J. Castro
J. Castro ou simplemente Castro foi unha empresa catalá fabricante de automóbiles operativa en Barcelona entre os anos 1902 e 1903 (disolveuse ao ano seguinte).
J. Castro Sociedad en Comandita. Fábrica Hispano-Suiza de Automóviles | |
---|---|
Automóbil Castro de 1902. | |
Fundación | Novembro de 1902 |
Disolución | Marzo de 1904 |
Localización | Barcelona, Cataluña |
Persoas clave | José María Castro Fernández Marc Birkigt |
Industria | Transporte |
Produtos | Automóbiles |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarDe La Cuadra a Castro
editarO empresario galego José María Castro Fernández, nado en 1845 en Trebolle (A Torre, O Páramo), foi destinado en 1897 a Vic para dirixir a delegación do Banco Vitalicio de España.[1][2]
Tras o colapso da marca La Cuadra en 1901, Castro, principal acredor da firma, en sociedade con outros emprendedores, entre os que se atopaba Marc Birkigt (que será o director técnico da compañía), decidiu proseguir a fabricación dos autos e creou en novembro de 1902 a J. Castro Sociedad en Comandita, Fábrica Hispano-Suiza de Automóviles, adquirindo as instalacións, equipos e autos en construción, e facéndose coa maioría do equipo humano. Os automóbiles serán comercializados desde entón coa marca Castro.
Modelos
editarA actividade da nova fábrica, situada en Barcelona na rúa de Floridablanca, empezou por rematar os vehículos que quedaran a metade de fabricación en De la Cuadra.
Unha vez trasladada a fábrica, xa en 1903, presentouse un novo modelo moi avanzado, o 10 HP, cun motor de 1884 cc cos dous cilindros fundidos nun único bloque e con radiador de niño de abella, cambio de 4 velocidades, transmisión por cardán, e instalación eléctrica con dínamo opcional, toda unha demostración do talento de Birkigt. Deste modelo vendéronse varios exemplares, e este éxito animou á marca a fabricar poucos meses despois un modelo máis ambicioso, o 14 HP, con motor de 4 cilindros e 2412 cc e, por descontado, coas vangardistas solucións xa vistas no 10 HP. Seica chegou a producirse tamén unha variante potenciada do 10 HP, o 12 HP.
De Castro a Hispano-Suiza
editarAínda que os Castro se consideraron no seu tempo uns coches excelentes por calidade e por manexo, a empresa, falta de recursos económicos, nos últimos meses de 1903 entrou en crise. O 11 de decembro dese ano pecháronse definitivamente os talleres e en marzo de 1904 disolveuse a sociedade.[3]
Castro, como tal, parece que vendeu tan só 8 ou 10 unidades entre 1902 e 1903,[4] aínda que a súa estrutura, recapitalizada convenientemente, terá continuidade co nome de Hispano-Suiza, e así serán terminados e vendidos en 1904 outros dous exemplares que serán catalogados como Hispano-Suiza tipo 10 T. O 14 HP será a base do primeiro dos Hispano-Suiza, o tipo 14, mentres o T 20 ou 20 HP tamén provén dun concepto iniciado por Birkigt na etapa Castro.
Notas
editar- ↑ La marca iniciada por un gallego que plantó cara a Mercedes y Rolls Royce: La Hispano-Suiza (22-01-2023). El Español.
- ↑ "Castro". vehiculoclasico.es (en castelán). 17 novembro de 2003. Arquivado dende o orixinal o 5 de marzo de 2016.
- ↑ Castro (1902-1903). Autopasion18.com.
- ↑ Así eran los primeros coches fabricados en España (12-03-2019). Diario ABC.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Gimeno Valledor, P. (1993). El automóvil en España. Su historia y sus marcas. Madrid: Real Automóvil Club de España.