Xemación
A xemación é unha forma de reprodución asexual na cal se orixina un novo organismo a partir dun crecemento ou xema que se forma por divisións celulares nun sitio do corpo determinado do proxenitor. O novo organismo permanece unido ao proxenitor a medida que medra, separándose finalmente cando está maduro, deixando no proxenitor un tecido de cicatrización. Como se trata dunha reprodución asexual, o novo individuo orixinado é un clon xeneticamente idéntico ao organismo parental. Tamén se fala de xemación para referirse á división celular de microorganismos como os lévedos, onde se trata dunha mitose desigual na que a célula filla é inicialmente pequena.
Reprodución animal
[editar | editar a fonte]Nos metazoos a descendencia pode orixinarse a partir dunha xema do proxenitori. Entre os animais que se reproducen por xemación están os corais, briozoos e algunhas esponxas. No caso da hidra de auga doce utilizan células rexenerativas para reproducirse por xemación. Na hidra, orixínase no adulto unha xema debido a un crecemento celular por repetidas divisións celulares nun punto determinado do corpo. A xema desenvólvese formando un diminuto individuo unido ao adulto, que madura e se desprende orixinando un individuo independente. En certas especies poden formarse xemas que sobreviven en condicións desfavorables grazas a unha envoltura protectora. No caso das esponxas de auga doce, as xemas teñen unha cápsula protectora e no seu interior hai substancia de reserva. Ao chegar a primavera pérdese a cápsula protectora e a partir da xema xorde a nova esponxa. Nos briozoos de auga doce prodúcese unha capa de quitina e de calcio e non necesitan substancia de reserva porque están en estado de hibernación.
Xemación celular
[editar | editar a fonte]Un tipo de división das células é a xemación. O caso máis típico é o dos lévedos, como Saccharomyces cerevisiae. Neles a xemación é unha mitose na que o tamaño das dúas células formadas é desigual, xa que unha delas é moi pequena e parece como unha xema que lle nace á célula grande. A xema crece pero tarda en separarse, e en condicións favorables a propia xema unida pode experimentar á súa vez xemación, de modo que se poden formar durante un tempo unha especie de pseudomicelios de xemación, pero finalmente a xema acaba por separarse e crece ata o seu tamaño normal. Na célula proxenitora queda unha cicatriz de xemación no lugar onde se orixinou a outra célula, e, como o proceso se repite, poden ter decenas de cicatrices.
Tamén hai procesos similares á xemación en protozoos como os Suctores e Vorticella.
Nalgúns procariotas tamén se forman células a partir de crecementos doutra célula preexistente, que finalmente se desprenden. Por exemplo nos planctomicetos ou na arquea Methanocolleus nigri (ver imaxeArquivado 14 de xullo de 2014 en Wayback Machine.).
A xemación interna ou endodioxenia é un proceso de reprodución asexual que realizan parasitos como Toxoplasma gondii[1]. Implica un proceso infrecuente no cal se forman dúas células fillas dentro da célula nai, a cal despois é consumida polas células fillas antes da súa separación.[2] A endopolixenia é a división en varios organismos á vez por xemación interna.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ The Free Dictionary Taxoplasma
- ↑ 2,0 2,1 James Desmond Smyth, Derek Wakelin (1994). Introduction to animal parasitology (3 ed.). Cambridge University Press. pp. 101–102. ISBN 0-521-42811-4.