[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Vaca da Terra Alta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vaca da Terra Alta

A vaca da Terra Alta (en escocés: Bò Ghàidhealach; en scots: Heilan coo), é unha raza de vaca orixinaria das Highlands escocesas.

Posúe un característico pelo longo e unha cor rubia, algo máis clara cá rubia galega. Empregada para a produción de carne, ten unha elevadísima resistencia ao frío, o que a fai apta para climas extremos. A finais do século XIX levaron exemplares desta raza dende Escocia ata Norteamérica. Na actualidade tamén é posible atopala en Escandinavia.

Orixe e armentío

[editar | editar a fonte]

A vaca da Terra Alta debería ser parente de antigas razas británicas brancas, como a chillingham e a white park. Orixinariamente existían dúas razas distintas, unha máis pequena e negra que vivía nas illas da costa noroccidental de Escocia e unha maior e mormente rubia que vivía na Terra Alta, e que converxeron. O libro xenealóxico único comezouse e 1884.

Tense cruzado frecuentemente coa raza shorthorn.

Características

[editar | editar a fonte]
Cabeza de vaca da Terra Alta.
Distintos exemplares nun prado. O máis habitual é a cor rubia do primeiro plano, pero poden atoparse exemplares negros e claros, como nesta fotografía.

Normalmente as vacas da Terra Alta son rubias, algo máis claras cás galegas, se ben non é estraño atopar exemplares negros, pintos de negro e rubio, grises, crema... O seu pelo é moi longo, de ata 35 centímetros, que lles forma un abrigo espeso reforzado por unha capa mestísima de pelos curtos. Ademais, uns pelos particularmente longos lle cobren a testa e lles protexen os ollos. Os cornos son longos, case como os da cachena, dirixidos lateralmente e cara a arriba nas vacas, e cara a adiante e algo cara a abaixo nos bois.

A súa estatura é pequena. As femias miden 110 cm e os machos algo máis (130 cm). O peso medio é, respectivamente de 450 e 650 kg.

Aptitudes

[editar | editar a fonte]

Na actualidade o seu aproveitamento é case exclusivamente o da carne, pero en antigo tempo tamén se facían queixos cun leite rico en graxas e que traía o sabor dos pastos bravos e dos arbustos da Terra Alta. A súa carne, con bastante lardo, é rica en proteínas e escasa en colesterol.

Malia o seu aspecto, non son vacas bravas, senón que se viñan coidando cun dobre sistema estabular no inverno e ás ceibas no verán. Ten unha gran resistencia ao frío e á neve, e por iso ten triunfado como raza lonxe de Escocia, principalmente en Alasca e en Escandinavia, aínda que se cría en moitos puntos da América e da Europa máis frías.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]