[go: up one dir, main page]

Cova Eirós

formación xeolóxica en Cancelo, Triacastela

A cova Eirós é unha gruta natural sita en Cancelo[1], concello de Triacastela (Lugo), aos pés da serra do Oribio. A caverna, resultado de fenómenos cársticos sobre rocha calcaria, é un sitio arqueolóxico que forneceu materiais líticos pertencentes ao Paleolítico Medio e Superior, xunto con restos de fauna e flora da época. O 20 de agosto de 2012 fíxose público o achado de pinturas e gravados rupestres que se poderían remontar a 30.000 anos de antigüidade, sendo a primeira mostra de arte rupestre atopada en Galicia[2] e que motivaron a súa declaración como Ben de Interese Cultural.[3].

Modelo:Xeografía físicaCova Eirós
Imaxe
Tipocova Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaCancelo, España Editar o valor en Wikidata
Mapa
 42°46′05″N 7°12′40″O / 42.768, -7.2112

Situación xeográfica

editar

A cova áchase sita na aba norte do monte Penedo, na Serra do Oribio, entre as localidades de Cancelo e Vilavella, ambas as dúas no concello de Triacastela. De difícil acceso, está localizada sobre unha grande encosta que cae sobre o rego Bezcas, que flúe sobre o val de Cancelo.

Arqueoloxía e paleontoloxía

editar

A caverna de cova Eirós vense escavando por paleontólogos, desde os inicios da década do 1990 debido as evidencias da ocupación desta polo oso das cavernas (Ursus spelaeus); atopándose nas escavacións restos de máis de 40 individuos desa especie e doutros mamíferos como cervos e cabalos, presentándose os resultados dos estudos en 1993. Destes viña resultar que a caverna representaba o límite de expansión occidental do Ursus spelaeus.

Nese mesmo ano 1993, iniciouse unha segunda campaña, neste caso arqueolóxica, na que se escavou na entrada da cavidade, lugar que se adoitaba ocupar no paleolítico nas covas; descubríndose un total de cinco niveis, tres deles con gran potencia arqueolóxica[4]. Os dous primeiros revelaron industria lítica do Paleolítico Superior, principalmente realizada sobre cuarzo. Unha sondaxe no nivel inferior revelou que podía conter materiais máis antigos, do Paleolítico Medio

Paleolítico Medio

editar

Os arqueólogos vencellados ás universidades de Santiago de Compostela, de Cantabria e da Rovira i Virgili, confirmaron a fins do verán de 2008[5], o achado de materiais líticos que, sen dubidar, están adscritos ao Paleolítico Medio e, polo tanto, a humanos neandertalenses. Os útiles de pedra estaban traballados con técnica Levallois, e predomina como material base o cuarzo[6]. Atopouse tamén instrumental óseo. Aínda que non se atoparon restos fósiles humanos, si que se atoparon restos de fauna (cérvidos, bóvidos e úrsidos) e flora (pole) asociados. A datación inicial das descubertas calculouse para uns 35.000 atrás.

Encadramento

editar

Os últimos achados de cova Eirós non son os primeiros que se realizan en Galicia pertencentes ao Paleolítico Medio (hainos no Baixo Miño e na depresión da cidade de Ourense, p.ex.), aínda que son escasos en conxunto pero esta gruta, ademais de subministrar unha interesante industria lítica (realizada en boa medida sobre cuarzo, un material difícil de traballar), permitirá coñecer a contorna ambiental que rodeaba nesa época os neandertalenses do Oribio. Isto facilitará tamén a comparación con outros xacementos coetáneos, especialmente do resto da Península Ibérica e, especialmente, os máis próximos.

A conservación de materiais orgánicos débese á condición de pH básico dos terreos calcarios nos que se localiza cova Eirós, o que non adoita acontecer na maior parte de Galicia, onde predominan chans ácidos que apenas permiten a conservación de restos orgánicos.

O 31 de xullo de 2012 a Deputación de Lugo solicitoulle á Xunta de Galicia que declarase Ben de Interese Cultural a cova Eirós[7], feito que se consumaría o 20 de agosto tras o achado das mostras de arte rupestre, consistentes en pinturas en negro e gravados de zoomorfos incompletos e signos que, nunha primeira valoración, poderíanse situar nos períodos Gravetense ou Solutreano do Paleolítico Superior [8].

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Nogueira Ríos, S., Unha primeira aproximación ao estudo dos materiais líticos da Cova Eirós (Triacastela-Lugo), na revista "Historia Nova", IV, 1997, páxs. 9-29 (sobre os resultados da segunda campaña de escavacións no lugar).
  • A. Lombera Hermida, X.P. Rodríguez Álvarez, , T. Lazuén Fernández, R. Fábregas Valcarce, El Paleolítico Inferior e Medio en el interior de Galicia: La Depresión de Monforte, na revista "Croa". Boletín da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, nº 16, 2006 páxs.35-42 (aínda que non toca as campañas recentes, pode consultarse en versión pdf na seguinte ligazón).

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar