crenza de que o individuo posuía dereitos desafiaba a autoridade do Estado, e aqueles que se baseaban na relixión, na superstición e no sobrenatural para manteren as posicións de poder, viron a súa autoridade cuestionada e eventualmente reducida. A crenza nos dereitos humanos e na irmandade sobrepóñense ao dereito divino dos reis, ata entón considerado innegable, xa que os privilexios de clase desaparecían ao recoñecer que tódolos homes eran iguais e ao adoptar a educación universal. Considerando este período como un gran punto de reviravolta, os filósofos e escritores promoveron a razón en detrimento do costume ou da tradición como a mellor guía da conduta humana. A Ilustración defendía o convencemento de que mediante a razón e o coñecemento se podían solucionar os problemas sociais e prácticos.
Houbo dous feitos históricos vencellados ao ideal do iluminismo determinantes nesta época, a revolución americana e a revolución francesa, que foron combatidas durante esta metade do século.
A transición do Barroco ao Clasicismo
editar- Véxase estilo galante
- Véxase empfindsamer stil
Aceptación do novo estilo
editarA transición ao Romanticismo
editarCaracterísticas xerais
editarConsiderando este período como un gran punto de reviravolta, os filósofos e escritores promoveron a razón en detrimento do costume ou da tradición como a mellor guía da conduta humana. Unha mudanza paralela ocorreu na música occidental durante a segunda metade do século XVIII. Denominado normalmente "período clásico", este período musical era caracterizado pola obxectividade (control, brillo e requinte), claridade, periodicidade (fraseoloxía regular) e equilibrio.
O clasicismo musical pode definirse como un intento por crear unha música formal e estrita nas proporcións e moderada na expresión. Os compositores deste período, querendo apartarse de todo subxectivismo, trataron de crear unha orde perfecta e disciplinado baseado na beleza pura, a razón e a estrutura.
No que respecta á harmonía non houbo trocos substanciais, xa que as principais regras harmónicas viñan dadas xa dende o Barroco. Non obstante, foi na textura onde atopamos máis diferenzas respecto do período anterior, empregándose un estilo máis puro e equilibrado que se traduciu nunha menor complexidade; pasando do uso do baixo continuo e de formas imitativas como a fuga e o canon do Barroco a unha textura de melodía acompañada e en ocasións homofonía ou polifonía vertical, mais sen esquecer de todo o contrapunto (especialmente ao final). O elemento máis característico da textura da música clásica foi o xurdimento do baixo Alberti (unha forma de acompañamento na que se van despregando os acordes).
Nesta época toma especial importancia a forma, definíndose as estruturas nas que se baseou a música culta occidental posteriormente, destacando a forma sonata, que se desenvolveu ata converterse na forma máis importante. Destacou tamén neste período a importancia que se lle deu á música instrumental, principalmente as sonatas a solo ou a dúo, os cuartetos de corda, a sinfonía e o concerto, así como outras (serenatas ou divertimentos).
Nesta época ampliouse a orquestra en número e rexistros, caendo en desuso o basso continuo e pasando os instrumentos de vento madeira a formar unha familia a parte. Ademais, o clavicémbalo foi substituído como instrumento solista polo fortepiano.
Cronoloxía dos compositores de música clásica do século XX
editar
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Música clásica |
A Galipedia ten un portal sobre: Música clásica |
Bibliografía
editar- Prieto Diéguez, Beatriz (2001). A música clásica. Santiago de Compostela. Edicións Lóstrego. ISBN 84-931301-9-2.
- Grout, Donald J. & Palisca, Claude V. (1996). Historia de la música occidental (vol.2). Madrid (edición en castelán). Alianza Música. ISBN 84-206-7893-7.
- Downs, Philip G. (1998). La Música Clásica: La era de Haydn, Mozart y Beethoven. Madrid (edición en castelán). Editorial: Akal. ISBN 84-460-0734-7.
- Varios (1992). El libro de la música. Barcelona. Parramón Ediciones, S.A. ISBN 84-342-0150-X.