[go: up one dir, main page]

Froita

froitos comestíbeis das árbores froiteiras e outras plantas

As froitas son os froitos comestíbeis das árbores froiteiras e outras plantas. Na lingua coloquial e en cociña, cando se fala da froita en termos xenéricos, a palabra refírese normalmente a aqueles vexetais cuxos froitos son carnosos e doces, ricos en azucres e vitaminas e frecuentemente consumidos crus como sobremesa, como por exemplo, as ameixas, mazás, laranxas e un longo etcétera.

Froitas diversas nun mercado barcelonés.
Froita silvestre.

Porén, en canto ao nome concreto de cada tipo de froita, moitos vexetais moi comúns, así como varios tipos de noces e grans, reciben o seu nome das especies das que proceden.

Habitualmente estes froitos son moi saborosos e relativamente doces, tendo polo normal cores vivas e aromas agradábeis. Case todas posúen pel, polpa (a carne da froita) e sementes ou carabuñas ben diferenciadas.

As froitas diferéncianse dos froitos secos en que as primeiras conteñen unha gran cantidade de auga, contrariamente a estes últimos, que a reduciron tras un proceso de secado, natural ou artificial.

Función da froita

editar

A función da froita (como a do froito, falando en termos xerais) é a de favorecer a diseminación da semente no ciclo da reprodución. Isto conséguese a través dos animais (sobre todo para a froita de cores chamativas), do vento ou da auga.

Composición

editar

A composición química das froitas depende sobre todo do tipo de froita e do seu grao de maduración.

 
Froitas.
 
As uvas, froito da vide.
 
Ananás ou piña americana.
  • Auga: Máis do 80 % e ata o 90 % da composición da froita é auga. Debido a esta alta porcentaxe de auga e aos aromas da súa composición, a froita é moi refrescante.
  • Glícidos: Entre o 5 % e o 18 % da froita está formado por carbohidratos. O contido pode variar dende un 20% no plátano ata un 5 % no melón, sandía e amorodos. As demais froitas teñen un valor medio dun 10 %. O contido en glícidos pode variar segundo a especie e tamén segundo a época da colleita. Os carbohidratos son xeralmente azucres simples como a frutosa, sacarosa e glicosa, azucres de fácil dixestión e absorción rápida.[1] Na froita pouco madura atopamos amidón, sobre todo no plátano, que coa maduración se converte en azucres simples.
  • Fibra alimentaria: Aproximadamente o 2 % da froita é fibra dietética. Os compoñentes da fibra alimentaria que atopamos nas froitas son principalmente as pectinas e a hemicelulosa. A pel da froita é a que posúe unha maior concentración de fibra alimentaria, pero tamén é onde poden permanecer restos dalgúns contaminantes como restos de insecticidas, pois son difíciles de eliminar se non é co pelado da froita. A fibra solúbel ou xelificante, como as pectinas, forman coa auga mesturas viscosas. O grao de viscosidade depende da froita da que proceda e do grao de maduración desta. As pectinas desempeñan polo tanto un papel moi importante na consistencia da froita.
Véxase tamén: Fibra alimentaria.
  • Vitaminas: Como os carotenos, vitamina C, ou vitaminas do grupo B. Segundo o contido en vitaminas podemos facer dous grandes grupos de froitas:
  1. Ricas en vitamina C: conteñen de 50 a 100 mg/100 g. Entre estas froitas temos ós cítricos, tamén o melón, os amorodos e o kiwi.
  2. Ricas en vitamina A: Son ricas en carotenos os albaricoques, pexegos e ameixas.
  • Sales minerais: Do mesmo xeito que as verduras, as froitas son ricas en potasio, magnesio, ferro e calcio. Os sales minerais son sempre importantes, pero sobre todo durante o crecemento, para a osificación. O mineral máis importante é o potasio. As máis ricas en potasio son as froitas de carabuña, como o albaricoque, a cereixa, a ameixa, o pexego etc.
  • Valor calórico: O valor calórico está determinado pola concentración de azucres na froita, oscilando entre 30 e 80 Kcal/100 g. Como excepción temos froitas graxas, como o aguacate, que posúe un 16 % de lípidos, e o coco, que chega ao 60 % de lípidos.
  • Proteínas e graxas: Os compostos nitroxenados como as proteínas e os lípidos son escasos na parte comestíbel das froitas, aínda que son importantes nas sementes dalgunhas delas. Así pois, o contido de graxa pode oscilar entre o 0,1 e o 0,5 %, mentres que as proteínas poden estar entre o 0,1 e o 1,5 %.
  • Aromas e pigmentos: As froitas conteñen ácidos, aldehídos e outras substancias aromáticas que, unidas ao gran contido en auga, fai que as froitas resulten refrescantes. O sabor de cada froita está determinado polo seu contido en ácidos, azucres e outras substancias aromáticas. O ácido málico predomina na mazá, o ácido cítrico en laranxas, limóns e mandarinas e o ácido tartárico nas uvas. Polo tanto, os colorantes, os aromas e os compoñentes fénolicos adstrinxentes, aínda que se atopan en moi baixas concentracións, inflúen de maneira crucial nas propiedades organolépticas das froitas e. indirectamente, no seu éxito no consumo.

Galería de imaxes de froitas producidas en Galicia

editar
  1. A glicosa nin sequera hai que dixerila: absórbese no intestino directamente.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar

Este artigo tan só é un bosquexo 
 Este artigo sobre botánica é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.