[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Primeiro Concilio de Nicea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Primeiro Concilio de Nicea
Icona ortodoxa representando o concilio
Concilio ecuménico
Data325, en Nicea, Asia Menor
Convocado porEmperador Constantino I
Presidido porAlexandre de Alexandría
AceptaciónIgrexa Asiria do Leste
Igrexa católica
Igrexa ortodoxa
Ortodoxia oriental
Maioría de denominacións protestantes
Principais temasArianismo, natureza de Cristo, celebración da Pascua e outros.
DocumentosCredo niceno, 20 cánones e unha epístola

O Primeiro Concilio de Nicea[1] foi un concilio ecuménico, aceptado por case toda a cristiandade (agás grupos coma os mormóns), que se celebrou no ano 325.

Nel condenouse o arianismo, que afirmaba que Xesucristo era inferior a Deus Pai, e estableceuse o coñecido como Credo de Nicea.

O convocante deste concilio foi o emperador Constantino, algo que tivo unha grande carga simbólica, dado que ata había poucos anos (antes do Edicto de Milán de 313) os cristiáns eran sometidos a persecucións dentro do Imperio Romano.

Este concilio foi un dos dous que tiveron lugar na cidade de Asia Menor de Nicea, xunto co Segundo Concilio de Nicea (787).

Introdución

[editar | editar a fonte]

O Primeiro Concilio de Nicea foi o primeiro concilio ecuménico da Igrexa. De xeito moi significativo, resultou unha primeira declaración de doutrina uniforme, o Credo niceno. A redacción do Credo constituíu un precedente para os seguintes concilios e sínodos locais e rexionais, nos que se estabeleceron declaración de fe e lexislación canónica coa intención de definir unha unidade de crenzas para toda a cristiandade.

O concilio tamén asentou, en certa medida, o debate nas primeiras comunidades cristiás sobre a divindade de Cristo. A idea da divindade de Cristo, xunto coa idea del como mensaxeiro de Deus Pai, xa existira en moitas partes do Imperio Romano, e fora confesada polos cristiáns na Roma pagá.[2] O concilio afirmou e definiu as ensinanzas dos apóstolos sobre a natureza de Cristo: que Cristo é o único Deus, co Pai.

Asistencia

[editar | editar a fonte]

Constantino invitou a os arredor de 1800 bispos da Igrexa, mais asistiu un número menor e descoñecido. Eusebio de Cesarea contou 250,[3] Atanasio de Alexandría contou 318,[4] e Eustacio de Antioquía estimou arredor de 270[5] (os tres estiveron presentes no concilio). Máis tarde, Sócrates Escolástico contou mais de 300,[6] e Evagrio,[7] Hilario de Poitiers,[8] Xerome de Estridón[9] Dionisio o Exiguo,[10] e Rufinus contaron 318.

Asistiron delegados de todas as rexións do Imperio, agás da Britania. Os bispos participantes tiveron permiso para viaxar libremente dende as súas sés ao concilio. Os bispos non viaxaron sós; cada un tiña permiso para levar con el dous sacerdotes e tres diáconos, polo que o número total de asistentes podería ter sido de máis de 1800.

A maioría dos asistentes foron bispos orientais. O papa, Silvestre I, alegou a súa vellez para non acudir. Polo tanto, o primeiro rango estaba formado por tres patriarcas: Alexandre de Alexandría, Eustacio de Antioquía e Macario de Xerusalén. Moitos dos pais conciliares reunidos (por exemplo, Pafnucio de Tebas, Potamon de Heraclea e Paulo de Neocesarea) destacaran como confesores da fe e acudiron ao concilio coas marcas da persecución. Esta posición é a que mantén o académico patrístico Timothy Barnes no seu libro Constantine and Eusebius.[11] Historicamente se ten considerado a influencia destes confesores como substancial, mais hai estudos recentes que poñen en dúbida este aspecto.[12]

Outros asistentes destacados foron Eusebio de Nicomedia, Eusebio de Cesarea, Nicolao de Myra, Aristakes de Armenia, Leoncio de Cesarea, Xacobe de Nisibis, Hipatio de Gangra, Protóxenes de Sardica, Melitio de Sebastopolis, Aquileo de Larisa e Spyridion de Trimythous. Doutros lugares asistiu Xoán, bispo de Persia e a India; Teófilo, un bispo godo; e Stratophilus, de Xeorxia.

Dos latinos chegaron canto menos cinco representantes: Marcos de Calabria, Ceciliano de Cartago, Osio de Córdoba, Nicasio de Die e Domnus de Estridón.

Constantino I estivo presente como supervisor e presidente, mais non emitiu voto ningún. Dado que Osio de Córdoba aparece sempre o primeiro nas listaxes de asistentes, pénsase que foi quen presidiu as deliberacións conciliares, sendo un dos legados papais. Con todo, hai quen asigna esa función a un secretario imperial, Mariano.[13]

Axenda e procedementos

[editar | editar a fonte]
Fresco representando o concilio.

A axenda do concilio incluía os seguintes temas a tratar:

  1. A controversia ariana sobre a a relación entre Deus Pai e o Fillo, non só na persoa encarnada de Xesús de Nazaret, mais tamén na súa natureza antes da creación do mundo.
  2. A data de celebración da Pascua.
  3. O cisma meleciano.
  4. A validez do bautismo por herexes.

O concilio foi aberto formalmente o 20 de maio, no palacio imperial de Nicea, con debates preliminares sobre a cuestión ariana. Nestes primeiros debates Ario foi unha figura dominante, xunto a varios dos seus adherentes. Algúns dos bispos mostráronse inicialmente a favor de Ario.

Eusebio de Cesarea propuxo o credo bautismal da súa propia diocese como unha forma de reconciliación. A maioría dos bispos accederon. Durante algún tempo, os académicos pensaban que o credo orixinal baseábase naquel de Eusebio, mais hoxe se cre que ten orixe no credo de Xerusalén, como ten suxerido Hans Lietzmann.

Os bispos máis ortodoxos conseguiron a aprobación de todas as súas propostas en relación ao credo. Logo dun mes, o concilio promulgou o 19 de xuño do credo niceno orixinal. Este foi adoptado por todos os bispos, con dúas excepcións de bispos libios, asociados a Ario dende os comezos.

A controversia ariana

[editar | editar a fonte]
O sínodo de Nicea, Constantino e a condena a Ario e ordena a queima das súas obras. Ilustración dun compendio de dereito canónico italiano, ca. 825.

A controversia ariana xurdiu en Alexandría cando o presbítero Ario comezou a propagar posturas doutrinais cristolóxicas contrarias ás do seu bispo, Alexandre. Os puntos conflitivos centrábanse nas naturezas e na relación de Deus Pai e o Fillo de Deus (Xesús). As discrepancias xurdiron a partir de diferentes ideas sobre a divindade de Deus e sobre o que significaba para Xesús ser o seu Fillo. Alexandre afirmaba que o Fillo era divino exactamente no mesmo sentido en que o Pai é, coeterno co Pai, ou non podería ser o seu verdadeiro Fillo. Ario salientaba a supremacía e unicidade de Deus, que a divindade do Pai debía ser maior que a do Fillo, que o Fillo tivera un comezo, que non compartía nin a eternidade nin a verdadeira divindade do Pai, senón que era a primeira e máis perfecta das criaturas de Deus.[14]

Os debates sobre o arianismo no concilio estendéronse dende o 20 de maio do 325 até o 19 de xuño.[14] Segundo moitas crónicas, o debate tornouse tan apaixonado que, nun momento, Ario foi golpeado no rostro por Nicolao de Myra, máis tarde canonizado.[15]

Gran parte do debate dependía da diferenza entre ser "nado" ou "creado" e ser "xerado". Os arianos consideraban que eran esencialmente o mesmo, os partidarios de Alexandre non. O significado exacto de moitos dos termos empregados nos debates de Nicea non estaban totalmente claros para os falantes doutras linguas. Termos gregos como "esencia" (ousia), "substancia" (hypostasis), "natureza" (physis) e "persoa" (prosopon) tiñan unha variedade de significados extraídos dos filósofos precristiáns, que levaban a moitos malentendidos. A verba homoousia, en particular, foi inicialmente rexeitada por moitos bispos ao asociala coas herexías gnósticas, que foran condenadas nos Sínodos de Antioquía.

Posición de Ario (arianismo)

[editar | editar a fonte]

Segundo as crónicas, Ario defendía que o Fillo de Deus era unha criatura feita do nada, xerada directamente do Deus Eterno, e que era a primeira creación de Deus, antes de todos os séculos; e que todo fora creado a través do Fillo. Xa que logo, segundo os arianos, tan só o Fillo fora creado directamente creado e xerado por Deus, e polo tanto houbera un tempo no que El non existía. Ario pensaba que o Fillo de Deus tiña capaz de actuar a vontade, ben ou mal. Tamén pensaba que, ao ser verdadeiramente un fillo, debía proceder posteriormente ao Pai, e xa que logo debía de existir o tempo cando El non existía, polo que debía ser un ser finito. En consecuencia, Ario pensaba que a divindade do Pai era maior que a do Fillo. Os arianos citaban as Escrituras, con versículos como "o Pai e mais ca min" (Xoán 14:28)[16] e "de toda criatura el é o primeiro nacido" (Colosenses 1:15)[17]

Posición do concilio

[editar | editar a fonte]
O Concilio de Nicea, con Ario representado como derrotado polo concilio, baixo os pés do Emperador Constantino.

Alexandre e os pais conciliares rebateron as teses arianas, argumentando que a paternidade do Pai, como o resto dos seus atributos, é eterna. En consecuencia, o Pai fora sempre pai, e o Fillo, polo tanto, sempre existira xunto a El, en igualdade e consubstancialidade. Os pais conciliares pensaban que seguir o razoamento ariano destruía a unidade de Deus, e convertía ao Fillo en desigual ao Pai. Insistían que este punto de vista era contrario a pasaxes das Escrituras como "Eu e o Pai somos un" (Xoán 10:30)[18] e "a Palabra era Deus" (Xoán 1:1).[19] Xunto a Atanasio, declararon que o Fillo non tiña un comezo, senón unha "procedencia eterna" do Pai, e polo tanto era coeterno con El, e igualmente Deus en todos os aspectos.

Resultado dos debates

[editar | editar a fonte]

O concilio declarou que o Fillo é verdadeiro Deus, coeterno co Pai e xerado da Súa mesma substancia, argumentando que dita doutrina era a que mellor codificaba a presentación que fan as Escrituras do Fillo así como as crenzas tradicionais cristiás sobre El transmitidas polos apóstolos. Baixo a influencia de Constantino, esta crenza foi sintetizada polos bispos na declaración nicena, base do credo niceno.

Cisma meleciano

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Melecio de Licópolis.

A supresión do cisma meleciano, unha seita separatista, foi outro aspecto importante que se debateu no concilio. Decidiuse que Melecio debía permanecer na súa vila de Licópolis, en Exipto, mais sen exercer autoridade nin poder ordenar novos cregos; prohibíuselle entrar na vila ou entrar noutra diocese co propósito de ordenar aos seus súbditos. Melecio mantivo o seu título episcopal, mais os eclesiásticos ordenados por el debían ser ordenados novamente, polo que as ordenacións de Melecio consideráronse inválidas. Os cregos ordenados por Melecio estaban obrigados a deixar precedencia aos ordenados por Alexandre, e non podían facer nada sen o consentimento dos bispo Alexandre. En caso da morte dalgún bispo ou eclesiástico non meleciano, a sé episcopal vacante podería ser dada a un meleciano, de se probar o seu valor e se a elección popular era ratificada por Alexandre. En canto a Melecio, foi privado dos dereitos e prerrogativas episcopais.

Estas medidas, porén, non tiveron éxito; os melecianos uníronse aos arianos e causaron mais disensión que nunca, converténdose nuns dos maiores inimigos de Atanasio. Os melecianos desaparecerían arredor da metade do século V.

Promulgación de dereito canónico

[editar | editar a fonte]

O concilio promulgou vinte novas leis eclesiásticas, chamadas canons. As vinte listadas polos pais nicenos foron as seguintes:

  1. Prohibición da autocastración.
  2. Estabelecemento dun período mínimo para o catecumenado (preparación para o bautismo).
  3. Prohibición da presenza na casa dun crego dunha muller sen parentesco (nai ou irmá) que podería levantar sospeitas contra el.
  4. O bispo debería ser ordenado en presenza de tres bispos da mesma provincia, e a súa elección confirmada polo metropolitano.
  5. Deberían celebrarse dous sínodos provinciais anualmente.
  6. Recoñecemento dunha autoridade excepcional aos patriarcas de Alexandría, Antioquía e Roma (o Papa) nas súas xurisdicións.
  7. Recoñecemento dos dereitos de honor da sé de Xerusalén.

Implicacións políticas

[editar | editar a fonte]

O Concilio foi convocado polo emperador Constantino I. O emperador derrotara o ano anterior ao seu colega Licinio, que gobernara en solitario a parte oriental do imperio desde o ano 313. Constantino buscaba desta maneira reafirmar a súa autoridade sobre esta metade do imperio. Precisamente, parece que Licinio se vira superado polos enfrontamentos da Igrexa oriental: a súa incapacidade para poñer paz entre os distintas posturas debeu provocar un gran desgaste da súa autoridade.

Aínda que non existe seguridade plena, pénsase que Constantino pronunciou o discurso inaugural. O contido deste discurso, tal e como o reproduce Eusebio de Cesárea, insistía na necesidade da concordia no seo da Igrexa. Pénsase tamén que Constantino presidiu o Concilio; aínda que non fose así é seguro que os participantes buscaron o seu pai e que as conclusións do Concilio contaron coa súa aprobación. Isto demostra a crecente interrelación entre o estado romano e a Igrexa. Se ben neste punto histórico a Igrexa debía estar absolutamente supeditada ao poder político, o estado romano preocupábase polas desordes públicas e a división social que puidese provocar unha Igrexa desunida.[20]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para niceno.
  2. A. H. Newman. A Manual of Church History, D.D.LL.D. I. p. 330. Ao describir os procedimientos do conclio, Eusebio de Cesarea propuxo entón o antigo credo palestino, que recoñecía a natureza divina de Cristo en termos bíblicos xerais. O emperador xa expresara unha opinión favorable sobre este credo. Os arianos estaban dispostos a suscribilo, mais isto espertou sospeitas nos partidarios de Atanasio. Eles querían un credo que ningún ariano puidera suscribir, e insistiron en engadir o termo homoousius, idéntico en substancia. 
  3. Eusebio de Cesarea. "Life of Constantine (Book III)". p. Chapter 9 "Of the Virtue and Age of the 250 Bishops". 
  4. Ad Afros Epistola Synodica 2
  5. Theodoret, Ecclesiastical History, Bk 1, Ch 7
  6. H.E. 1.8
  7. H.E. 3.31
  8. Contra Constantium
  9. Chronicon
  10. Gustav Terres,"Time computations and Dionysius Exiguus", Journal for the History of Astronomy 15 (1984) 177–188, p.178.
  11. Barnes, Timothy (1981). Constantine and Eusebius. Cambridge: Harvard University Press. pp. 214–215. ISBN 0674165306. 
  12. Kelhoffer, James (Inverno de 2011). The Johns Hopkins University Press, ed. "The Search for Confessors at the Council of Nicaea". Journal of Early Christian Studies 19 (4): 589–599. 
  13. Barbero, Alessandro (2016): Costantino, il vincitore. Salerno Editrice, pp. 175-185.
  14. 14,0 14,1 Leo Donald Davis, S.I. (1990). "2 - The Council of Nicaea I, 325". The First Seven Ecumenical Councils (325-787). pp. 52-54. ISBN 9780814656167. 
  15. Bishop Nicholas Loses His Cool at the Council of Nicaea Arquivado 01 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine.. Ver tamén St. Nicholas the Wonderworker Arquivado 10 de setembro de 2012 en Wayback Machine., da páxina web da Igrexa Ortodoxa en América.
  16. 28 Audistis quia ego dixi vobis: Vado et venio ad vos. Si diligeretis me, gauderetis quia vado ad Patrem, quia Pater maior me est. (Nova Vulgata)
  17. 15 qui est imago Dei invisibilis, primogenitus omnis creaturae. (Nova Vulgata)
  18. 30 Ego et Pater unum sumus. (Nova Vulgata)
  19. 1 In principio erat Verbum, et Verbum erat apud Deum, et Deus erat Verbum. (Nova Vulgata)
  20. Barbero, Alessandro (2016): Costantino, il vincitore. Salerno Editrice, pp. 175-185.