Toledo, Ohio
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2013.) |
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Estados Unidos de América | ||||
Estado federado | Ohio | ||||
Condado (pt) | Condado de Lucas (pt) | ||||
Capital de | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 270.871 (2020) (1.242,79 hab./km²) | ||||
Número de fogares | 119.215 (2020) | ||||
Xeografía | |||||
Situado na entidade territorial estatística | Toledo metropolitan area (en) (Poboación:646.604) | ||||
Superficie | 217,953266 km² | ||||
Auga | 4,0798 % (1 de abril de 2010) | ||||
Altitude | 187 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 1833 | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Wade Kapszukiewicz (pt) (2018–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Prefixo telefónico | 419 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | toledo.oh.gov | ||||
Toledo é unha cidade do condado de Lucas no estado estadounidense de Ohio. Esta cidade universitaria é coñecida como a cidade de Cristal, grazas á súa larga tradición na innovación en todos os aspectos da industria do vidro, da que a cidade conta cun museo. O automóbil Jeep foi manufacturado en Toledo dende 1941.
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro asentamento foi de orixe española, aínda que foi abandonado cando se retirou de Norteamérica a Coroa española coa independencia das súas colonias continentais a comezos do século XIX. A área abriuse á colonización británica tras a batalla das Árbores Caídas en 1794. Esta batalla levou a unha serie de tratados cos indios entre os anos 1795 e 1817. Entre 1803 e 1805 edificouse Fort Industry na desembocadura do regato Swan Creek. A partir da guerra de 1812 houbo un establecemento de poboación permanente no contorno de Fort Industry. Dúas poboacións fundáronse na zona: Port Lawrence (1817) e Vistula (1832). As dúas uníronse en 1833 baixo o nome de Toledo que facía referencia ó asentamento español orixinal.
Dende 1835 Toledo é a capital do condado de Lucas. Nos anos trinta no século XIX, o estado de Ohio decidiu incorporar a rexión de Toledo ó seu plan de construción de canais. Porén, a zona non formaba parte do estado, senón do Territorio de Míchigan, polo que se produciu un problema de límites coñecido como a Guerra de Toledo en 1835. Os habitantes da zona meteron presión para que o baixo val do Maumee pasase de Míchigan a Ohio, e o conflito solucionouno o presidente Andrew Jackson outorgando o territorio en disputa a Ohio e compensando a Míchigan coa que actualmente é a súa península setentrional.
O desenvolvemento industrial da rexión produciuse durante esa década e a seguinte, ó construírense canais de navegación e ferrocarrís.
A industria de vidro foi iniciada nos anos oitenta do século XIX por Edward Libbey e Michael Owens.
Xeografía e clima
[editar | editar a fonte]Segundo a oficina do Censo dos Estados Unidos, Toledo ten unha superficie total de 217,88 km², da cal 208,99 km² corresponden a terra firme e 8,89 km² (4,08%) son auga.
Está situada no noroeste do estado de Ohio, xunto á baía de Maumee, extremo occidental do lago Erie e atravesa o río Maumee. A súa elevación sobre o nivel do mar é de 187 metros. Gran parte da cidade ocupa chan formado artificialmente e que ó principio estaba ocupado por pantanos.
O terreo é plano, e o solo é fértil, particularmente no val de Maumee.
O clima é continental frío, aínda que a proximidade do lago modera as temperaturas, de xeito que as nevaradas adoitan ser lixeiras. A temperatura media de xaneiro é de -5,3 °C, a de xullo é de 22,3 °C, e a media anual ascende a 9,2 °C.
Economía
[editar | editar a fonte]A situación vantaxosa de Toledo na rexión dos Grandes Lagos, con acceso navegable ó océano a través do río San Lourenzo viuse reforzada pola conexión a outras canles de navegación e a chegada do ferrocarril nas décadas de 1830 e 1840. O seu porto, xestionado pola Toledo-Lucas Country Port Authority, é un dos maiores do mundo no transporte de carbón e ferro. Tamén se distribúen cereais e soia, petróleo e derivados, cemento e outras cargas. Tamén dispón de instalacións para a reparación de barcos.
Entre as industrias da rexión de Toledo atópanse as do vidro, automóbil, construción naval, aeronáutica, metal, maquinaria, medicamentos e fabricación de fariñas. Existen máis de mil fábricas e centros de produción na área metropolitana. Os maiores empregadores inclúen Daimler AG, General Motors, Libbey Inc, Dana Corporation, Owens-Illinois Inc, ProMedica Health Systems e o sistema de escolas públicas.
Toledo dispón dun aeroporto (Toledo Express) servido por sete aeroliñas e que é a base de operacións de Burlington Air Express. O aeroporto de Detroit atópase a menos dunha hora en automóbil.
Lecer e educación
[editar | editar a fonte]Os deportes máis populares nesta cidade son as carreiras de coches, o béisbol, o golf, o hóckey e as carreiras de cabalos.
Entre as institucións educativas máis importantes atópanse:
- The University of Toledo.
- Bowling Green State University (Bowling Green.)
- Lourdes University (Sylvania).
- Herzing University.
- Toledo Academy of Beauty.
Os colexios públicos de Toledo están dentro de cidades limítrofes, como o Washington Local School District en North Toledo. Adicionalmente, ten colexios privados e públicos de primaria e secundaria e colexios católicos como:
- Central Catholic High School.
- Notre Dame Academy.
- Toledo Christian Schools.
- Emmanuel Christian.
- Monclova Christian Academy.
- Apostolic Christian Academy.
Cidades irmás
[editar | editar a fonte]Toledo ten varias cidades irmás, designadas por Sister Cities International (SCI):
- Toledo, Castela-A Mancha, España, desde 1931
- Poznan, Polonia.
- Londrina, Paraná, Brasil.
- Tanga, Tanzania.
- Delmenhorst, Baixa Saxonia, Alemaña.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A páxina oficial de Toledo
- Conversacións sobre ToledoArquivado 29 de novembro de 2017 en Wayback Machine.
- Toledo, Ohio, 1876 dende o World Digital Library.