[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Polución nocturna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha emisión nocturna[1] ou polución nocturna[2] é unha exaculación involuntaria de seme que ten lugar durante o sono.

As polucións nocturnas son máis comúns durante os últimos anos da adolescencia, aínda que se presentan tamén no adulto. Poden estar, ou non, acompañadas por soños eróticos. Algúns homes espértanse durante a exaculación, mentres que outros seguen durmindo e soamente se dan conta ao espertaren e comprobaren que a roupa interior está manchada de seme, ou nin sequera o notan se é que este secou. Con frecuencia non lembran ningún tipo de soño con contido sexual, salvo os casos en que as súas características particulares (sensación de realismo, intensidade) os gravan na mente.

Durante a puberdade, o 13 % dos homes experimentan a primeira exaculación da súa vida ou espermarquia durante unha polución nocturna.[3] Segundo os estudos de Kinsey, os homes que teñen a súa primeira exaculación como consecuencia dunha polución nocturna, presentan a espermarquia máis ou menos un ano despois daqueles que a alcanzan por estimulación física, independentemente de que esta sexa por masturbación ou relación sexual.[3]

Ocorre cando a ilusión suxestiona involuntariamente o individuo ou cando este pasa unha cantidade considerable de tempo sen exacular. En ambos os casos pode contribuír o almacenamento de imaxes ou fantasías eróticas durante un certo tempo, aínda que tamén depende da intensidade dos estímulos experimentados, que normalmente se liberan en forma de vivencias sexuais ficticias xeradas polo subconsciente.

Frecuencia

[editar | editar a fonte]

A frecuencia de exaculacións involuntarias nocturnas é moi variable e os estímulos sexuais do medio en que habita o individuo poden axudar a incrementala. Algúns homes preséntanas frecuentemente, sobre todo durante a adolescencia, mentres que outros non a experimentaron xamais.[3] Segundo os datos estatísticos de que se dispón, o 83% dos homes nos Estados Unidos presentárona nalgunha ocasión ao longo da súa vida.[3]

Dentro do grupo de homes que as experimentan, a frecuencia media en solteiros oscila entre 0,36 veces por semana para mozos de 15 anos, até 0,18 veces por semana para os de 40. Os homes casados presentan unha frecuencia de 0,23 emisións á semana aos 19 anos e tan só 0,15 á semana aos 50. Por tanto a frecuencia máxima dáse en mozos de 15 anos e a máis baixa en adultos casados de 50 anos. Non se dispón de datos a idades máis avanzadas; suponse que as emisións diminúen progresivamente en frecuencia a medida que avanza a idade.

Nos estudos realizados noutras partes do mundo, a frecuencia de exaculacións nocturnas pode diferir das dos Estados Unidos. En Indonesia, o 97% dos homes preséntanas á idade de 10 anos.[4]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para emisión.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para polución.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Kinsey, Alfred C: "Sexual Behavior in the Human Male"
  4. Badan Pusat Statistik "Indonesia Young Adult Reproductive Health Survey 2002-2004" p. 27

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]