Sergio Cabanelas
Nome orixinal | Sergio José Rodríguez Domínguez | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacemento | 25 de xullo de 1995 (29 anos) Monforte de Lemos, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
País de nacionalidade | Galicia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,80 m. | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2014 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Porteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Sergio José Rodríguez Domínguez, máis coñecido como Sergio Cabanelas, nado en Monforte de Lemos o 25 de xullo de 1995, é un exfutbolista galego. Xogaba de porteiro e destacou no fútbol base e no segundo filial do Real Madrid.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes e inicios no Calasancio
[editar | editar a fonte]Nado en Monforte de Lemos, pertence a unha familia de futbolistas. Seu avó José Rodríguez Cabanelas, do que herda o alcume "Cabanelas", destacou no Club Lemos e no CD Ourense a finais da década de 1940 e principios da de 1950.[1] Posteriormente o seu pai, José María Rodríguez Vázquez, xogou en equipos da zona como o Calasancio, a Sarriana e tamén o Club Lemos.[1]
Formouse no CP Calasancio da súa localidade natal, no que destacou dende pequeno como porteiro. En 2007 foi convocado polo Celta de Vigo para xogar co equipo alevín os torneos de Lisboa, León, Arousa, Ponferrada e Brunete.[2] A súa boa actuación nos amigables despertou o interese do Celta para fichalo pero Cabanelas preferiu seguir formándose no Calasancio.[3]
En 2009 foi convocado pola selección galega sub-14[4] e continuou destacando no Calasancio de División de Honra Cadete. A súa proxección despertou o interese do FC Barcelona e o Real Madrid.[5]
Real Madrid
[editar | editar a fonte]Finalmente en agosto de 2009 firma un contrato co Real Madrid para as próximas cinco tempadas.[6] Na súa primeira tempada no club branco fíxose coa titularidade na portería do cadete B.[7] Na súa segunda tempada como cadete foi convocado coa selección española sub-16.[8]
No seu terceiro ano no Real Madrid Cabanelas xoga no Xuvenil C e debuta nun partido co equipo B. Na tempada 2012-13 Cabanelas xoga no Xuvenil B baixo as ordes de Fernando Morientes.[9] Nesa tempada disputou dous torneos internacionais en Alemaña e Qatar[9] e o Xuvenil B proclamouse campión de liga.[10]
Na tempada 2013-14 xogou no equipo xuvenil de División de honra adestrado por Luis Miguel Ramis. Tamén xogou a primeira edición da UEFA Youth League. O equipo madrileño acadou a final a catro do torneo,[11] na que foi eliminado en semifinais polo SL Benfica. Esa tempada o Xuvenil proclamouse campión do grupo V da División de Honra e tamén da Copa de Campións Xuvenil. Cabanelas foi clave na vitoria na final contra a Real Sociedad, que se decidiu na quenda de penaltis (1-1, pen. 7-6).[12]
Na tempada 2014-15 xogou no Real Madrid C de Terceira división, adestrado por José Aurelio Gay.[13] Cabanelas foi titular indiscutible[14] no equipo, que acabou en novena posición no que foi o seu último ano de existencia. En maio de 2015 foi operado do ombreiro.[15]
Volta a Galicia e retiro
[editar | editar a fonte]En xullo de 2015, despois da desaparición do Real Madrid C, Cabanelas rescindiu o ano de contrato que lle quedaba no club branco e fichou polo Racing de Ferrol, que xogaba en Segunda división B.[16] Cabanelas debutou no trofeo Concepción Arenal, no que compartiu portería co titular Ian Mackay e que acabou con derrota por 1-3 contra o CD Lugo.[17]
En xaneiro de 2016 sufriu unha luxación no ombreiro do que fora operado na tempada anterior.[18] En maio dese mesmo ano volveu sufrir outra luxación, perdendo a promoción de ascenso a Segunda.[19] Finalmente tivo que ser operado e a súa recuperación prolongouse durante varios meses.[20] En marzo de 2017, na recta final da súa recuperación, fichou polo Atlético Escairón, equipo do grupo norte da Preferente.[21]
En xullo de 2017 fichou polo CD Barco de Terceira división.[22] O porteiro monfortino só puido disputar o primeiro partido de liga contra o Vilalonga. Unha nova lesión no ombreiro fixo que tomase a decisión de abandonar momentaneamente o fútbol para non ter que volver pasar polo quirófano.[23]
En novembro de 2017 decidiu volver ao fútbol e incorporouse como adestrador de porteiros e xogador de campo ao AD Bóveda, equipo adestrado polo seu pai.[24] O 17 de decembro debutou como dianteiro nun partido contra o CD San Ciprián.[25] O equipo xogou varios partidos nesa tempada e na seguinte co equipo de Bóveda antes do seu retiro definitivo.
Seleccións nacionais
[editar | editar a fonte]Selección galega
[editar | editar a fonte]En 2009 foi convocado para disputar o campionato de España sub-14 coa selección galega.[4] Debutou o 20 de marzo de 2009 cunha boa actuación no partido entre as seleccións de Galicia e a Comunidade Valenciana, disputado en Ferrol con resultado favorable para os galegos (1-0).[26]
Selección española
[editar | editar a fonte]En outubro de 2010 foi convocado por Santi Denia para adestrar coa selección española sub-16 na Cidade do Fútbol de Las Rozas.[8] En 2011 volveu ser convocado para unha concentración que tivo lugar entre o 23 e o 26 de maio.[27] Nesa concentración debutou como internacional coa selección española sub-17, nun partido contra Bélxica (4-3 para o conxunto español).[28]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Cabanelas, sinónimo de fútbol". La Voz de Galicia. 5 de abril de 2006. Consultado o 8 de abril de 2020.
- ↑ "Calasancio, berce de porteiros". La Voz de Galicia. 1 de maio de 2007. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Sergio Cabanelas foi un dos destacados no torneo de Brunete". La Voz de Galicia. 27 de xuño de 2007. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ 4,0 4,1 "Sergio Rodríguez, no torneo nacional de seleccións sub-14". La Voz de Galicia. 20 de marzo de 2009. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "O Real Madrid e o Barcelona poxan por levar a outra perla do fútbol galego". La Voz de Galicia. 1 de abril de 2009. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas, rumbo ao Real Madrid". La Voz de Galicia. 21 de agosto de 2009. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas triunfa no Madrid". La Voz de Galicia. 6 de xullo de 2010. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ 8,0 8,1 "Cabanelas, entre os mellores". La Voz de Galicia. 21 de outubro de 2010. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ 9,0 9,1 "Cabanelas, co Real Madrid nun torneo internacional en Catar". La Voz de Galicia. 31 de xaneiro de 2013. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas, á Champions League". La Voz de Galicia. 5 de xullo de 2013. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Sergio Cabanelas, na Final Four". La Voz de Galicia. 20 de marzo de 2014. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas, o heroe da copa". La Voz de Galicia. 14 de maio de 2014. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "O xove xogador monfortino Sergio Cabanelas, ao Real Madrid C". La Voz de Galicia. 8 de xullo de 2014. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas volve ás súas orixes". La Voz de Galicia. 14 de maio de 2015. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "O exinternacional sub-17 Sergio Cabanelas, novo porteiro do Racing". La Voz de Galicia. 20 de xullo de 2015. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas ficha polo Racing". La Voz de Galicia. 21 de xullo de 2015. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "O Lugo presume de galóns". La Voz de Galicia. 8 de agosto de 2015. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "O porteiro racinguista Cabanelas sofre unha luxación no ombreiro". La Voz de Galicia. 26 de xaneiro de 2016. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "O porteiro Cabanelas sofre unha nova luxación no ombreiro". La Voz de Galicia. 12 de maio de 2016. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas regresará en xaneiro". La Voz de Galicia. 25 de novembro de 2016. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas, ao Atlético Escairón". La Voz de Galicia. 7 de marzo de 2017. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Fin ás vacacións na Terceira con máis cor ourensá". La Voz de Galicia. 17 de xullo de 2017. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Sergio Cabanelas dáse un respiro". La Voz de Galicia. 19 de setembro de 2017. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Sergio Cabanelas enfúndase de novo o traxe de faena". La Voz de Galicia. 18 de novembro de 2017. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "O ex porteiro do Real Madrid, Cabanelas, debutou no Bóveda como dianteiro". La Voz de Galicia. 20 de decembro de 2017. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Sergio Cabanelas certificou un gran partido con Galicia ante a selección de Valencia en Ferrol". La Voz de Galicia. 21 de marzo de 2009. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas, coa selección española". La Voz de Galicia. 19 de maio de 2011. Consultado o 9 de abril de 2020.
- ↑ "Cabanelas cumpriu o seu soño". La Voz de Galicia. 30 de xuño de 2011. Consultado o 9 de abril de 2020.