[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Theravada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monxe tailandés meditando.

O Theravada (en pali e sánscrito: Sthaviravada; lit. "Escola dos Anciáns"), é considerada a máis antiga de entre as escolas de budismo actualmente existentes.[1][2] Os crentes desta póla, chamados Theravādins, preservaron a súa versión das ensinanzas de Gautama Buda no canon pali durante máis de dous milenios.[1][2][3]

A escola Theravada é tamén a única que non considera canónicas as escrituras adoptadas polas escolas Mahayana e Vaxrayana. É unha das dezaoito (ou vinte) escolas Nikāya, que se formaron na India no século seguinte á morte de Buda. Máis concretamente provén do grupo Vibhajjavāda que xurdiu da antiga seita Sthavira no tempo do terceiro concilio budista (250 a. C.). Esta vertente do budismo perdeu adeptos na súa terra natal, a India, pero perviviu coma tradición viva nas zonas do sueste asiático.

Algunhas veces é indebidamente chamada Hinayana, que etimoloxicamente é un termo pexorativo (significa algo como o vehículo cativo) en contraposición ao Mahayana (o gran vehículo).

Características

[editar | editar a fonte]

A escola Theravada basea a súa doutrina exclusivamente no Canon Pali e os seus comentarios; cabe destacar entre estes últimos o Visuddhimagga (430 d. C.), do erudito Buddhaghosa. Logo de ser transmitidas oralmente durante séculos, as escrituras do Canon Pali foron escritas finalmente no século I antes de Cristo, en Sri Lanka, no que a propia tradición Theravada recoñece coma o cuarto concilio. A colección de textos Sutta e Vinaya do Canon Pali están xeralmente consideradas polos estudos contemporáneos coma as primeiras formas de literatura budista, e son consideradas xenuínas por todas as vertentes do budismo.[2]

O Theravada (pali: thera "anciáns" + vada "palabra, doutrina" ), ten sido moitos séculos a relixión predominante no Sri Lanka, Birmania, Camboxa e Tailandia; actualmente o número de Budistas Theravada en todo o mundo excede os 100 millóns de persoas. En décadas recentes comezou a fincar as súas raíces no Occidente.

Na doutrina Theravada as persoas poden acordar do "soño da ignorancia" realizando, de xeito directo, a verdadeira natureza do seu ser; as persoas que acadan este estado son coñecidas coma arahants e, en ocasións, coma budas. Logo de varias vidas de busca espiritual chegan ao final do ciclo dos renacementos, e non se volven reencarnar coma humano, animal, pantasma, ou outra forma de vida. Os comentarios do Canon Pali clasifican estes "seres espertos" en tres categorías:

  • Sammasambuddha, ou simplemente buda; coñece a súa verdadeira natureza e ensina aos outros a acadar esta realización.
  • Paccekabuddha, que descobre a verdade por si mesmo pero non é apto para ensinar a outros.
  • Savakabuddha, que recibe a verdade directamente dun Sammasambuddha.
  1. 1,0 1,1 Bodhi (2005-07-28). In the Buddha's Words: An Anthology of Discourses from the Pali Canon (en inglés). Simon and Schuster. ISBN 978-0-86171-491-9. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Buddhism - Origins, Spread, Teachings - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-02-20. 
  3. Braun, Erik (2014-10-25). "Meditation en Masse". Tricycle: The Buddhist Review (en inglés). Consultado o 2024-02-20. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]