Allianz Arena
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2024.) |
O Allianz Arena é un estadio localizado no barrio de Fröttmaning, ao norte de Múnic, no estado federado de Baviera, Alemaña. Os seus equipos titulares son o FC Bayern München e o TSV 1860 München, equipos que xogaban previamente de local no Estadio Olímpico de Múnic.
Allianz Arena | |
---|---|
e | |
Datos | |
Coordenadas | 48°13′08″N 11°37′29″L / 48.218775, 11.624752777778 |
Localización | Múnic, Alemaña |
Construción | |
Inauguración | 30 de maio de 2005 |
Arquitecto | Herzog & de Meuron |
Custo | € 280 000 000 |
Estadio | |
Superficie | Céspede |
Dimensións | 105 x 68 |
Capacidade | 69.901 (nacional) 66.000 (internacional) |
Propietario | Allianz Arena München Stadion GmbH |
Localía | FC Bayern München TSV 1860 München |
Web | http://www.allianz-arena.de/en/, https://allianz-arena.com/de, https://allianz-arena.com/es, https://allianz-arena.com/cn, https://allianz-arena.com/jp, https://allianz-arena.com/ru, https://allianz-arena.com/ar, https://allianz-arena.com/it e https://allianz-arena.com/fr |
Eventos | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Denominación
editarFoi unha das subsedes da Copa Mundial de Fútbol de 2006 celebrada en Alemaña. Para este evento, o estadio levou temporalmente o nome de Estadio da Copa Mundial da FIFA de Múnic, por razóns estipuladas no regramento da FIFA. Por razóns semellantes, tamén leva o nome de München Arena nos campionatos organizados pola UEFA, como a Liga de Campións. Malia estes cambios, o nome oficial é Allianz Arena.
O Allianz Arena é coñecido popularmente co sobrenome de Schlauchboot (galego: bote inflable) pola súa forma.
Historia
editarO 21 de outubro de 2001 realizouse un referendo municipal en Baviera, onde o 65,8% dos votantes (dun 37,5% dos muniqueses con dereito a voto que emitiu sufraxio) optou pola construción dun novo estadio (en desmedro da remodelación do Estadio Olímpico de Múnic).
O deseño da obra foi realizado pola firma Herzog & de Meuron, a cal foi seleccionada no mes de febreiro de 2002. A firma de seguros alemá Allianz, que é o principal socio da sociedade que constrúe o proxecto, pagou diñeiro para que o estadio levase o seu nome polos vindeiros 30 anos. O custo total da construción é de 280 000 000 €, pagados polo TSV 1860 München e o FC Bayern München.
A súa construción comezou o 21 de outubro de 2002, coa colocación da primeira pedra por parte de Franz Beckenbauer, e foi rematada en abril de 2005. O estadio foi inaugurado o 30 de maio de 2005 nun partido entre o TSV 1860 München e o 1. FC Nürnberg. O 31 de maio de 2005 disputouse o segundo partido inaugural, entre o FC Bayern München e a selección alemá de fútbol.
O 2 de xuño de 2005 disputouse o primeiro partido entre os dous equipos locais, o cal foi gañado polo TSV 1860 München, grazas a un gol de Paul Agostino.
O primeiro gol marcado no estadio foi de Patrick Milchraum do TSV 1860 München.
O primeiro gol do estadio válido para nun torneo oficial, foi marcado por Owen Hargreaves o 5 de agosto de 2005, na vitoria do FC Bayern München por 3 goles a 0 sobre o Borussia Mönchengladbach, válido pola Bundesliga.
O 9 de setembro, o 1. FC Dynamo Dresden converteu o primeiro gol en contra ao TSV 1860 München. O 5 de novembro de 2005, Miroslav Klose do SV Werder Bremen marcoulle o primeiro gol en contra ao FC Bayern München.
Durante o desenvolvemento da Copa Mundial da FIFA 2006 pasou a chamarse Estadio da Copa Mundial da FIFA de Múnic (alemán: FIFA WM-Stadion München), xa que a FIFA non permite ningún tipo de publicidade no nome dos estadios.
Esta restrición tamén é imposta pola UEFA, quen obrigou ao FC Bayern München a mudar o nome do estadio para os partidos válidos pola UEFA Champions League. Nesa instancia, o estadio denominouse München Area.
O 9 de xuño de 2006 disputouse o partido inaugural da Copa Mundial da FIFA 2006 (aínda que unha cerimonia inaugural de carácter cultural celebrouse un día antes en Berlín), entre a selección alemá de fútbol e a selección costarriqueña de fútbol.
Arquitectura
editarAs proporcións do recinto deportivo son de 258 m de longo, 227 m de ancho, e 50 m de alto. As proporcións da súa cancha son de 105 m x 68 m.
A arquitectura externa do Allianz Area está composta de 2.874 paneis romboidais metálicos de ETFE (copolímero de etileno-tetrafluoretileno) a unha presión de 0,035 hPa. Cada panel pode iluminarse de xeito independente de cor branca, vermella ou azul. A intención é iluminar os paneis en cada partido coas cores do respectivo equipo local, ou de cor branca cando xoga de local a selección alemá.
Para a construción empregáronse aproximadamente 120.000 m³ de formigón para o estadio e 85.000 m³ para os estacionamentos. Utilizáronse 22.000 t de aceiro para a construción do estadio e 14.000 t para a construción dos estacionamentos, cuxa extensión é de aproximadamente 270,000 m².
Eventos
editarCopa Mundial de Fútbol de 2006
editar- Véxase tamén: Copa Mundial de Fútbol de 2006.
O Estadio da Copa Mundial da FIFA de Múnic logrou ser unha das subsedes da Copa Mundial de Fútbol de 2006. Neste recinto disputáronse 4 dos 48 partidos da primeira fase.
No partido inaugural do torneo, disputado o 9 de xuño e correspondente ao grupo A, enfrontouse a selección alemá contra a selección costarriqueña. O resultado foi un categórico triunfo de 4:2 a favor de Alemaña, con goles de Lahm, Klose (en dúas oportunidades), e Frings. Os goles costarriqueños foron anotados por Wanchope. Este partido foi o partido inicial do torneo con maior número de goles anotados dende 1934.
O 14 de xuño xogouse o décimo sexto partido da primeira rolda (16), correspondente ao grupo H. Disputouse o "clásico musulmán" entre as seleccións de Arabia Saudita e Tunisia, nun partido que rematou empatado 2:2. Os goles de Tunisia foron anotados por Jaziri e Jaidi. Pola súa banda, os goles de Arabia Saudita foron marcados por Al Qahtani e Al Jaber.
No vixésimo sétimo partido da primeira rolda (27), disputado o 18 de xuño e correspondente ao grupo F, a selección brasileira derrotou por 2:0 á selección australiana, con goles de Adriano e o suplente Fred.
O 21 de xuño disputouse o trixésimo oitavo partido da primeira rolda (38), válido polo grupo C, onde se enfrontaron as seleccións de Costa do Marfil e de Serbia e Montenegro, cun triunfo de 3:2 a favor dos marfileses. Os goles da selección marfilesa foron anotados por Dindane (en dúas ocasións) e Kalou. Pola súa banda, os goles da selección de Serbia e Montenegro foron anotados por Nikola Žigić e Saša Ilić.
Ademais, neste recinto deportivo disputáronse 2 dos 16 partidos da segunda fase.
Disputouse o primeiro partido dos oitavos de final (49) o 24 de xuño, onde se enfrontaron as seleccións de Alemaña e de Suecia, cun triunfo de 2:0 a favor dos alemáns. Os goles da selección alemá foron anotados por Podolski.
O 5 de xullo disputouse o segundo partido da semifinal (62), onde se enfrontaron as seleccións de Portugal e de Francia. A selección francesa finalmente venceu por 1:0, grazas a un gol de penal, marcado por Zinedine Zidane.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Allianz Arena |
- Sitio web oficial do Allianz Arena, en alemán e inglés.
- Sitio web da cidade de Múnic sobre a Copa Mundial de Fútbol de 2006, en alemán.