Sintagma
O sintagma é unha estrutura sintáctica, na cal non existe a relación entre suxeito e predicado, consistente nun conxunto de palabras relacionadas cun núcleo (vocábulo máis importante ou con máis relacións sintácticas) que se atopa no seu interior. O sintagma posúe ademais unha función sintáctica no seu contexto e, a diferenza da oración, non posúe unha entoación específica. É dicir, con sintagma aludimos á unidade lingüística de rango superior á palabra, constituída por un conxunto de elementos lingüísticos organizados xerarquicamente en torno a un núcleo e caracterizados por desempeñar a mesma función. Trátase, xa que logo, dunha unidade de función. Tódalas oracións están compostas por sintagmas (a oración mesma pode considerarse un macrosintagma) e os sintagmas poden engancharse, depender ou virar uns en torno a outros mediante relacións sintácticas de parataxe (coordinación), hipotaxe (subordinación) ou relacións morfosintácticas de concordancia, tamén por relacións semánticas de cohesión e congruencia denominadas coherencia textual. A composición interior do sintagma varía dende sintagmas cunha soa palabra que funciona como núcleo, ata aqueles nos que se atopan varios sintagmas dependentes dun central ou ata unha proposición subordinada ao núcleo do sintagma.
Un sintagma pode ser obrigatorio por ser seleccionado polo predicado. A ese sintagma denomínaselle argumento. O sintagma non seleccionado polo predicado é sempre opcional e denomínaselle adxunto.
Clasificación funcional
[editar | editar a fonte]Existen fundamentalmente dous tipos, os sintagmas endocéntricos e os sintagmas exocéntricos. Os endocéntricos son aqueles nos que o núcleo pode intercambiar a súa función sintáctica pola da totalidade do sintagma; nos exocéntricos, pola contra, a función do núcleo non pode intercambiarse coa da totalidade do sintagma.
Trubetzkoy (1939) distingue tres tipos de sintagmas:
- Sintagmas determinativos: Compostos por determinante e determinado (nuclear e adxacente)
- Sintagmas predicativos: Suxeito e predicado
- Sintagmas asociativos: Presentan dous termos que se encontran en relación sintagmática con algún membro do mesmo enunciado: dous suxeitos referidos a un mesmo predicado, dous predicados referidos a un mesmo suxeito, dous determinantes a un mesmo determinado.
Paralela a esta distinción é a de Saussure:
- Sintagmas subordinativos: Acolle os determinativos e predicativos.
- Sintagmas coordinativos: Os asociativos de Trubetzkoy.
Clasificación morfolóxica
[editar | editar a fonte]Segundo o rango morfolóxico do núcleo do sintagma endocéntrico, este clasifícase en sintagma nominal, verbal, adxectivo ou adverbial segundo sexa o seu núcleo un substantivo ou pronome, un verbo, un adxectivo ou un adverbio respectivamente. En canto ao sintagma exocéntrico, na lingua castelá só existe o chamado sintagma preposicional.
Tipos de sintagma:
Sintagma nominal
[editar | editar a fonte]Onde o núcleo é un substantivo ou pronome, por exemplo: "aqueles mozos de azul".
En galego, o sintagma nominal ou SN pode funcionar como suxeito axente ou paciente, como atributo, como complemento directo de cousa, como complemento predicativo, como aposición, como vocativo e como complemento circunstancial. Se o seu núcleo é un pronome, pode funcionar ademais como complemento indirecto e complemento directo de persoa.
Sintagma preposicional
[editar | editar a fonte]Onde hai unha preposición máis un sintagma como termo. Por exemplo: "entre os salgueiros choróns".
O sintagma preposicional ou SPrep. pode funcionar como suxeito excepcionalmente (Entre Pedro e Luís fixérono), como complemento directo de persoa, como complemento indirecto, como complemento de réxime ou suplemento, como complemento axente, como complemento predicativo, como complemento circunstancial, como atributo e como complemento preposicional dun nome, adxectivo, adverbio ou interxección.
Sintagma verbal
[editar | editar a fonte]O verbo é o núcleo, por ex: "come peixe".
O Sintagma verbal ou SV pode funcionar soamente como predicado, ben sexa como predicado verbal, como predicado nominal ou como predicado mixto.
Sintagma adxectival
[editar | editar a fonte]O adxectivo é o núcleo, por ex: "moi guapo".
En español o sintagma advectival ou SAdj. pode funcionar como adxacente, como atributo e como complemento predicativo.
Sintagma adverbial
[editar | editar a fonte]O adverbio é o núcleo, por exemplo: "moi coidadosamente".
O sintagma adverbial ou SAdv. pode funcionar como complemento circunstancial, como complemento doutro adverbio, como complemento dun adxectivo e como grao ou cuantificador dun adxectivo.