Voo 90 de Air Florida
Voo 90 de Air Florida | |
---|---|
Boeing 737-222 semellante ao do accidente
| |
Resumo | |
Data | 13 de xaneiro de 1982 |
Causa | conxelación |
Lugar | río Potomac |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto Ronald Reagan |
Derradeira escala | aeroporto de Tampa |
Destino | aeroporto de Fort Lauderdale |
Finados | 78 (4 en terra) |
Feridos | 9 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 737-222 |
Operador | Air Florida |
Rexistro | N62AF |
Pasaxeiros | 74 |
Tripulación | 5 |
Superviventes | 5 |
O voo 90 de Air Florida era un voo regular doméstico de pasaxeiros operado por Air Florida dende o aeroporto Washington National (no presente aeroporto nacional Ronald Reagan de Washington) ata o aeroporto de Fort Lauderdale-Hollywood, cunha escala no aeroporto de Tampa. O 13 de xaneiro de 1982 o Boeing 737-222 con rexistro N62AF esnafrouse contra a ponte da rúa 14 sobre o río Potomac, a só dúas millas da Casa Branca.[1]
O aparello golpeou contra a ponte, por onde pasa a Interestatal 395 entre Washington, D.C. e o condado de Arlington, Virxinia. Impactou contra varios vehículos na ponte e esnaquizou 30 metros de peitoril[2] antes de mergullarse no xeo do río Potomac. O avión levaba 74 pasaxeiros e 5 tripulantes. Catro pasaxeiros e unha asistente de voo foron rescatados e sobreviviron. Outro pasaxeiro, Arland D. Williams, Jr., axudou no rescate dos superviventes, pero afogou antes de ser rescatado. Catro condutores na ponte tamén morreron. Os superviventes foron rescatados do río conxelado por civís e profesionais. O presidente Ronald Reagan eloxiou estes actos durante o seu discurso do Estado da Unión poucos días máis tarde.
A NTSB determinou que a causa do accidente foi un erro dos pilotos que non activaron os sistemas de protección contra o xeo internos dos motores, usaron a reversa nunha tormenta de neve antes da engalaxe, intentaron usar a saída de gases dun avión diante deles para derreter o seu xeo, e fallaron en abortar a engalaxe despois de detectar un problema de potencia mentres rodaban vendo acumulación de xeo e neve nas ás.
Avión
[editar | editar a fonte]O aparello implicado era un Boeing 737-222, con rexistro N62AF, fabricado en 1969 e anteriormente operado por United Airlines co rexistro N9050U. Foi vendido a Air Florida in 1980. O avión estaba equipado con dous motores Pratt & Whitney JT8D-9A e tiña rexistradas máis de 27 000 horas de voo antes do accidente.[2]
Tripulación
[editar | editar a fonte]O piloto, o capitán de 34 anos Larry Wheaton, fora contratado por Air Florida en outubro de 1978 como primeiro oficial. Ascendeu a capitán en agosto de 1980. No momento do accidente tiña unhas 8 300 horas de voo, con 2 322 horas de experiencia en reactores comerciais (todas con Air Florida). Acumulaba 1 752 horas no Boeing 737, das cales 1 100 eran como capitán.[2]
Wheaton foi descrito polos seus compañeiros como unha persoa tranquila, con boas habilidades e coñecementos operacionais, que traballaba ben en situacións de voo con moita carga de traballo. O seu liderado foi descrito como semellante ao doutros pilotos. Porén, o 8 de maio de 1980, foi suspendido tras suspender un control en liña da compañía do Boeing 737, atopándose que non aprobaba nas seguintes áreas: cumprimento das regulacións, uso da lista de verificación, procedementos de voo como control de saídas e cruceiro, e aproximacións e aterraxes. Porén reiniciou as súas tarefas tras aprobar un novo exame o 27 de agosto.[2] O 24 de abril de 1981 o capitán recibiu unha puntuación insatisfactoria nunha proba recorrente de coñecementos da compañía cando amosou deficiencias en temas de memoria, coñecementos dos sistemas do avión e limitacións do aparello. Tres días despois aprobou unha proba de recuperación de coñecementos.[2]
O primeiro oficial, Roger Pettit, de 31 anos, fora contratado por Air Florida o 3 de outubro de 1980 como primeiro oficial do Boeing 737. No momento do accidente tiña 3 353 horas de voo, das cales 992 foran con 737 de Air Florida. Dende outubro de 1977 ata outubro de 1980 fora piloto de caza na USAF, acumulando 669 horas de voo como examinador de voo e piloto instrutor, e como instrutor de terra nunha unidade operacional de F-15.[2]
O primeiro oficial foi descrito polos seus amigos e outros pilotos como un individuo enxeñoso, brillante e aberto cun excelente dominio das habilidades físicas e mentais no avión. Os que voaran con el durante operacións de voo estresantes dixeron que durante eses momentos amosaba as mesma habilidades e permanecía enxeñoso e agudo, "sabendo as súas limitacións".
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Condicións meteorolóxicas
[editar | editar a fonte]O mércores 13 de xaneiro de 1982 o aeroporto Washington National (DCA) estivo pechado por unha forte tormenta de neve que produciu 16,5 cm de neve.[2] Reabriu ao mediodía baixo condicións marxinais cando a nevada comezou a afrouxar.
Esa tarde, o avión tiña que regresar ao aeroporto de Fort Lauderdale-Hollywood en Dania, Florida, cunha escala intermedia no aeroporto de Tampa. A saída programada atrasouse ao redir dunha hora e 45 minutos debido ao atraso de saídas e chegadas polo peche temporal do aeroporto. Cando o aparello estaba preparado para a saída continuaba caíndo unha nevada moderada e a temperatura do aire era de −4 °C.[2]