[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Prinsenhof de Delft

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outros edificios denominados Prinsenhof noutras localidades dos Países Baixos, ver a páxina de homónimos Prinsenhof.
Prinsenhof
(antigo Mosteiro de Santa Ádega)
Vista desde o suroeste.
Ao fondo, a torre da Igrexa Vella
Datos xerais
PaísPaíses Baixos Países Baixos
Rexión Holanda Meridional
TipoAntigo convento de monxas e actual museo
AdvocaciónSanta Ádega
Localización Delft
Coordenadas52°00′42″N 4°21′16″L / 52.011667, 4.354444
CatalogaciónRijksmonument (12029)
Culto
CultoIgrexa Católica
Diocese Diocese de Rotterdam
Arquitectura
Construción1403
EstiloArquitectura gótica
Páxina webhttp://prinsenhof-delft.nl
editar datos en Wikidata ]

Prinsenhof (en galego: "a corte do príncipe") é un pazo urbano de orixe medieval situado na praza de Santa Ádega (en neerlandés: Sint Agathaplein), ao pé da canle Oude Delft, na zona histórica da cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos.[1]

Mostra de louza de Delft nunha vitrina do museo

Orixinariamente tratouse dun convento e desde 1911 utilízase como lugar de exposición da pintura holandesa dos séculos XVI e XVII.[2] É por este motivo polo que tamén se coñece como Museo Prinsenhof.[3]

O edificio adquiriu relevancia por ter servido de residencia ao Príncipe Guillerme o Taciturno, onde foi asasinado en 1584.

Xardín interior do edificio, cunha estatua de Guillerme I de Orange-Nassau

Alyd Busers, finada en 1409, era unha viúva rica que a finais do século XIV xuntou, coa súa filla Aechte, un grupo de relixiosas de Delft. En 1403, o grupo adquiriu unha casa na zona antiga da cidade para establecer alí un convento que dedicaron a Santa Ádega. A fundadora, Busers, foi a primeira madre superiora, e Aechte sucedeuna.

Debido ao continuo aumento do número de relixiosas, o convento foi ampliado en varias ocasións, ata chegar a se converter no máis importante e máis rico intramuros do Delft medieval.

Tras a Reforma protestante, durante a segunda metade do século XVI, o complexo arquitectónico foi dividido en varias partes que se utilizaron por separado. Unha parte da capela mantívose como espazo para a vocación relixiosa, e algunhas das monxas seguiron vivindo na longa á sur. A outra parte foi disposta para ser a residencia da corte de Guillerme de Orange, e alí pasou a vivir con regularidade entre 1572 e 1584. Foi a partir deste momento cando o edificio empezou a ser coñecido como Prinsenhof.

Foi precisamente no seu interior onde Guillerme de Orange foi asasinado por Balthasar Gérard en 1584. Os impactos das balas aínda son visibles hoxe.

Artigo principal: Guillerme I de Orange-Nassau.

Ao longo da historia, o antigo convento foi utilizado tamén para diferentes mesteres: en 1657 foi destinado parcialmente a tenda de tecidos, e desde 1775 ata 1807 estableceuse alí a escola latina de Delft.

O complexo foi restaurado entre 1932 e 1951 para dedicalo definitivamente a museo da cidade. O ano 2016, o museo recibiu case 115.000 visitas.[4]

  1. Información sobre o Museo Prinsenhof na páxina web do Concello de Delft. (En inglés)
  2. Dunford, Martin. The Rough Guide to The Netherlands. Penguin. 2010. Páxina 169. [978-1-84836-882-8]
  3. Historia do Museo Prinsenhof de Delft Arquivado 28 de novembro de 2016 en Wayback Machine.. (En neerlandés)
  4. Páxina de estatísticas do Concello de Delft. (En neerlandés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]