[go: up one dir, main page]

LZ 129 Hindenburg

O LZ 129 Hindenburg foi o dirixíbel máis coñecido da compañía Zeppelin denominado así polo presidente alemán Paul von Hindenburg. Queimouse nun accidente o 6 de maio de 1937 cando intentaba aterrar en Nova Jersey despois de cruzar o Atlántico. O LZ 129 Hindenburg e o seu modelo irmán o LZ 130 Graf Zeppelin foron os dous dirixíbeis máis grandes construídos, e as aeronaves máis grandes que se construíron naquela época.

O Hindenburg nunha visita anterior a Lakehurst en 1936.

Construción e características

editar

O LZ 129 Hindenburg foi fabricado pola Luftschiffbau Zeppelin en 1935 cun custo de 500 000 libras; fixo o seu primeiro voo o 4 de marzo de 1936.

O dirixíbel tiña un novo deseño, completamente feito de duraluminio: 245 m de longo, 41 m de diámetro, 16 bolsas (14 de hidróxeno e 2 balóns de ar) cunha capacidade de 200.000 de gas, cun impulso útil de 112,1 toneladas (1.099 MN), grazas a catro motores diésel Daimler-Benz de 1.200 CV (890 kW). Acadaba unha velocidade máxima de 135 km/h.[1]

O Hindenburg era máis longo que tres Boeing 747 xuntos. Orixinalmente, tiña capacidade para 50 pasaxeiros —sendo aumentada até 72 en 1937—, e contaba cunha tripulación de 61 persoas. Por razóns aerodinámicas, as dependencias dos pasaxeiros atopábanse dentro da estrutura do dirixíbel, e non en góndolas. Foi cuberto con tea de cotón, vernizada con óxido de ferro e acetato-butirato de celulosa impregnado de po de aluminio (o po de aluminio e o óxido de ferro forman unha mestura chamada «termita» que é moi inflamábel).

Primeiros voos con éxito

editar

A primeira época do Hindenburg viña avalada polos numerosos logros do seu predecesor, o LZ 127 Graf Zeppelin, que xa para entón voara un millón de millas (1 609 344 km). Durante 1936, no seu primeiro ano de uso comercial, o Hindenburg voou 308.323 quilómetros, transportando 2798 pasaxeiros e 160 t de carga e correo. Cruzou 17 veces o océano Atlántico, 10 das cales foi aos Estados Unidos, e as sete restantes ao Brasil. En xullo do mesmo ano, bateu un récord ao cruzar dúas veces o océano en 5 días, 19 horas e 51 minutos.

O réxime nazi apropiouse da imaxe do Hindenburg como unha mostra da grandeza do poderío alemán. O 1 de agosto de 1936, durante a inauguración dos Xogos Olímpicos de Berlín, o dirixíbel sobrevoou o estadio olímpico intres denantes da aparición de Adolf Hitler.

O desastre do Hindenburg

editar
 
O Hindenburg estoupando o 6 de maio de 1937.

O 6 de maio de 1937, o dirixíbel Hindenburg incendiouse e destruíuse durante un intento de aterraxe na Estación de Ar Naval Lakehurst en Mánchester Township, Nova Jersey, Estados Unidos.

Ás 19:25, mentres o Hindenburg xa largara os amarres e se achegaba á torre, observouse na popa un escintileo de fogo de santelmo, que son faíscas extensas e inermes de electricidade estática (había unha tormenta eléctrica e o ar estaba cargado eléctricamente). Repentinamente, prendeuse lume na parte superior da popa, estendéndose case instantaneamente por todo o dirixíbel mentres a estrutura caía lentamente sobre os pasaxeiros, que saltaban dende unha altura de 15 metros. En menos de 40 segundos, o dirixíbel destruíuse totalmente.[2]

Das 97 persoas a bordo (36 pasaxeiros e 61 tripulantes), houbo 35 mortes (13 pasaxeiros e 22 tripulantes).[1] Un traballador en terra tamén morreu, sumando un total de 36 falecementos.[2] O desastre foi amplamente cuberto en impactantes vídeos, fotografías e nunha crónica radial gravada por Herbert Morrison, testemuña do desastre, o cal foi retransmitido ao día seguinte.[3]

Referencias culturais

editar
  • En 1975 estreouse a película The Hindenburg, baseada nos feitos ocorridos o día do desastre, cunha trama de ficción que explica a explosión da aeronave como un atentado.
  • En 2011 fíxose outra película, Hindenburg, narrando a verdadeira causa do incendio.
  1. 1,0 1,1 La tragedia del zepelín Hindenburg Arquivado 06 de agosto de 2020 en Wayback Machine.. National Geographic.
  2. 2,0 2,1 2,2 El día que naufragó el Titanic del cielo Arquivado 06 de agosto de 2020 en Wayback Machine.. Cadenaser.com.
  3. "WLS Broadcast Of the Hindenburg Disaster 1937.". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2016. Consultado o 02 de agosto de 2020. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar