Príncipe da Beira
Príncipe da Beira é, desde 1734, o título dado ao sucesor do herdeiro da Coroa de Portugal que, á súa vez ten o título de Príncipe Real. Sería así un título honorífico destinado a sinalar ao segundo individuo da liña sucesoria. O territorio ao que fai referencia o título é a antiga provincia portuguesa da Beira. Hoxe en día é usado por Afonso de Santa Maria, fillo máis vello do pretendente ao trono portugués, o Príncipe Real Duarte Pio.
O título Princesa da Beira foi creado en 1645, por João IV, como designación da filla máis vella do monarca, independentemente de ser ou non, herdeira da coroa. O título Príncipe do Brasil estaba reservado aos primoxénitos homes do monarca, estes si, cando existisen, sempre herdeiros da coroa. Até entón o herdeiro real tiña o simple título de Príncipe, sendo que a filla máis vella do monarca só o recibía se non tivese irmáns homes.
O 17 de decembro de 1734 o rei João V reorganiza o sistema de títulos da familia real. A partir de aí, tanto o título de Príncipe do Brasil como o de Príncipe da Beira poderían ser atribuídos a persoas dos dous sexos. Pasaba a ser Príncipe ou Princesa do Brasil o herdeiro ou herdeira ao trono. O título de Príncipe da Beira pasaba a ser o do fillo herdeiro do Príncipe do Brasil (por tanto, o segundo na liña de sucesión). Polo novo sistema, a primeira Princesa da Beira foi a neta de João V, Maria Francisca, futura raíña Maria I. O Primeiro Príncipe da Beira do sexo masculino foi José, fillo da Princesa Maria Francisca.
Ao título de Príncipe da Beira é asociado o tratamento de Alteza Real (S.A.R.)
Princesas da Beira, na calidade de fillas máis vellas do monarca
[editar | editar a fonte]- Joana (1638-1645-1653), na calidade de filla máis vella de João IV
- Catarina Henriqueta (1639-1653-1705), na calidade de filla máis vella de João IV, en virtude da morte da Princesa Joana, tornándose despois Raíña de Inglaterra
- Isabel Luísa (1668-1683-1690), na calidade de filla máis vella de Pedro II, sendo presunta herdeira do trono até ao nacemento do Príncipe João
- Maria Bárbara na calidade de filla máis vella de João V, tornándose despois Raíña de España
Príncipes da Beira, na calidade de segundos na liña de sucesión
[editar | editar a fonte]- Maria Francisca (1734-1816), na calidade de primoxénita do Príncipe José (herdeiro presunto ao trono), tornándose despois, sucesivamente, Princesa do Brasil e Raíña.
- José (1761-1788), na calidade de primoxénito da Princesa Maria Francisca (presunta herdeira ao trono), tornándose despois Príncipe do Brasil.
- Maria Teresa (1793-1874), na calidade de primoxénita do Príncipe João (herdeiro presuntivo do trono), perdendo o título ao nacer Francisco António, por este ser home.
- Francisco António (1795-1801), na calidade de home máis vello do Príncipe João (presunto herdeiro ao trono).
- Pedro de Alcântara (1798-1834), despois da morte de Francisco António, na calidade home primoxénito do Príncipe João (herdeiro presunto ao trono), tornándose despois, sucesivamente, Príncipe Real do Reino Unido de Portugal, Brasil e Algarves, Emperador do Brasil e Rei de Portugal.
- Maria da Gloria (1819-1853) (1ª vez), na calidade de primoxénita herdeira do Príncipe Pedro de Alcântara, perdendo o título ao nacer João Carlos, por este ser home.
- Miguel (1820), na calidade de home máis vello do Príncipe Pedro de Alcântara.
- João Carlos (1821-1822), na calidade de home máis vello do Príncipe Pedro de Alcântara.
- Maria da Gloria (1819-1853) (2ª vez), en virtude de volver a ser a herdeira de Pedro de Alcântara en relación ao trono de Portugal, ao morrer o Príncipe João Carlos.
- Lois Filipe (1887-1908), na calidade de primoxénito do Príncipe Carlos (presunto herdeiro ao trono), tornándose despois Príncipe Real.
Reivindicacións pos-Monarquía
[editar | editar a fonte]Reinvindicaron, tamén, o título de Príncipe da Beira:
- Duarte Pio (nado en 1945), na calidade de primoxénito de Duarte Nuno (pretendente ao trono), adquirindo despois o título de Príncipe Real, que reinvindica igualmente.
- Afonso de Santa Maria (nado en 1996), na calidade de primoxénito de Duarte Pio (pretendente ao trono).