Ramón de la Sagra
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de abril de 1798 A Coruña, España |
Morte | 23 de maio de 1871 (73 anos) Neuchâtel, Suíza |
Deputado a Cortes no reinado de Isabel II | |
Actividade | |
Ocupación | botánico, sociólogo, escritor, economista, político |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables | |
Abreviación dun autor en botánica | Sagra |
Familia | |
Irmáns | Joaquín de la Sagra |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Sagra (Ramón de la), p.408) Obálky knih, Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Ramón Dionisio José de la Sagra y Peris, nado na Coruña o 8 de abril de 1798 e finado en Neuchâtel (Suíza) o 23 de maio de 1871, foi un botánico, político, escritor e anarquista galego, fundador da primeira publicación anarquista do mundo[1], El Porvenir.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Os seus pais eran Lorenzo Martínez de la Sagra (procedente dunha familia de Jaén, con intereses comerciais no río da Prata), e Antonia Rodríguez Perís. A parella coñeceuse en Saint Augustine e tivo cinco fillos, sendo Ramón o menor. O seu irmán Joaquín de la Sagra foi un dos artífices da independencia do Uruguai.
Estudou no Colexio de San Agustín e durante un ano na Escola Náutica da Coruña. Despois ingresou na Academia de Cadetes de Fonseca, en Santiago de Compostela. En 1815 estudou no Real Colexio de Farmacia de San Carlos, e no curso foi alumno de Domingo Fontán, que impartía Matemáticas Sublimes.
Comezou a defender as ideas liberais, polo cal foi investigado pola Inquisición e decidiu marchar á Universidade de Madrid[2]. En 1819 introduciu en España o pensamento de Immanuel Kant, e en 1820 fundou con dous amigos unha publicación co irónico título de El Conservador.
En 1821 emigrou a Cuba acompañando a un familiar afastado, Agustín Rodríguez, ao que o goberno español destinara á fronte dunha nova factoría de tabaco. Antes de cruzar o océano, Ramón estudou en Bordeos e Tolosa os procedementos de fabricación do rapé e do picado para cigarros. Xa na illa, traballou en Matanzas e A Habana, pero regresou a Galiza logo de que o goberno abandonase o proxecto da factoría.
En xuño de 1823 Sagra regresou a Cuba, desta volta acompañado por Manuela Turnes del Río Maldonado, coa que casara o ano anterior. Na illa caribeña pasou doce anos, dedicándose ás ciencias naturais. Foi profesor de Botánica na Escola Agrícola e director do Xardín Botánico da Habana. Escribiu a Historia económico-política y estadística de la isla de Cuba, e foi nomeado membro de numerosas Academias e Sociedades Naturais de todo o mundo. Escribiu tamén sobre problemas sociais, como a escravitude ou o sistema penitenciario dos Estados Unidos, onde observou un gran número de presos de raza negra. En Cuba coñeceu as ideas sobre o socialismo racional do pensador belga Jean Hippolyte Colins.
En 1835 marchou a Francia, e en 1837, logo da proclamación da constitución española de 1837, regresou a Madrid, colaborando co goberno constitucional en temas relativos á agricultura e a industria. Foi elixido deputado polo Partido Liberal en catro ocasións (1838, 1840, 1845 e 1854). Con todo, desde 1843 comezou a radicalizar o seu discurso, achegándose a posturas anarquistas dentro do pensamento utópico pre-marxista, estando influenciado por Pierre Joseph Proudhon con quen colaborou.[3] As súas ideas atoparon eco en Francia e Galiza, tendo influencia nos líderes da revolución de 1846.
Como deputado, residiu temporalmente en Madrid. Colaborou na prensa e mantivo contacto con outros mozos galegos que escribían en El Corresponsal como Manuel Cociña, ou El Clamor de Galicia, como José Puente Brañas, Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz ou Ramón Rúa Figueroa.
En febreiro de 1845 fundou a primeira publicación anarquista do mundo, El Porvenir, que foi pechado por Ramón María Narváez[4] 6 meses máis tarde. A publicación defendía a "anarquía literaria" como símbolo da anarquía social, e que La Sagra vía unida necesariamente á implantación do liberalismo económico. Este foi o fío condutor entre os mozos composteláns e os liberais galegos.
Despois da revolución de 1848 creou con Proudhon o Banco Popular de Francia. En 1849 foi expulsado do país por defender o socialismo, e en 1856 foi expulsado de España a Francia por Ramón María Narváez. En París traballou como cónsul do Uruguai, e alí coñeceu a Karl Marx e Friedrich Engels. Logo do estoupido da guerra franco-prusiana en 1870 marchou a Suíza, onde morreu ao ano seguinte. No seu testamento deixou escrito que as súas pertenzas, que quedaran en París, quedasen para as dúas criadas que o atenderan.
Pertenceu á masonaría.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ramón de la Sagra", artigo na Encyclopædia Britannica (en inglés).
- ↑ Fey, I. E.: Strange pilgrimages: exile, travel, and national identity in Latin America, 1800-1990's. Rowman & Littlefield, 2000. P. 43 ISBN 0-8420-2694-0 (en inglés).
- ↑ Arbeloa, Víctor Manuel (2003). Clericalismo y anticlericalismo en España (1767-1930): Una introducción (en castelán). Madrid: Encuentro. p. 301.
- ↑ Woodcock, G.: Anarchism: a history of libertarian ideas and movements. University of Toronto Press, 2004. P. 299. ISBN 1-55111-629-4 (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ramón de la Sagra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cambrón Infante, A.: Ramón de la Sagra: un gallego ilustrado, en Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, ISSN 1138-039X, Nº 2, 1998 , p. 215-228. (en castelán).
- Costa Rico, A.: "Ramón de la Sagra. Un protosocialista hispano ante el desarrollo educativo. Lecturas y precisiones", en Hispania. Revista Española de Historia, vol. LXVIII, núm. 228 (xaneiro-abril 2008), páx. 193-210 (en castelán).
- González Guitián, L.: "Os derradeiros días de Ramón de la Sagra", en Grial nº 71, 1967.
- González López, E.: Un gran solitario: D. Ramón de la Sagra, naturalista, historiador, sociólogo y economista (1983).
- Penelas Abad, C.: Os galegos anarquistas na Axentina. Espiral Maior, 1996.
- Pereira, D. e Fernández, E.: O anarquismo na Galiza. Edicións Positivas, 2004. P. 218 e 282.
- Pérez Leira, Lois: "Ramón de la Sagra", Enciclopedia da emigración galega.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía no Álbum da Ciencia
- Ficha no Congreso dos Deputados Arquivado 03 de xuño de 2020 en Wayback Machine.