[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Vitamina B6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A vitamina B6 é o coenzima de numerosos enzimas que actúan no metabolismo das proteínas e dos ácidos graxos, entre outras funcións. En realidade é unha denominación común para tres compostos químicos chamados piridoxina, piridoxal e piridoxamina.

Atópase no xerme do trigo, carne e verduras. Ó tratarse dunha vitamina hidrosoluble elimínase a través dos ouriños e hase de repor diariamente coa dieta. Necesítase en maior cantidade cando se seguen dietas altas en proteínas.

A carencia de vitamina B6 provoca náuseas, parestesia, debilidade muscular e alteracións cutáneas (dermatite, ó que se debe o nome que se lle deu de adermina).

Beneficios

[editar | editar a fonte]

Adóitase coñecer, a nivel popular, como a "vitamina das mulleres", xa que contribúe a aliviar a síndrome premenstrual (irritabilidade, desánimo etc.). Pode haber falta desta vitamina no embarazo e cando se toman anticonceptivos orais.

A vitamina B6 intervén na elaboración de substancias cerebrais que regulan o estado de ánimo, como a serotonina, podendo ser útil, nalgunhas persoas, en casos de depresión, tensión e alteracións do soño. Simultaneamente, pode axudar a reducir a sequidade de boca ocasionada pola toma de medicamentos (sobre todo por algúns antidepresivos).

É moi popular entre os deportistas xa que incrementa o rendemento muscular e a produción de enerxía. Iso é debido a que cando hai necesidade dun maior esforzo favorece a liberación de glicóxeno que se atopa almacenado no fígado e nos músculos. Tamén pode colaborar a perder peso xa que axuda a que o noso corpo consiga enerxía a partir das graxas acumuladas.

É necesaria para que o corpo fabrique adecuadamente anticorpos e hemacias (glóbulos vermellos).

É moi importante para unha adecuada absorción da vitamina B12 e do magnesio.

A diabetes durante o embarazo e a lactación relacionouse cunha deficiencia de vitamina B6 que provocaría unha baixo nivel de insulina para asimilar os hidratos de carbono da dieta. As persoas diabéticas a miúdo observan que necesitan menos insulina polo que deben vixiar os seus niveis de glicosa e adecuar a dose de insulina.

Outros efectos

[editar | editar a fonte]
  • Alivia as náuseas.
  • Axuda en caso de tendencia a espasmos musculares nocturnos, cambras nas pernas e adormecemento das extremidades.
  • Participa na formación de anticorpos.
  • Intervén na síntese de ADN e ARN.
  • Mantén o funcionamento das células nerviosas.
  • Favorece a absorción de ferro.
  • Intervén na formación de mielina.