[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Teoría do floxisto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A teoría do floxisto é unha teoría científica xa superada, cuxo postulado principal é a existencia dun elemento tipo lume chamado floxisto, que estaría contido dentro de corpos combustíbeis e que se liberaría durante a combustión. O nome provén do grego antigo φλογιστόν phlogistón (queimado), desde φλόξ phlox (chama), e significa inflamábel. En 1667, Johann Joachim Becher fixo unha primeira aproximación ao concepto, que foi desenvolvido polo químico e médico alemán Georg Ernst Stahl en 1703. Segundo Stahl, os corpos combustíbeis posuirían un material chamado floxisto, que se liberaría ao aire durante os procesos de combustión (material orgánico) ou calcinación (metais). A teoría intentou explicar procesos como a combustión e oxidación.

A teoría segundo Stahl

[editar | editar a fonte]
Placa conmemorativa de Stahl, principal impulsor da teoría do floxisto.

Stahl desenvolveu a teoría do floxisto a partir dunha adaptación da teoría dun dos seus mentores, Johann Joachim Becher. En 1667 Johann Joachim Becher editou o libro Physica subterranea, onde presentou unha teoría sobre os elementos, na que consideraba tres tipos de terras diferentes: terra mercurialis, terra lápida e terra pinguis. Segundo Becher o pinguis terrestre estaba presente en materiais combustíbeis, e era liberado cando estes materiais ardían.

Nese momento a noción de elemento químico era diferente da noción actual. Varias teorías sobre os elementos presentáronse no tempo de Stahl, todas as variantes da teoría orixinal de Empédocles, segundo a cal había cinco elementos: aire, auga, terra, lume e éter.

Stahl fixo este troco logo de establecer que a combustión de materiais orgánicos coma a madeira ou o carbón e a calcinación dos metais seguen o mesmo proceso. Esta observación debeu estar influída polo feito de que Stahl estudou coidadosamente os procesos empregados na metalurxia. Stahl considerou que cando un material se queimaba, sofría corrosión ou se calcinaba, perdía o seu floxisto: canto máis combustíbel é un material, máis floxisto libera na combustión.

Stahl estableceu dúas diferenzas entre a combustión de materiais como a madeira ou o carbón e a calcinación dun metal. A calcinación dun metal, a diferenza da combustión da madeira, é un proceso lento e reversíbel. Stahl confirmou que é posíbel reverter o proceso de calcinación e recuperar o metal da súa cal (agora denominado óxido). Considerou que isto era así porque a cal do metal reabsorbía o floxisto liberado por material combustíbel, coma o carbón.

A teoría de Stahl foi aceptada na comunidade científica en xeral, xa que presentou a primeira explicación dos fenómenos químicos. Esta teoría permitía explicar varios fenómenos observados, como a perda de masa na combustión dun material (por perda de floxisto), a imposibilidade dun combustíbel de arder sen presenza de aire (xa que o aire é necesario para absorber o floxisto liberado), o fin dunha combustión, e a morte dun pequeno animal nun recipiente pechado (ambos por saturación do aire con floxisto).

Refutación

[editar | editar a fonte]

Aínda que algúns químicos da época foron fascinados pola teoría e durou ata finais do século XVIII, foi entón fortemente atacada por diversos químicos. A teoría do floxisto foi sendo posta en dúbida, porque, mentres que no caso da combustión de compostos orgánicos existía a perda de masa, non acontecía o mesmo no caso dos metais. Segundo a teoría, os metais deben perder o floxisto cando se expoñen ao quentamento, mais segundo os propios defensores da teoría, ao final gañaban peso. Lavoisier foi un dos científicos que comprobaron este feito a través das súas experiencias (presentadas en 1772) sobre a calcinación do fósforo e do xofre), o que lle levou a reflexionar sobre o floxisto.

Este feito non era un problema para Stahl, que consideraba o floxisto coma unha esencia, que non necesariamente tiña masa. Stahl considerou que o floxisto era unha especie de esencia que podía fluír entre os materiais.

Lavoisier estivo moitos anos tentando derrubar definitivamente a teoría do floxisto, pero só co descubrimento accidental do osíxeno feita por Joseph Priestley (nomeado "aire defloxisticado") en 1774, conseguiuse desmontar a teoría do floxisto. Dous anos antes da visita de Priestley en 1772 declarara que estaba preparado para provocar unha revolución en física e química. A diferenza de Priestley, deuse conta de que o "aire defloxísticado" non era un elemento, senón un compoñente do aire que buscaba. Con iso, Priestley solventaba o problema do elemento perdido.

A través de investigacións que repetiron os experimentos de Priestley entre os anos 1775 e 1780, Lavoisier ficou convencido de que o aire de Priestley era o principio activo da atmosfera. Ao realizar varios experimentos, Lavoisier demostrou que o aire contén 20 por cento de osíxeno e que a combustión débese á combinación dunha substancia combustíbel con osíxeno. Tamén se probou o seu papel na respiración.

En 1789, Lavoisier bautizou a substancia como osíxeno, un nome que provén do grego e significa "formación de ácido", porque naquel intre críase que todos os ácidos contiñan osíxeno, feito que após amosouse incerto.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bell, Madison Smartt. Lavoisier in the Year One. Nova York: Atlas Books, 2005.
  • Gribbin, Jonh. Science, a History. Londres: Penguin Books, 2003.
  • Morris, Richard. The Last Sorcerers. Washington: Joseph Henry Press, 2003.
  • Ashall, Frank. Descobertas Notáveis - Do Infinitamente Grande ao Infinitamente Pequeno. Lisboa: Editora Replicação, 2001.
  • Nortow, Peter (Ed.). The New Encyclopaedia Britannica – Micropédia (volume IX). Chicago: Encyclopaedia Britannic, Inc., 1995.
  • Nortow, Peter (Ed.). The New Encyclopaedia Britannica – Micropédia (volume XI). Chicago: Encyclopaedia Britannic, Inc., 1995.
  • Wlliams, Trevor (Ed.). Collons Biographical Dictionary of Scientists. Glasgow: HarperCollinsPublishers, 1994.