Guerras italianas (1494-1559)
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
As guerras italianas, tamén coñecidas como as grandes guerras italianas e as guerras de Italia, foron unha serie de conflitos bélicos sucedidos entre 1494 e 1559 que implicaron, en distintas ocasións, aos principais Estados da Europa Occidental: Francia, España, Sacro Imperio Romano Xermánico, Inglaterra, a República de Venecia, os Estados Pontificios e a maioría das cidades-estado italianas, así como tamén ao Imperio Otomán.
Inicialmente tratouse dunha disputa dinástica sobre os dereitos hereditarios de Francia sobre o Ducado de Milán e o Reino de Nápoles, pero as guerras convertéronse rapidamente en loitas territoriais e de poder entre os distintos participantes, que estiveron marcadas por xogos de alianzas, contra-alianzas e frecuentes traizóns.
Introdución
editarA península Italiana sufrira durante a Idade Media numerosos e constantes conflitos entre as diversas entidades políticas que ocupaban o seu territorio.
Porén, na segunda metade do século XIV, aínda que fráxil, alcanzouse unha certa estabilidade. No norte, o Tratado de Lodi (4 de abril de 1454) puxo fin ás guerras da Lombardía e trouxo a paz, que permitiu o desenvolvemento dos posteriores e florecentes gobernos de Cosme e Lourenzo de Medici en Florencia.
No sur, a casa de Aragón, que reinaba en Sicilia (desde 1282), Sardeña (1323) e Nápoles (1442), mantiña a súa hexemonía e integridade apoiada na forza disuasoria que lle confería a súa potente armada.
O Reino de Nápoles, por cuxa disputa se iniciaron as guerras de Italia, pertencía a Aragón desde que en 1442 Afonso V o Magnánimo llo arrebatara a Renato de Anjou. Desde entón estaba rexido por monarcas da dinastía aragonesa, o que, na práctica, convertíao nun protectorado do rei de Aragón. Ademais era feudatario do Papa.
Conflitos
editarPrimeira guerra italiana (1494 - 1498)
editar- Artigo principal: Primeira guerra de Italia.
Crendo ter neutralizado a Fernando o Católico mediante o tratado de Barcelona (1493), despois da morte de Fernando I de Nápoles (1494), Carlos VIII de Francia intenta obter para si, aducindo o seu parentesco con Renato de Anjou, a soberanía deste reino.
Ao non acceder o papa Alexandre VI a coroalo, decide satisfacer as súas pretensións manu militari: nunha rápida campaña, na que só Venecia e o Papado se lle opoñen, os seus exércitos percorren toda a península Italiana e ocupan a capital napolitana.
En abril de 1495 fórmase a chamada Liga de Venecia (Milán, Venecia, o Sacro Imperio Romano Xermánico, España e os Estados Pontificios) para combater ao invasor.
A Batalla de Fornovo (6 de xullo de 1495) concluíu sen un vencedor militar claro, pero despois dela Carlos VIII tivo que evacuar as súas tropas do norte de Italia. No sur, con inferioridade numérica e procurando por iso evitar un grande enfrontamento a campo aberto cos franceses, o Gran Capitán conseguiu non ser expulsado da península por eles. Porén, e en contra do seu criterio, o seu superior Fernando II de Nápoles obrigouno a presentar batalla xunto a el en Seminara (28 de xuño de 1495), onde foron vencidos por Bérault Stuart d'Aubigny.
Os españois seguiron resistindo e, despois de recibir reforzos, pasaron á ofensiva e tomaron varias prazas fortes ao norte da posición que ocupaba Stuart d'Aubigny co groso do seu exército. Mentres tanto Fernando de Nápoles, valéndose dunha insurrección popular, consegue acurralar a Gilberto de Montpensier en dous castelos de Nápoles e, despois, desaloxalo deles. Fernando o Católico abriu outra fronte nos Pireneos contra Francia, para que esta desviara soldados e recursos cara a alá.
A vitoria do Gran Capitán en Cosenza estreitou aínda máis o cerco sobre Montpensier, que acantoou aos seus homes en Atella. Os aliados tomaron a fortaleza en xullo de 1496, e Francia quedou a partir de entón en clara desvantaxe.
Os últimos episodios militares importantes da guerra foron as conquistas españolas de Rocca Guglielma e Diano, en 1497. O 4 de agosto de 1498 Fernando o Católico firmou con Lois XII, sucesor de Carlos VIII, o Tratado de Marcoussis, concluíndo así definitivamente o conflito.
Guerra italiana de 1499-1501
editar- Artigo principal: Guerra italiana de 1499-1501.
O novo rei francés, Lois XII, seguindo a política do seu antecesor, continuou reclamando para el o ducado de Milán e o reino de Nápoles. Coa intención de ocupar o norte de Italia pola vía militar pactou alianzas coa república de Venecia, á que lle ofreceu a cambio da súa axuda Cremona, e co papa Alexandre VI e o seu fillo César Borgia, ofrecéndolles territorios na Romaña. En agosto de 1499 un exército francés cruzou os Alpes e marchou sobre o Milanesado, que estaba baixo o goberno do duque Ludovico Sforza. Ante a superioridade militar francesa, este abandonou Milán, que foi ocupado por Gian Giacomo Trivulzio ao mando das tropas de Lois XII.
Sforza buscou a axuda dos turcos do sultán Bajazet (enfrontado xa desde antes con Venecia), e recrutou un exército de mercenarios suízos cos que en xaneiro conseguiu recuperar as principais cidades do ducado, pero en abril foi traizoado polos soldados suízos en Novara, sendo apresado, ao igual que o seu irmán Ascanio.
César Borgia, mentres tanto, tomou Imola, Forli, Rímini, Pésaro e Faenza, na Romaña, ante a pasividade ou a prudencia dos pequenos estados veciños, temerosos do enfrontamento contra a coalición franco-veneciana-papal.
Guerra de Nápoles (1501-1504)
editar- Artigo principal: Guerra de Nápoles (1501-1504).
Conquistado o norte da península e antes de atacar Nápoles, Lois XII buscou a alianza coa única potencia militar capaz de frear o seu avance cara ao sur. En novembro de 1500 asinou con Fernando II de Aragón o tratado de Granada, polo que ambos os dous acordaban dividirse o reino de Nápoles: o sur quedaría para a coroa de Aragón e o norte para Francia. En marzo de 1501 as tropas de Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, ocuparon Calabria e Apulia, e no verán seguinte os franceses avanzaron desde o norte e, tras tomar Xénova, conquistaron os Abruzos e Labor. O rei Frederico I de Nápoles, sen diñeiro nin exército despois da guerra anterior, foi incapaz de conter o avance de ambos os contendentes; en outubro foi deposto e o seu reino dividido entre Aragón e Francia.
Pronto xurdiron entre Francia e Aragón desacordos sobre os termos da partición: a posesión das provincias centrais de Nápoles non fora especificada no tratado de Granada. Nos enfrontamentos armados que seguiron, as tropas do Gran Capitán derrotaron contundentemente ás francesas ao longo de 1503 nas batallas de Ruvo, Seminara, Ceriñola e Garellano.
En 1504 Lois XII cedeu a totalidade de Nápoles a Fernando de Aragón mediante o tratado de Lión. Nápoles permanecería baixo soberanía española até 1707.
Guerra da Liga de Cambrai
editar- Artigo principal: Guerra da Liga de Cambrai.
O papa Xulio II formou a denominada Liga de Cambrai en 1508, co obxectivo de frear a expansión territorial da República de Venecia. Estaba formada por Francia, o Papado, España e o Sacro Imperio Romano Xermánico.
Aínda que a Liga destruíu gran parte do exército veneciano na batalla de Agnadello (1509), non logrou a captura de Padua.
En 1510 a Liga desfíxose e Xulio declarou a guerra a Francia, aliándose con Venecia. Despois dun ano de combates, formouse unha Liga Santa contra os franceses, que logrou expulsar a estes de Italia.
En 1512 Venecia formou unha alianza cos franceses, co que deu un novo rumbo á guerra e alcanzou a vitoria na Batalla de Marignano (1515).
A paz firmouse en 1516, e o resultado foi o retorno ao statu quo de 1508.
Guerra italiana de 1521-1526
editar- Artigo principal: Guerra italiana de 1521-1526.
Tras a morte en 1519 de Maximiliano I de Habsburgo, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, Carlos I de España foi designado como o seu sucesor, formando un estado que ocupaba case a metade do territorio europeo. Francisco I de Francia, que optara á sucesión do imperio de Maximiliano, aproveitou a invasión española de Navarra para comezar unha guerra contra España. As tropas francesas marcharon cara a Italia co intento de desaloxar a Carlos I de Nápoles. Os franceses foron superados polos exércitos españois de Fernando de Ávalos, sufrindo serias derrotas nas batallas de Bicoca e Sesia.
O propio Francisco I dirixiu ás súas tropas internándose na Lombardía en 1525, sendo derrotado na batalla de Pavia, onde foi preso. Desde o seu encerro viuse obrigado a facer grandes concesións a España sobre os seus territorios en Italia.
Guerra da Liga de Cognac
editar- Artigo principal: Guerra da Liga de Cognac.
En 1526 o papa Clemente VII, alarmado polo crecente poder do Imperio español, aliouse con Francia, Venecia, Florencia e outros pequenos estados de Italia formando a Liga de Cognac para combater a Carlos I.
Venecia rexeitou contribuír á alianza con tropas e, despois da retirada do exército francés da Lombardía, as forzas españolas tomaron Florencia e, en 1527, saquearon Roma (Saqueo de Roma). O papa foi apresado polas tropas do Imperio. A guerra rematou coa sinatura da Paz de Cambrai, en 1529, mediante a cal Francia retirábase da guerra. Venecia firmou a paz con España, mentres Florencia foi colocada baixo o goberno dos Medici.
Guerra italiana de 1536-1538
editar- Artigo principal: Guerra italiana de 1536- 538.
A terceira guerra entre Carlos I de España e Francisco I de Francia comezou á morte de Francesco Maria Sforza, duque de Milán. Cando Filipe (o fillo primoxénito de Carlos) herdou o ducado, Francisco invadiu Italia, conquistando Turín, pero fracasando no seu intento de tomar Milán. En resposta á invasión francesa, Carlos invadiu a Provenza, na campaña de Francia de 1536, avanzando cara a Aix-en-Provence, pero preferiu retirarse a España antes que atacar a fortaleza de Avignon. A guerra terminou coa tregua de Niza, deixando Turín en mans francesas, pero sen máis cambios significativos no mapa italiano.
Guerra italiana de 1542-1546
editar- Artigo principal: Guerra italiana de 1542-1546.
Francisco I, aliado con Solimán I do Imperio Otomán lanzou unha invasión da península Italiana. Unha frota conxunta franco-otomá capturou a cidade de Niza en agosto de 1543 e puxo asedio á cidadela. Os defensores foron socorridos un mes máis tarde polas tropas imperiais, que conseguiron levantar o asedio. Os franceses, baixo o mando de François, conde de Enghien, derrotaron ás forzas do Imperio na batalla de Cerisoles, en 1544, pero fracasaron no seu intento de penetrar na Lombardía.
Carlos I de España e Henrique VIII de Inglaterra uníronse para a invasión do norte de Francia, sitiando Boulogne-sur-Mer e Soissons. A falta de colaboración entre ingleses e españois e os agresivos ataques otománs levaron a Carlos a abandonar estas conquistas, restaurando o statu quo unha vez máis.
Guerra Habsburgo-Valois (1547 - 1559)
editarEn 1547, Henrique II de Francia, que sucedera a Francisco no trono, declarou a guerra contra Carlos I coa intención de retomar Italia e asegurar Francia, intentando romper a hexemonía da casa de Austria en Europa. En principio Francia tivo éxito na súa ofensiva contra Lorena, pero o intento de invasión francesa de Toscana en 1553 fracasou coa súa derrota na batalla de Marciano.
Carlos I abdicou en 1556, dividindo o imperio dos Habsburgo entre o seu fillo Filipe II de España e o seu irmán Fernando I, e o teatro de operacións militares cambiou de Italia a Flandres onde Filipe II, en alianza con Manuel Filiberto de Savoia, derrotou aos franceses na Batalla de San Quintín, en 1557.
A entrada de Inglaterra ese mesmo ano na guerra, ao lado de Francia, permitiu aos franceses tomar Calais e atacar as posesións españolas nos Países Baixos. Aínda así, Francia viuse forzada a asinar a Paz de Cateau-Cambrésis, na que renunciaba á reclamación dos seus dereitos sobre os territorios italianos.
Consecuencias
editarAo final das guerras italianas, en 1559, a casa de Austria conseguira asentarse como a primeira potencia mundial, en detrimento de Francia. Os estados de Italia, que durante a Idade Media e o Renacemento acumularan un poder desproporcionado ao seu pequeno tamaño, viron reducido o seu peso político e militar, quedando reducidos a potencias secundarias, e algúns deles desapareceron.
A esta serie de guerras, séguenlles as guerras de relixión de Francia, nas que España toma parte de maneira activa.
As guerras italianas na historiografía
editarA división entre os distintos conflitos que forman o conxunto das guerras italianas nunca foi normalizada, variando segundo se clasifiquen en función das datas en que tiveron lugar, dos monarcas que participaron nelas ou das causas que as motivaron. A complexidade do conxunto, dados os numerosos participantes, teatros de operacións, alianzas e traizóns, fixo posíbel que algúns dos conflitos aquí mencionados poidan ser considerados como a suma de varios conflitos menores (ou viceversa), provocando que distintos historiadores organicen o conxunto de distintas maneiras.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Guerras italianas |
Bibliografía
editar- Catalano, F. (1962): "Dall'equilibrio alla crisi italiana del rinascimento", in Storia d'Italia. Dalla crisi della libertà agli albori dell'illuminismo, a cura di F. Catalano, G. Sasso, V. De Caprariis, G. Quazza. Torino: UTET, volume II.
- Martín Gómez, A. L. (200): El Gran Capitán. Las Campañas del Duque de Terranova y Santángelo. ISBN 84-930713-1-5.
- Pieri, P. (1970): Il rinascimento e la crisi militare italiana. Torino: Einaudi.
- Vivanti, C. (1974): "La storia politica e sociale. Dall'avvento delle signorie all'Italia spagnola", in Storia d'Italia. Dalla caduta dell'Impero romano al secolo XVIII, a cura di R. Romano, C. Vivanti. Torino: Einaudi, volume II.