[go: up one dir, main page]

A Compañía General Española de Coches Automóviles Emilio de la Cuadra, mellor coñecida como La Cuadra, foi a primeira marca de automóbiles española, activa dende 1898 a 1901.[1][2] Toma o seu nome do militar valenciano, capitán de cabalaría Emilio de la Cuadra, quen a fundou en 1898 en Barcelona. O seu propósito era o comercio dos vehículos producidos por Benz & Cie e, tamén, construír os seus propios coches a propulsión eléctrica, ámbito no cal tiñan experiencia tanto el mesmo, que fora posuidor dunha central eléctrica, coma o seu socio, o fabricante de acumuladores e enxeñeiro suízo Charles Vélino (máis coñecido como Carlos Vellino).

La Cuadra
AcrónimoLa Cuadra
Tipofabricante de automóbiles
Data de fundación1898
Data de disolución1901
Fundador(es)Emilio de la Cuadra Albiol
Persoas relacionadasMarc Birkigt
SedeBarcelona
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

Comezos

editar

Aínda que La Cuadra é recoñecida como a primeira marca española de fabricación de automóbiles, non hai que esquecer que en 1889 Francesc Bonet patentou e fabricou un vehículo de 3 rodas ao que se lle denominou «Bonet», pero que nunca se inscribiu como marca.

A empresa de automóbiles La Cuadra foi fundada polo militar valenciano Emilio de la Cuadra en setembro de 1898 en Barcelona, na rúa Deputación esquina paseo de Sant Joan co nome de Compañía General Española de Coches Automóviles E. de la Cuadra, Sociedad en Comandita;[3][4] para a fundación da compañía, De la Cuadra contou co apoio financeiro do seu sogro, Joaquín Escrivé de Romaní.[4]

A idea da fabricación de automóbiles, sobreveulle a Emilio de la Cuadra tras a súa visita á Exposición Universal de París de 1889,[3] onde ficou fascinado polo prometedor futuro do mundo do automóbil.

Nos seus inicios, La Cuadra optou pola fabricación de vehículos a propulsión eléctrica, xa que Francesc Bonet —que tamén acudiu á Exposición de 1889 en París— obtivera a exclusiva para a produción de vehículos con motor de explosión no ano 1894.

Os vehículos eléctricos

editar
 
Coche eléctrico La Cuadra (1899).
 
Camión eléctrico La Cuadra (1899).
 
Ómnibus de La Cuadra (1900).

Os vehículos fabricados nun inicio, un microbús, un automóbil de turismo e un camión, eran moi pesados (o microbús pesaba ao redor das 7 toneladas), e pecaban dunha autonomía moi escasa, menos de 5 quilómetros. Para solucionar este grave problema, intentouse a fórmula de montar un motor de explosión que alimentaba un grupo electróxeno que recargaba as baterías durante a marcha. Este híbrido de 1899, aínda máis pesado, tampouco deu resultado, así que finalmente se optou por construír directamente un auto con motor de explosión deseñado polo técnico suízo Marc Birkigt, que viña a Barcelona desde a súa cidade natal de Xenebra en busca de emprego e estaba destinado a converterse nun dos deseñadores máis talentosos na historia do automóbil, e cofundador da Hispano-Suiza. Birkigt entrou na empresa recomendado por Carlos Vellino.

En agosto de 1900, o ómnibus eléctrico que fora encargado polo barcelonés hotel Oriente foi completado e presentado á prensa nunha demostración pública, que resultou desastrosa. O fallo provocou a dimisión de Vellino que foi substituído na dirección técnica por Birkigt. Tras ese rotundo fracaso os ensaios de vehículos eléctricos foron definitivamente abandonados.

Os autos con motor de explosión

editar

O primeiro La Cuadra con motor de explosión monocilíndrico materializouse xa a finais do ano 1899. Por entón, a casa lograra a representación dos autos Benz. Birkigt estudara a fondo os motores de Benz & Cie, e adquiriu os coñecementos técnicos básicos sobre o motor de combustión interna e fixo o seu plan para ese tipo de motores, presentándoo a De la Cuadra que lle autorizou á fase piloto. Logo da construción dalgúns prototipos, o primeiro coche con motor de gasolina, 2 cilindros e 4,5 HP (5 CV) para a venda ao público (chamado Centauro) estivo preparado en 1901, e púxose en circulación unha segunda versión con motor de 1106 cc e unha potencia de 7,5 HP (8 CV). O bo manexo e funcionamento destes autos de gasolina animaron á empresa a iniciar unha primeira tirada de 6 unidades e realizar diversas accións de promoción para colocalas. Vellino, tras o decepcionante resultado dos seus acumuladores, deixou a empresa en 1900, manténdose en mans de La Cuadra e máis de Domingo Támaro.

O final de La Cuadra

editar

Aínda que os La Cuadra Centauro eran uns coches realmente interesantes e se conseguiu vender algún deles, a investigación previa con motores eléctricos comprometera severamente a economía da empresa. Emilio de la Cuadra investira toda a súa fortuna e contraeu grandes débedas cos provedores, tanto que a folga xeral española de maio de 1901 e a que a venda dos Benz, difíciles de manexar, tampouco fora un gran negocio, foi suficiente para romper o fráxil equilibrio financeiro da empresa. O empresario viuse obrigado a suspender os pagamentos en novembro de 1901 e pedir o reingreso no exército español,[2] deixando a empresa en mans dos acredores.

A empresa foi adquirida polo acredor principal, o empresario de orixe luguesa José María Castro Fernández, que continuaría a actividade dándolle vida á nova compañía automobilística J. Castro,[5] e os coches marca Castro darían orixe á lendaria Hispano-Suiza.

Produción

editar
 
Imaxe do único automóbil La Cuadra sobrevivente, un Centauro 7,5 HP.

Da serie de seis automóbiles que se prevía fabricar en La Cuadra, descoñécese cantos foron os que finalmente se construíron,[2] pero existen datos sobre algúns exemplares:

  • Un dos primeiros coches foi vendido ao empresario catalán Francisco Seix (un dos fundadores de Hispano-Suiza),[6] que era propulsado polo primeiro motor de 4,5 HP, e sábese que foi conducido polo seu dono con excelentes resultados.[2]
  • Outro La Cuadra foi o primeiro vehículo que se matriculou na provincia de Lleida, a nome de Juan Pellisó.[2]
  • Outro coche, propulsado por un motor de dous cilindros en paralelo con 1106 cc e unha potencia de 7,5 HP —o segundo motor deseñado por Birkigt—, matriculouse na provincia de Soria coa matrícula SO-2 e chegou até o presente. Nos anos 1920 Miguel Mateu (fillo de Damián Mateu, un dos fundadores de Hispano-Suiza) viu este exemplar nunha romaría nunha vila de Soria e comprouno.[2] Non soamente se conservou en bo estado até o presente, senón que tamén participou no Rally de Sitges. Este vehículo segue sendo propiedade da familia Mateu, e é o único automóbil La Cuadra que sobreviviu.
  1. Van Dijk, Nico (28 de novembro de 2015). Automobiles were made by...?. Lulu.com. p. 45. ISBN 978-1-326-45496-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Historia de La Cuadra en Vehículo clásico.es. Arquivado 08 de xuño de 2009 en Wayback Machine. Consultado o 24-7-2023.
  3. 3,0 3,1 1898: La Cuadra, la primera fábrica de coches de España (01-02-2019). La Vanguardia.
  4. 4,0 4,1 La Cuadra (arquivado en Archive.org). Losorigenes.net.
  5. "Castro". Vehículo clásico.es. 17 novembro de 2003. Arquivado dende o orixinal o 5 de marzo de 2016. 
  6. Emilio Polo: La Hispano-Suiza. The origins of a legend. 1899–1915 (en inglés), p. 428–445. Wings & Flags, Madrid (1994). ISBN 84-920031-1-1.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar