Reino dos Hwicce
Hƿicce (ang) | ||||
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
Capital | Worcester (pt) | |||
Poboación | ||||
Relixión | paganismo anglo-saxão (pt) | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 577 | |||
Disolución | década de 780 | |||
Sucedido por | Mercia | |||
Hwicce foi un reino tribal da Inglaterra anglosaxoa. Segundo a Crónica anglosaxoa, o reino foi creado en 577, tras a batalla de Deorham. Despois de 628, o reino converteuse en vasalo de Mercia por mor da batalla de Cirencester.
O Tribal Hidage valorou a Hwicce en 7000 hides, o que implicaría unha economía de tamaño similar á dos reinos de Essex e Sussex.
As fronteiras exactas do reino permanecen incertas, aínda que probabelmente coincidisen coas da antiga diocese de Worcester, fundada en 679–80 e cuxos primeiros bispos utilizaron o título de Episcopus Hwicciorum "bispo dos Hwicce". O reino, por tanto, incluiría Worcestershire excepto o extremo noroccidental, Gloucestershire excepto o Bosque de Dean, a metade suroccidental de Warwickshire, os arredores de Bath, ao norte do Avon e pequenas partes de Herefordshire, Shropshire, Staffordshire e o noroeste de Wiltshire[1][2].
Nome
[editar | editar a fonte]A etimoloxía do nome Hwicce "os hwiccianos" é incerta. Pode ser un plural para "os hwiccianos", ou quizais provén dun nome de clan.
Unha etimoloxía provén do nome común hwicce "arca, baúl", en referencia á aparencia do territorio como un val plano bordeado polos Montes Cotswold e os outeiros Malvern[3]. Outra posibilidade podería ser que derivase dun nome concreto, "as xentes dun home chamado Hwicce", pero non hai rexistro dese nome[4][5]. Eilert Ekwall conectou o nome, baseándose na lingüística, co dos Gewisse, os antecesores dos Saxóns Occidentais[6]. Smith suxeriu que este nome tribal tiña unha orixe pexorativa, co significado de "os covardes", relacionado con quake, nórdico antigo hvikari "covarde". É tamén probábel que "Hwicce" denominase ás tribos nativas que vivían a beiras do río Severn, no actual Worcester, que se dedicaban a fabricar cestos a partir dos xuncos. A palabra moderna 'wicker', que se cre ten orixe escandinava, describe o tipo de cestos fabricados por estes antigos poboadores.
Stephen Yeates (2008, 2009) interpretou o nome co significado de "caldeiro; vasilla sacra" e relacionou a forma do Val de Gloucester e o culto rexional britano a unha deusa cun caldeiro ou marmita, identificada cunha Mater Dobunna, supostamente asociada con lendas relacionadas co Santo Graal[7].
O topónimo Hwicce pervive en Wychwood en Oxfordshire, Whichford en Warwickshire, Wichenford, Wychbury Hill e Droitwich en Worcestershire.
Historia
[editar | editar a fonte]O territorio dos Hwicce debeu de corresponder ao da antiga civitas romana dos Dobunni[8]. A zona parece permanecer amplamente britana durante o primeiro século despois do fin da Britania romana, pero os enterramentos e topónimos pagáns na zona nororiental suxiren un crecente fluxo anglo desde o Avon e poida que outras rutas; pode que recibisen tributo dos líderes britanos[9][10].
Segundo a Crónica Anglosaxoa, en 577 tivo lugar unha batalla en Dyrham na que os Gewisse (saxóns occidentais) dirixidos por Ceawlin mataron a tres reis britanos e capturaron Gloucester, Cirencester e Bath. A ocupación saxoa da zona non durou moito e concluíu posibelmente en 584, data da batalla de Fethanleag, segundo a Crónica, na que Cutha morreu e Ceawlin regresou enfadado á súa casa, e con seguridade en 603 cando, segundo Beda, San Agostiño asistiu a unha reunión de bispos galeses "no Carballo de San Agostíño, na fronteira entre os Hwicce e os Saxóns occidentais".
Os anglos reforzaron a súa influencia na zona en 628 cando, segundo a Crónica, os Saxóns Occidentais se enfrontaron con Penda de Mercia en Cirencester e despois chegaron a acordos. Evidentemente, Penda vencera, pero posibelmente negociou acordos cos líderes locais, xa que o territorio ocupado non pasou a formar parte de Mercia, senón que se converteu en aliado ou vasalo de Hwicce.
O territorio dos Hwicce incluía varios grupos tribais diferenciados, como os Husmerae, os Stoppingas e os Weorgoran[11].
Posibelmente, os primeiros reis foron dous irmáns, Eanhere e Eanfrith. Beda sinala que a raíña Eafe "fora bautizada no seu propio país, o reino dos Hwicce. Era filla de Eanfrith, irmán de Eanhere, ambos os dous eran cristiáns, como o era o seu pobo"[12]. De aquí deducimos que Eanfrith e Eanhere eran de familia real e que o seu era un reino cristián.
É máis probábel que os Hwicce fosen convertidos ao cristianismo por misioneiros celtas que pola Misión gregoriana enviada por Gregorio I, xa que Beda estaba ben informada desta última e non menciona en ningún momento a evanxelización dos Hwicce[13]. Aínda que a toponimia nos mostra un importante asentamento anglosaxón, a limitada expansión de enterramentos pagáns, así como dous nomes de lugares con eccles que identifican sen dúbida as igrexas romano-britanas, suxiren que o Cristianismo sobreviviu ao influxo anglosaxón. Hai tamén posíbeis enterramentos cristiáns baixo a catedral de Worcester e a igrexa de Santa María de Lode en Gloucester[14]. Isto parece indicar que os visitantes anglosaxóns foron asimilados pola igrexa existente. A dinastía gobernante dos Hwicce foron posibelmente figuras clave neste proceso. Quizais naceron de matrimonios mixtos entre as principais familias anglas e britanas.
Por unha complexa cadea de razoamentos, podemos deducir que Eanhere contraeu matrimonio con Osthryth, filla de Oswiu de Northumbria, coa que tivo fillos chamados Osric, Oswald e Oshere. Osthryth é lembrada por ser a esposa de Aethelred de Mercia. Un matrimonio anterior con Eanhere axudaría a explicar por que Osric e Oswald son descritos como nepotes — habitualmente "sobriños" pero aquí posibelmente co significado de "fillastros" de Aethelred[15].
Osric estaba ansioso por conseguir un bispo propio para os Hwicce, pero Oshere conseguiu a creación da catedral de Worcester en 679-680[16] . Presumiblemente, Osric morrera naquela época. Tatfrid de Whitby foi nomeado primeiro bispo dos Hwicce pero faleceu antes da súa ordenación, e foi substituído por Bosel[17]. Un cronista de Worcester do século XII comenta que a cidade foi elixida como sede episcopal porque era a capital dos Hwicce[18].
Oshere foi sucedido polos seus fillos Æthelheard, Æthelweard e Æthelric. A comezos do reinado de Offa, atopámonos o reino gobernado por tres irmáns chamados Eanberht, Uhtred e Aldred, os dous últimos dos cales vivirían até o 780. Á súa morte, o título de rei parece ser abandonado. O seu sucesor Æthelmund, que morreu nunha campaña contra Wessex en 802 aparece descrito unicamente como conde.
O territorio permaneceu en mans de Mercia até a caída do reino. Xunto co resto da Inglaterra merciana, someteuse a Alfredo o Grande entre 877 e 883, durante o goberno do conde Aethelred de Mercia, posibelmente orixinario de Hwicce.
Reis de Hwicce
[editar | editar a fonte]Non se conserva ningunha lista contemporánea de reis, así que a seguinte lista foi compilada por historiadores a partir de varias fontes[19]. Algúns reis parecen gobernar de forma conxunta en parte ou durante todo o seu reinado. Isto dá lugar a certa redundancia nas datas.
Nome | Data | Notas |
---|---|---|
628 | O reino é conquistado por Penda de Mercia. | |
Eanhere | mediados do século VII | |
Eanfrith | mediados do século VII | Irmán de Eanhere. |
Osric | activo na década de 670 | Enterrado na catedral de Gloucester. |
Oshere | activo na década de 690 | Irmán de Osric. Morreu antes de 716. |
Æthelheard | activo en 709 | Fillo de Oshere. Emitiu diplomas con Æthelweard. |
Æthelweard | activo en 709 | Fillo de Oshere. |
Æthelric | activo en 736 | Fillo de Oshere. |
Eanberht | activo na década de 750 | Sen rexistros despois de 759. |
Uhtred | activo entre 750-779 | |
Ealdred | activo entre 750-778 | |
Década de 780 | Asimilación dos Hwicce por Mercia. |
Ealdormen dos Hwicce
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Ealdorman.
Nome | Data | Notas |
---|---|---|
Æthelmund | c. 796-802 | Falecido en batalla en 802.[20] |
?Æthelric | fl. 804 | Fillo de Æthelmund. No seu testamento de 804 pide ser enterrado en Deerhurst.[1] Arquivado 02 de febreiro de 2017 en Wayback Machine. |
Leofwine | d.c.1023 | Pai de Leofric, conde de Mercia |
Odda de Deerhurst | m.1056 | Construíu a capela de Odda en Deerhurst pola alma do seu irmánÆlfric. Foi enterrado en Pershore. A área da súa xurisdición posiblemente non incluía Hwicce.[21][22][23] |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Della Hooke, The Kingdom of the Hwicce (1985), pp.12-13
- ↑ Stephen Yeates, The Tribe of Witches (2008), pp.1-8
- ↑ J. Insley, "Hwicce" in: Hoops (ed.) Reallexikon der germanischen Altertumskunde, vol. 15, Walter de Gruyter, 2000, ISBN 978-3-11-016649-1, p. 295.
- ↑ William Henry Duignan, Notes on Staffordshire place names, 1902.
- ↑ A. H. Smith, 'The Hwicce', in Medieval and Linguistic Studies in Honour of F. P. Magoun (1965), 56-65.
- ↑ Eilert Ekwall, The Concise Oxford Dictionary of English Place-Names (Oxford Clarendon Press, reprinted 1991)[cómpre nº de páxina]
- ↑ Stephen J. Yeates, The Tribe of Witches: The religion of the Dobunni and Hwicce, Oxbow Books (2008). Stephen Yeates, A Dreaming for the Witches (2009).[Verificar credibilidade]
- ↑ J. Manco, Dobunni to Hwicce, Bath History, vol. 7 (1998).
- ↑ D.Hooke, The Anglo-Saxon Landscape: The Kingdom of the Hwicce (Manchester, 1985), pp.8–10; Sims-Williams, 'St Wilfred and two charters dated AD 676 and 680', Journal of Ecclesiastical History, Vol. 39, part 2 (1988), p.169.
- ↑ N.Higham, The English Conquest: Gildas and Britain in the fifth century (Manchester, 1994), chaps. 2, 5.
- ↑ David P. Kirby, The earliest English Kings (Routledge, 1990, 2000)
- ↑ Bede, The Ecclesiastical History of the English People ed. J.McClure and R.Collins (Oxford, 1994), p.193.
- ↑ J. Manco, Saxon Bath: The Legacy of Rome and the Saxon Rebirth, Bath History, vol. 7 (1998).
- ↑ C. Thomas, Christianity in Roman Britain to AD 500 (1981), pp.253–71; Hooke, p.10; C. Heighway, 'Saxon Gloucester' in J. Haslam ed., Anglo-Saxon Towns in Southern England (Chichester, 1984), p.375.
- ↑ John Leland, Collectanea, vol. 1, p. 240.
- ↑ Charter S 51, MS Cambridge, Corpus Christi College, 111, pp. 59-60 (s. xii2)S51 Arquivado 27 de setembro de 2022 en Wayback Machine.
- ↑ Bede, The Eccesiastical History of the English People, ed. J. McClure and R. Collins (1994), p. 212; Chronicle of John of Worcester ed. and trans. R.R. Darlington, J. Bray and P. McGurk (Oxford 1995), 136–8.
- ↑ "The Chronicle of Florence of Worcester" in The Church Historians of England ed. and trans. J. Stevenson, vol. 2, p.379.
- ↑ The Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England, ed. M. Lapidge (Blackwell 1999), 507.
- ↑ Crónica anglosajona.
- ↑ Inscrición da capela: "Conde Odda construíu esta Sala Real e dedicouna en honor da Sagrada Trindade polo alma do seu irmán Aelfric, que deixou o seu corpo neste lugar. O bispo Ealdred consagrouno o segundo dos idus de Abril no décimo cuarto ano do reino de Eduardo, rei dos ingleses."
- ↑ Victoria County History of Worcestershire, Vol.2, p.128.
- ↑ See Earl Odda