[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Rizosfera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración da rizosfera.[1] A=Ameba alimentándose de bacterias; BL=bacterias limitadas de enerxía; BU=bacterias non limitadas de enerxía; RC=carbono derivado das raíces; SR=pelos radiculares desprendidos; F=Hifas de fungos; N=Vermes nematodos.

A rizosfera é a limitada rexión do solo que está directamente influenciada polas secrecións das raíces dunha planta e dos microorganismos do solo asociados, xeralmente de non máis dun milímetro de grosor. A rizosfera contén moitas bacterias que se alimentan das células que se descaman das plantas, o que se denomina rizodeposición, e das proteínas e azucres liberados polas raíces. Os protozoos e nematodos que se alimentan das bacterias son tamén máis abundantes na rizosfera que no resto do solo. Na rizosfera danse diversas relacións físicas e químicas que afectan á estrutura do solo e aos organismos que viven nel, proporcionándolle unhas propiedades diferentes ao resto do solo.

Unha gran parte do ciclo dos nutrientes e da supresión de enfermidades que necesitan as plantas ocorre moi preto das raíces, de aí a importancia da rizosfera.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

Son tres as características principais da rizosfera:

  • Presenza de numerosos organismos en maior densidade que no resto do solo, como poden ser bacterias, fungos e microfauna (por exemplo nematodos, ácaros, insectos).
  • Estabilidade das partículas do solo, tanto pola acción mecánica das raíces, coma pola acción agregante dos exsudados dos diferentes organismos presentes (plantas e microorganismos).
  • É o lugar de destino de carbohidratos producidos na fotosíntese que, as plantas exsudan polas súas raíces para fornecer enerxía aos microorganismos, os cales á súa vez protexen as raíces de organismos patóxenos e ademais solubilizan minerais facéndoos máis asimilables. Tamén se segregan proteínas e outros compostos.

Secrecións

[editar | editar a fonte]

A rizosfera é un complexo e dinámico microambiente, onde bacterias e fungos, en asociación coas raíces, forman comunidades únicas cun considerable potencial para a detoxificación de compostos orgánicos nocivos. Está controlada pola mesma raíz a través de exsudados como CO2, mucilaxes, proteínas, aminoácidos, carbohidratos, ácidos orgánicos e metabolitos secundarios (por exemplo citoquininas). A rizosfera dunha mesma planta pode variar drasticamente como resultado da produción de diferentes tipos de exsudados. Grazas a esas secrecións pódense establecer diferentes interaccións microorganismo-raíz que afectan positiva ou negativamente ao crecemento das plantas.

As plantas segregan moitos compostos na rizosfera que desempeñan diferentes funcións. As estrigolactonas, segregadas e detectadas polas micorrizas fúnxicas, estimulan a xerminación de esporas e inician cambios nas micorrizas que lles permiten colonizar as raíces. As plantas parasitas do xénero Striga tamén detectan a presenza de estrigolactonas e xerminan cando as detectan; despois móvense cara ao interior da raíz e aliméntanse dos nutrientes presentes, xa que son parasitas. As bacterias fixadoras de nitróxeno simbióticas, como as especies de Rhizobium, detectan compostos como os flavonoides segregados polas raíces das plantas leguminosas e despois producen factores de nodulación que lle indican á planta que eles están presentes e isto inicia a formación dos nódulos radiculares. Nestes nódulos as bacterias, que se alimentan de nutrientes da planta, converten o gas nitróxeno nun composto nitroxenado que poida ser utilizado pola planta. As bacterias non simbióticas (ou de "vida libre") fixadoras de nitróxeno poden vivir na rizosfera pero fóra das raíces de certas plantas (incluíndo moitas herbas), e igualmente "fixan" o gas nitróxeno na rizosfera rica en nutrientes da planta. Aínda que se cre que eses microorganismos están só debilmente asociados coas plantas nas que habitan, poden responder fortemente ao estado da planta. Por exemplo, as bacterias fixadoras de nitróxeno da rizosfera da planta do arroz mostran ciclos diúrnos que imitan ao comportamento da planta, e tenden a subministrar máis nitróxeno fixado durante os estados de crecemento nos que a planta ten unha maior demanda de nitróxeno.[3]

Algunhas plantas segregan aleloquímicos nas súas raíces que inhiben o crecemento doutrros organismos. Por exemplo a planta brasicácea Alliaria petiolata produce un composto químico que se cre impide que se estableza o mutualismo entre as árbores e as micorrizas fúnxicas en bosques temperados de Norteamérica.

  1. Giri, B.; Giang, P. H.; Kumari, R.; Prasad, R.; Varma, A. (2005). "Microbial Diversity in Soils". Microorganisms in Soils: Roles in Genesis and Functions. Soil Biology 3. pp. 19–55. doi:10.1007/3-540-26609-7_2. ISBN 3-540-22220-0. [1]
  2. "The Soil Food Web". USDA-NRCS. Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2012. Consultado o 3 July 2006. 
  3. Sims GK, Dunigan EP (1984). "Diurnal and seasonal variations in nitrogenase activity (C2H2 reduction) of rice roots". Soil Biology and Biochemistry 16 (1): 15–18. doi:10.1016/0038-0717(84)90118-4. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]