Mattiwaza
Mattiwaza ou Shattiwaza (Mativaja = "aquel que o que máis fai se rogar") foi rei de Mitanni sobre o -1340. O seu nome antes de reinar era Kili-Teshub.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XIV a. C. |
Morte | século XIV a. C. |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Período de actividade | (Con vida en: século XIV a. C. ) |
Familia | |
Pai | Tushratta |
Irmáns | Daduhepa |
Traxectoria
editarEra fillo do rei Tushratta, que foi asasinado por un fillo que quería converterse en rei coa axuda dun un bo número de oficiais e dignatarios que perderan a confianza no rei. Suppiluliumas I o rei hitita recoñeceu loxicamente como único rei a Artatama II, o seu aliado e ao que entregara Washukanni, co que asinara un tratado onde era recoñecido como rei dos hurritas, pero non de Mitanni, e que agora se volvía rei oficial; pero Artatama debía de ser bastante maior, pois había moitos anos que gobernaba e tiña que ter polo menos uns 20 anos no -1390, cando o seu irmán Tushrata foi posto no trono por ser menor, e, xa que logo, deixara de feito o goberno ao seu fillo Shuttarna III, que actuaba como correxente.
Asiria aproveitou para restablecer a súa independencia baixo Assuruballit e aínda invadiu Mitanni aliado a Alshe.
Shuttarna III devolveu as portas de prata e ouro do palacio de Asur, que Mitanni tiña como trofeo, e devolveu a Alshe os agasallos almacenados de ouro e prata; aceptou pagar imposto a Asiria; exterminou a casa de Tushratta e confiscoulles as propiedades; destruíu o palacio e exterminou as casas principais de nobres; algúns nobres serían extraditados a Asiria e a Alshe e outros empalados na cidade de Taite (probabelmente a súa capital habitual), e onde Shuttarna estableceu a súa capital xa como rei único, unha vez eliminada practicamente a resistencia dos fillos de Tushrata. O fillo de Tushratta, Kili-Teshub intentou recuperar o poder na capital Washukanni, pero non o logrou. Un continxente con douscentos carros de combate dirixidos por un home chamado Aki-Teshub, probabelmente da familia de Tushratta, e que debían de ser os restos do exército de Tushratta, fuxiu a Babilonia, e Kili-Teshub practicamente estaba acurralado.
Artatama II e o seu fillo gozaron da amizade de Suppiluliumas, pero máis tarde, por causas descoñecidas, as relacións con Shuttarna, empeoraron. Especúlase como causa posíbel que Shuttarna era favorábel á alianza asiria e que o pagamento de imposto a Asiria era incompatíbel coa lealdade aos hititas.
O xefe militar hurrita Aki-Teshub, que fuxira cos 200 carros de combate a Babilonia, pediu axuda, pero non obtivo nada; as súas armas de guerra e soldados serían aceptados polo rei, que o nomeou comandante, pero crese que o quería asasinar e esperaba o momento adecuado. O pretendente Kili-Teshub saíu de terras hurritas e refuxiouse tamén en Babilonia, pero temendo pola súa vida, saíu de alí e refuxiouse en Hatti; ao chegar alí, dirixiuse á montaña Tishsina, ao río Maraššanta (Marasantiya), onde se atopaba Suppiluliumas, diante do que chegou con só tres carros, dous hurritas e outros dous servidores, e un só equipamento de roupa. O rei recibiuno ben, faloulle e decidiu axudalo ("se eu conquisto a terra de Shuttarna e as tropas da terra de Mitanni, non rexeitarei a Kili-Teshub, senón que o adoptarei como fillo meu, serei con el e poñereino no trono do seu pai"). Deulle unha súa filla en matrimonio e, con vestidos novos, enviouno Piyasilis, o rei de Karkemish, como comandante de carros de combate coa idea de presentarse en Mitanni e recuperar o poder.
Kili-Teshub talvez esperaba ser ben recibido, pero, polo contrario, o favor popular estaba con Shuttarna. Kili-Teshub presentouse diante da cidade de Irrite, distrito de Irridu, na rexión de Harran, unha das principais, pero esta era fiel a Shuttarna e pechoulle as portas. Shuttarna escribiu unha carta desafiando ao rei hitita ("porque vendes a Irrite?; se queres combate, halo ter"). Finalmente o exército hitita de Piyasilis tivo que cruzar o Éufrates e asolou o territorio de Harran, e achegáronse a Irrite. Cando chegaron, o exército hurrita saíu da cidade e presentou batalla, pero os hititas gañaron, e as cidades de Irrite e Harran rendéronse. Seguramente produciuse unha revolta en Washukanni e o rei de Asiria tivo que enviar forzas para axudar ao seu vasalo ("un só carro de combate e algúns nenos"). Pero cando chegaron os partidarios de Shuttarna ou ben tiñan o control da situación ou o rei considerou a axuda insuficiente e ofendeuse e non os deixou entrar. Os asirios asediaron entón a cidade.
Piyasilis e Kili-Teshup estaban en Irrite e desde Washukanni enviouse unha mensaxe explicando que os hititas estaban alí para combater aos asirios, o cal non era certo, pero Piyasilis e Kili-Teshup crérono e marcharon cara Washukanni. Os asirios, cun exército reducido, retiráronse prudentemente e os hititas entraron na capital. A terra de Pakarripa, someteuse aos hititas e Piyasilis e Kili-Teshup estiveron alí e mentres estaban alí chegoulles unha mensaxe informando que os asirios marchaban contra eles; os hititas marcharon contra os asirios e chegaron a unha cidade chamada Nilap-ini ou Nilapsini (Nilapšini), pero os asirios non presentaron batalla e crese que se retiraron debido á súa inferioridade. Piyasilis e Kili-Teshup marcharon contra a capital de Shuttarna, Taite e supostamente os asirios tamén foron cara a alí, pero é preciso pensar que o pequeno exército asirio se retirou en paz sen combater diante da superioridade do inimigo.
A guerra acabou seguramente coa morte de Shuttarna e Kili-Teshup acadou o control de Mitanni. Suppiluliumas asinou dous tratados con Kili-Teshup, momento no que aínda só é mencionado como príncipe de Mitanni e parece que o vello Artatama II, antigo aliado hitita, aínda era recoñecido como rei nominal, pero non había de tardar en morrer. Kili-Teshub colleu o nome de reinado de Mattiwaza ou Šattiwaza, un nome indoiranio, e nos seus tratados invoca a deuses hurritas, mesopotámicos e indoiranios (Mitra, Varuna, Indra, e os xemelgos Nasatyas). No tratado entre o rei hitita e Sattiwaza, este terá como gran raíña á filla de Suppiluliumas e, a pesar de que se lle permiten concubinas, ningunha delas nin ningunha outra muller poderá ser máis grandes que a filla; os seus fillos e netos serán a liña lexítima e sucesoria. Iso implicaba que a lexitimidade dinástica de Mitanni pasaba á filla de Suppiluliumas e non á familia de Tushratta. As terras ao oeste do Éufrates serían cedidas ao Imperio Hitita e deuse o goberno a Piyasilis ou Piyashshilis; Mitanni quedou restrinxido nos vales do Khabur e o Balikh, como un estado semi-independente, que servía de coxín con Asiria. Este último estado apoderouse do reino de Nuzi, ao leste do Tigris, antes vasalo de Mitanni, e a cidade foi conquistada e destruída.
Sucedeuno Shattuara I.