[go: up one dir, main page]

O currywurst é unha especialidade de comida rápida típica de Alemaña. A Currywurst é unha salchicha alemá cocida (Brühwurst) ou asada á grella (Bratwurst).

Presentación

editar

A maioría das veces sérvese cortada e acompañada de salsa kétchup ou salsa de tomate e curry en po. O acompañamento desta salchicha adoita ser un boliño de pan típico alemán (Brötchen ou Semel) ou unhas simples patacas fritidas. Trátase dunha salchicha moi popular, con presenza en todos os länder de Alemaña nos postos de comida na rúa (Imbiss), e nos mercados e as feiras. Neste tipo de postos é habitual que se sirva todo xunto en bandexas de cartón branco cunha sorte de garfo de plástico, óptimo para ir comendo pola rúa. Nestes postos adoita haber depósitos con salsa de tomate ou kétchup para que cada quen poida engadir el mesmo a cantidade que desexe.

editar

É un elemento tan popular na vida de acotío alemá que é un dos actos habituais nas campañas electorais que os candidatos asistan a tomar unha Currywurst como calquera outro alemán. Ademais Currywurst é unha entrada presente en todas as guías de turismo sobre Alemaña como óptima, e barata, solución en caso de ter fame fóra do lugar de aloxamento.

Historia

editar

A invención desta receita é obra de Herta Heuwer, que o 4 de setembro de 1949 (data actualmente en disputa) no seu posto ambulante da esquina de Kaiser-Friedrich-Straße no barrio de Charlottenburg de Berlín estaba a fritir salchichas cunha salsa de tomate, po de curry, e salsa Worcestershire, así coma outros condimentos. En 1959, esta cociñeira rexistrou como marca a súa salsa e a denominou Chillup. Malia a que tivo boas ofertas pola receita nunca a vendeu e a empresa que dirixiu chegou mesmo a ter 20 empregados en nómina. Desde 2003 pódese topar unha placa conmemorativa en honor a Herta Heuwers como descubridora da Currywurs.

En 1993 iniciou polémica cando o escritor Uwe Timm publicou a novela Die Entdeckung der Currywurst (‘O descubrimento da Currywurst’), en que se lle atribuía a honra de descubrir esta salchicha a Lena Brücker nun Imbiss do mercado de Hamburgo (Großneumarkt) no ano 1947. A polémica está servida posto que non existen documentos que confirmen ou descarten as súas afirmacións. Porén, pode verse tamén unha placa conmemorativa nas rúas da cidade homenaxeando a Lena Brücker no Großneumarkt.

Nos 80 entrou en forte competencia cos tamén populares Döner e mais as hamburguesas, especialmente en Berlín, Hamburgo e na conca do Ruhr. A salchicha é case unha icona da cultura de acotío e existen numerosos afeccionados que discuten con pracer encol da composición das salsas, dos condimentos e de onde se serve a mellor Currywurst.

En outono de 2009 estaba previsto abrir en Berlín o museo da Currywurst (Deutsches Currywurst-Museum), debido á gran popularidade e número de seguidores que posúe este ilustre embutido nesta cidade.