[go: up one dir, main page]

Juniperus

xénero de plantas

Xenebreiros (xénero Juniperus)

Juniperus phoenicea
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Cupressaceae
Xénero: Juniperus
L. 1753
Sectio
  • J. sect. Xenebreiros, cimbros
  • J. sect. Sabina

Os xenebreiros ou cimbros forman o xénero Juniperus,[1] Son coníferas arbóreas ou arbustivas, pertencentes á familia das cupresáceas. Dependendo do punto de vista taxonómico, hai entre 50 e 67 especies de xenebreiros distribuídas por todo o hemisferio norte, desde o Ártico cara ao sur até a África tropical, no Vello Mundo, e até as montañas de Centroamérica.

As especies repártense en dúas seccións (sectiones), os xenebreiros (J. secc. Juniperus) e as sabinas (J. secc. Sabina).

En Galiza só unha especie é natural no alto das serras orientais do país: o xenebreiro rastreiro (Juniperus communis subsp. alpina).

Descrición

editar

As especies deste xénero varían en tamaño e forma desde árbores de 20–40 m de altura, até arbustos columnares ou rastreiros con longas ramas. Son de folla perenne, xeralmente dioicas, con condutos secretores na codia, de follas escamiformes ou con acículas curtas, que se dispoñen opostas ou verticiladas sobre as pólas.

 
Conos e follas de Juniperus communis.

Os estróbilos son moi característicos, globosos ou ovoides, sempre carnosos (arcestidas), con 3-9 escamas fértiles, case soldadas, que albergan cadansúa semente. Nalgunhas especies estes conos son de cor parda avermellada ou laranxa, pero na maioría son azuis; a miúdo son aromáticos e poden usarse como unha especia. A maduración da semente varía entre as especies, desde os 6 até os 20 meses despois da polinización. Os conos masculinos son parecidos aos do resto das cupresáceas, con 6-20 escamas; a maior parte deitan o pole a principios da primavera, pero nalgunhas especies a polinización acontece en outono.

 
Detalle de pólas de Juniperus chinensis, con follas aciculares xuvenís (á esquerda) e follas escamosas adultas e conos masculinos inmaturos (á dereita).

A maior parte das especies (como J. chinensis, J. virginiana) teñen dous tipos de follas: as plántulas e algunhas ramiñas de árbores máis vellas teñen acículas de 5–25 mm de longo; e as follas en plantas maduras son (na súa maior parte) pequenas (2–4 mm de longo), superpostas e escamosas. Cando hai follaxe nova en plantas adultas, a miúdo encóntrase en brotes á sombra, coa follaxe adulta a pleno sol. As follas nos brotes de crecemento rápido moitas veces son intermedias entre a follaxe xuvenil e a adulta.

Nalgunhas especies (como J. communis, J. squamata), toda a follaxe é de tipo xuvenil, acicular, sen follas escamosas. Dependendo da especie, as agullas poden estar unidas na base (p. ex. na J. communis), ou fundirse suavemente coa rama, sen se uniren (p. ex. na J. squamata).

As acículas destas plantas son duras e finas, facendo a follaxe xuvenil espiñenta á hora de manexala. Isto pode ser unha forma de identificalos valiosa nas plántulas, o mesmo que a moi similar follaxe xuvenil dos cipreses (Cupressus, Chamaecyparis) e outros xéneros parecidos onde é suave e non espiñenta.

Son as únicas plantas que serven de alimento para as larvas de varios lepidópteros, entre eles Bucculatrix inusitata e Thera juniperata, e son tamén comida para as larvas doutras especies de lepidópteros como Chionodes electella, C. viduella, Eupithecia pusillata e Panolis flammea; outras da familia dos tortrícidos, como C. duplicana, aliméntanse da cortiza ao redor de feridas.

Clasificación

editar

O número de especies deste xénero é obxecto de controversia, con dous estudos recentes que dan totais moi diferentes: Farjon (2001) acepta 52 especies, mentres que Adams (2004) acepta 67. Divídense en varias seccións aínda que, particularmente entre as especies de follas escamiformes, que especie pertenence a que sección é algo que está lonxe de resultar claro, mentres as investigaciones seguense realizando. A sección Juniperus (xenebreiro) é, porén, un grupo monofilético obvio.

Xenebreiros

editar

Juniperus sect. Juniperus: de acículas curtas, punzantes. As follas adultas son aciculares, en grupos de tres, e unidas na base (véxase abaixo á dereita). Son ricos en aceites esenciais e resinas de diferente natureza. Velenosos pola natureza das substancias que presentan: alcaloides, alcohois terpénicos, hidrocarburos e alcanfor. Divídese á súa vez en tres subseccións:

 
Acículas de xenebreiro, agrandadas. Á esquerda, Juniperus communis (Juniperus secc. Juniperus; nótense as agullas "unidas" na base). Dereita, Juniperus chinensis (Juniperus secc. Sabina; nótense as agullas fundíndose suavemente co caule, sen unirse na base).
 
Juniperus phoenicea na illa de El Hierro, Illas Canarias.
 
Un xenebreiro de Virxinia en outubro cargado de conos maduros.
 
Juniperus occidentalis var. australis, leste de Serra Nevada, Rock Creek Canyon, California.

Sabinas

editar

Juniperus secc. Sabina: De follas escamiformes, non punzantes. Por destilación das súas arcéstidas obtense a xenebra. As follas adultas son na súa maior parte escamiformes, parecidas ás das especies do xénero Cupressus, en pares opostos ou en grupo de tres, e as follas aciculares xuvenís non están unidas na base (incluíndo nas poucas que só teñen follas aciculares; véxase debaixo á dereita).

Provisionalmente, o resto de xenebreiros inclúense aquí, aínda que forman un grupo parafilético.

Cultivo e usos

editar

As bagas de xenebreiro son unha especia usada nunha ampla variedade de pratos culinarios e coñécense sobre todo por ser o principal aromatizante da xenebra (e responsábel do nome desta bebida, que é unha forma acortada da palabra neerlancesa para xenebreiro, genever). As "bagas" de xenebreiro tamén se usan como aromatizantes no licor jenever e nas cervexas tipo sahti. A salsa de "bagas" de xenebreiro úsanse para condimentar paspallás, faisán, tenreira, coello, veado e outros pratos de carne.

A maior parte dos pobos prehistóricos viviron cerca de bosques de xenebreiros que lles proporcionaban alimento, combustíbel e madeira para faceren aloxamentos ou utensilios. Moitas especies, como J. chinensis (xenebreiro da China), de Asia oriental, úsanse amplamente en paisaxismo e horticultura, e como unha das especies máis populares para usar en bonsai. Tamén é un símbolo de lonxevidade, forza, carácter atlético e fertilidade.

Algúns xenebreiros denomínase, inadecuadamente, "cedros", como ocorre por exemplo co Juniperus cedrus ao que se lle chama cedro de Canarias. Pero realmente non é un cedro, porque os verdadeiros cedros son tres especies do xénero Cedrus, pertencente á familia das pináceas e non, como os xenebreiros, á das cupresáceas.

Algunhas especies son sensíbeis á enfermidade da ferruxe, de Gymnosporangium, e poden ser un serio problema para as persoas que cultivan maceitas, o hospedeiro alternativo da enfermidade.

En Marrocos, a alcatrán do Juniperus phoenicea aplícase en modelos punteados en cuncas para sopas. Este alcatrán (gitran) fai a auga máis fragante e dise que é bo para os dentes.

Os nativos americanos usaron o xenebreiro para tratar a diabetes; tales tratamentos por indios como os navajos, por exemplo, están baixo estudo clínico.[3] Os ensaios clínicos demostraron que o tratamento con xenebreiro pode atrasar o desenvolvemento da diabetes nos ratos.[4] Os americanos nativos tamén usan as "bagas" do xenebreiro como contraceptivo feminino.[5]

O médico herborista do século XVII Nicholas Culpeper recomendaba as "bagas" maduras para afeccións tales como a asma ou a esciática, así como para acelerar o parto.[6]

  1. Arbusto dioico da familia das cupresáceas (Juniperus communis), de follas en agulla e froitos en piñas con forma de bagas verdes o primeiro ano e negras tirando a azuladas ao madureceren de ampla distribución. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cimbro. "Copia arquivada". Archived from the original on 22 de xullo de 2013. Consultado o 21 de xullo de 2013. 
  2. "Adams, P. Robert; Andrea E. Schwarzbach and Julie A. Morris (2010): "Juniperis zanoni, a new Species from Cerro Potosí, Nevo León, México". Phytologia, 92 (1)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xullo de 2011. Consultado o 15 de marzo de 2012. 
  3. McCabe, M.; Gohdes, D.; Morgan, F.; Eakin, J.; Sanders, M.; Schmitt, C. (2005-06-01). "Herbal Therapies and Diabetes Among Navajo Indians". Diabetes Care (en inglés) 28 (6): 1534–1535. ISSN 0149-5992. doi:10.2337/diacare.28.6.1534-a. 
  4. Swanston-Flatt, Sara K.; Day, Caroline; Bailey, Clifford J.; Flatt, Peter R. (1989-01). "Evaluation of traditional plant treatments for diabetes: Studies in streptozotocin diabetic mice". Acta Diabetologica Latina (en inglés) 26 (1): 51–55. ISSN 0001-5563. doi:10.1007/BF02581196. 
  5. Tilford, Gregory L.: Edible and Medicinal Plants of the West ISBN 0-87842-359-1
  6. Nicholas Culpeper: Culpeper's Complete Herbal. ISBN 1-85007-026-1

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Adams, R. P. (2004): Junipers of the World: The genus Juniperus. Victoria: Trafford. ISBN 1-4120-4250-X
  • Farjon, A. (2001): World Checklist and Bibliography of Conifers. Kiev. ISBN 1-84246-025-0
  • Farjon, A. (2005): Monograph of Cupressaceae and Sciadopitys. Kiev: Real Xardín Botánico de Kiev. ISBN 1-84246-068-4

Ligazóns externas

editar