[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Pigóstilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esqueleto de pomba cun pigóstilo de tipo "rella de arado" indicado co número 17.
Confuciusornis sanctus cun pigóstilo de tipo "bastón" e dúas plumas da cola centrais.

O pigóstilo é unha estrutura ósea do esqueleto das aves correspondente ás últimas vertebras caudais, que están fusionadas formando unha soa osificación, e que dá soporte ás plumas da cola e musculatura. Nas aves modernas, as plumas rectrices (da cola) están unidas a el.

O pigóstilo é o principal compoñente do uropixio da parte posterior das aves.[1] O uropixio é a protuberancia flexible situada no extremo posterior dunha ave, que ten unha aparencia inchada porque contén a glándula uropixial. Por tanto, o pigóstilo é o compoñente esquelético do uropixio.

A palabra pigóstilo procede do grego e significa "columna das ancas".

Evolución

[editar | editar a fonte]

Os pigóstilos probablemente empezaron a evolucionar a inicios do Cretáceo, hai arredor de 140-130 millóns de anos. As primeiras especies coñecidas con pigóstilo pertencían ás Confuciusornithidae. Esta estrutura proporcionaba ás aves unha vantaxe evolutiva, xa que unha cola completamente móbil como a do Archaeopteryx non é moi beneficiosa para usala no control do voo. As aves modernas desenvolven vértebras caudais máis longas no seu estado embrionario, pero despois estas fusiónanse e forman o pigóstilo.

Hai dous tipos principais de pigóstilo. Un dos tipos é longo con forma de bastón ou daga, e encóntrase nas Confuciusornithidae, Enantiornithes, e algunhas outras aves do Mesozoico, e tamén en ovirraptorosauros como Nomingia. Ningún dos fósiles coñecidos con estes pigóstilos mostra trazas de ter plumas rectrices ben desenvolvidas. As plumas da cola destes animais consistían en penuxe e ás veces 2-4 plumas longas centrais, como as dalgúns espécimes de Confuciusornis ou en Paraprotopteryx.[2]

A diferenza dos casos anteriores, a función do pigóstilo no animal terrestre Nomingia non se coñece. É salientable que o seu parente máis vello, o Caudipteryx parece que non tiña pigóstilo senón un "abano" de plumas simétricas que as usaba probablemente para exhibilas socialmente. Quizais, eses adornos eran comúns entre os Caenagnathoidea e os seus parentes, e finalmente o pigostilo dos ovirraptorosaurios evolucionou para axudar a soster esas plumas. O fósil relacionado Similicaudipteryx, descrito en 2008, tamén ten un pigostilo de tipo bastón, asociado cun abano de plumas de cola, o que fixo pensar se o seu parente Caudipterix non o tería tamén.[3][4]

Yixianornis grabaui, unha das especies máis antigas con pigóstilo como o das aves actuais.

O outro tipo de pigóstilo ten forma de rella de arado. Atópase nas Ornithurae (que comprende ás aves actuais e aos seus parentes próximos), e en case todas as especies voadoras está asociado cun conxunto de plumas rectrices ben desenvolvidas utilizadas para manobrar en voo. O par central destas plumas únese directamente ao pigóstilo, igual que ocorría no Confuciusornis. As outras plumas rectrices dos Ornithurae mantéñense no seu lugar e móvense pola acción de estruturas chamadas bulbi rectricium (bulbos rectrices), un complexo conxunto de graxa e músculos situado a ambos os lados do pigóstilo. A especie coñecida máis antiga con pigóstilo deste tipo é Hongshanornis longicresta.[5]

Como parece evidente nos casos dos ovirraptosaurios, a evolución do pigóstilo produciuse polo menos dúas veces, e os pigóstilos de tipo bastón parece que evolucionaron varias veces, en asociación co acurtamento da cola pero non necesariamente cun abano de plumas de cola repregables. Noutras palabras, os pigóstilos dos ovirraptorosaurios e Confuciusornis eran probablemente mecanismos evolutivos para aforrar peso, e os "verdadeiros" pigóstilos especializados dos Ornithurae foron adaptacións derivadas posteriores para mellorar a execución do voo.[2]

O clado de aves Pygostylia foi denominado así en 1996 por Luis Chiappe pola presenza desta estrutura nas especies que o integraban e aproximadamente corresponde coa súa aparición na árbore evolutiva das aves, aínda que esta característica como tal non se inclúe na súa definición.[6] En 2001, Jacques Gauthier e Kevin de Queiroz (2001) redefiniron a Pygostylia referíndose especificamente á apomorfia de ter unha cola curta e pigóstilo de ave.

Despois da segunda guerra mundial, na illa de Samoa as baratas colas de pavo importadas fixéronse un alimento moi popular. Como esta porción da ave é moi graxa e en Samoa hai unha epidemia de obesidade, para combatela este produto foi prohibido desde 2007 a 2013, e só volveu a permitirse cando Samoa se uniu á Organización Mundial do Comercio. Esta carne utilízase tamén na preparación de comida para mascotas.[7]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para uropixio.
  2. 2,0 2,1 Clarke, Julia A.; Zhou, Zhonghe; Zhang, Fucheng (2006-03). "Insight into the evolution of avian flight from a new clade of Early Cretaceous ornithurines from China and the morphology of Yixianornis grabaui". Journal of Anatomy (en inglés) 208 (3): 287–308. ISSN 0021-8782. PMC 2100246. PMID 16533313. doi:10.1111/j.1469-7580.2006.00534.x. 
  3. Xu, X.; Zheng, X.; You, H. (2010). "Exceptional dinosaur fossils show ontogenetic development of early feathers". Nature 464 (7293): 1338–1341. PMID 20428169. doi:10.1038/nature08965. 
  4. He, T.; Wang, X.-L. & Zhou, Z.-H. (2008): A new genus and species of caudipterid dinosaur from the Lower Cretaceous Jiufotang Formation of western Liaoning, China. Vertebrata PalAsiatica 46(3): 178-189.
  5. O'Connor, J.K.; Gao, K.-Q.; and Chiappe, L.M. (2010). "A new ornithuromorph (Aves: Ornithothoraces) bird from the Jehol Group indicative of higher-level diversity" (PDF). Journal of Vertebrate Paleontology 30 (2): 311–321. doi:10.1080/02724631003617498. 
  6. Chiappe, L. (1997). "The Chinese early bird Confuciusornis and the paraphyletic status of Sauriurae". Journal of Vertebrate Paleontology 17 (3): 37A. 
  7. Robert Siegel (2013-05-09). "Samoans Await The Return Of The Tasty Turkey Tail". NPR.