[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Seita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Unha seita é un concepto utilizado para designar, en principio, calquera doutrina, ideoloxía ou sistema que diverxa da correspondente doutrina ou sistema dominante, e tamén para designar o propio conxunto de persoas (o grupo organizado ou movemento adherente a tal doutrina, ideoloxía ou sistema), os cales, en canto diverxentes da opinión xeral, presentan significado social.

Usualmente enténdese o termo na súa significación específica (stricto sensu) só relixiosa, polo que por "seita" enténdese, a priori e de ordinario, inmediatamente "seita relixiosa". Porén, tal nexo causal non é imperativo, pois non sempre unha seita está no dominio relixioso.

O termo usábase orixinariamente para referirse a comunidades filosóficas, relixiosas ou políticas que, a través das súas ensinanzas ou ritos, separáranse da súa comunidade de orixe.

Desde o punto de vista sociolóxico, é un grupo de persoas con afinidades comúns (culturais, relixiosas, políticas, esotéricas etcétera).

Como unha das posíbeis acepcións do termo ten connotacións negativas,[1][2] algúns suxiren, para o significado máis común que se lles dá ás seitas (o relixioso), o termo alternativo novos movementos relixiosos.

En Europa a palabra seita concibiuse derivada principalmente de sequi ("seguir"). Trátase de seguir a un mestro, a un líder. En moitas das seitas así sucede. O problema da terminoloxía é importante, xa que desde distintas áreas do pensamento e da ciencia se ofrecen diversas definicións. O experto Vicente Jara recompilou máis de 15 definicións antes de propñer unha propia: a seita é "un grupo social depredador que practica o mimetismo e o engado».[3]

Os sociólogos anglófonos utilizan a palabra sect ("credo", "culto" ou mesmo "seita", na súa acepción menos usada) para referirse a un grupo relixioso que tamén ten un alto grao de tensión coa sociedade circundante, pero cuxa crenza é, dentro do contexto desa sociedade, en gran parte tradicional. O termo pexorativo cult, equivalente á palabra galega "seita" na súa acepción máis común, indica un grupo que ten un alto grao de tensión coa sociedade circundante.

No mundo antigo considerábanse os "seitarios" como as persoas que seguían as ensinanzas dun filósofo.[4] E os primeiros cristiáns foron chamados "seita dos nazarenos", en medios do xudaísmo.

San Paulo utiliza a palabra haíresis (αἵρεσις, "busca tardía", "escola filosófica", "seita") nas súas cartas sobre as divisións dentro da comunidade (por exemplo, 1 Co 11,19). Vía estas divisións baixo unha luz negativa, sen determinar non obstante cal delas era a máis correcta.

Na Igrexa primitiva usouse cada vez máis o termo haíresis para referirse ás desviacións de comunidades cristiás da comuñón completa, e a principios do século V consideráronse na Igrexa Occidental como herexías, falsas doutrinas.

Esta idea foi apoiada pola Igrexa Católica da Idade Media, ao cualificar como "seita luterana" aos protestantes, definición mantida en certos textos até o século XX.

Consideracións filosóficas

[editar | editar a fonte]
  • Sexa cal for a súa inserción semiolóxica, é imprescindíbel saber que seita, como ideoloxía ou como grupo que a profesa, está situada desfavorabelmente no xogo do poder, cara ao(s) detentador(es) da dominación. Iso vale en relixión, política, ou outra calquera expresión humana.
  • Seita é un concepto sempre relativo en termos circunstanciais de espazo-tempo e de grao de amplitude cultural e/ou de poboación.
  • Alén diso, é un concepto dinámico, pois o que é "seita" nun lugar dado, nun momento histórico dado, e para un grupo cultural e/ou de poboación dado, pode a ser a ideoloxía dominante noutras circunstancias (espazo-tempo, cultural etc. diferentes).

O concepto esencial de "seita" lígase co de herexía, xa que este significa o conxunto de ideas que, en principio e cara ás consideradas dominantes, diverxen destas e deben, por tanto, seren rexeitadas. A cuestión do rexeitamento é, naturalmente, pura e simplemente, só unha imposición do poder da estrutura ideolóxica que está no dominio.

Seita relixiosa

[editar | editar a fonte]
Para certos sociólogos, as Testemuñas de Xeová constitúen unha "seita protestante".

Seita designa a un grupo de persoas (un movemento) que profesan unha nova ideoloxía diverxente daquela(s) da(s) relixión(s) que se consideran dominantes e/ou oficiais, xeralmente dirixidos por un líder con características de personalidade consideradas carismáticas, pero con débil ou pouco recoñecemento xeral por parte da sociedade. Pero, xa se viu, a cuestión do recoñecemento é só relativa.

  • En oposición, o termo denominación relixiosa utilízase para designar os movementos con recoñecemento xeral na sociedade, de forma tal que, no islam, os grandes grupos de seguidores xiítas e sunitas son considerados por moitos como seitas (que de feito o son, no sentido etimolóxico da palabra). A regra aplícase tamén a calquera outra división relixiosa, pero con todo, polo sentido que se lle atribúe, moitas consideran inadecuada tal denominación.
  • Moitas das chamadas "seitas" desmémbranse, cesan ou cambian de dirección ideolóxica e/ou doutrinaria coa desaparición do(s) seu(s) líder(es). Outras veces, na ampla dinámica histórica, aquelas outrora ditas "seitas" pasan a asumir posición de dominio.
  • Desde o punto de vista legal, os estados occidentais pasan a recoñecer as seitas relixiosas como denominacións relixiosas cando estas obteñen rexistro oficial como persoa xurídica, aínda que ás veces a persecución relixiosa e as inxerencias de manipulación do poder non por iso se extingan. En efecto, foi unha práctica constante ao longo dos tempos para os grupos considerados como seitas.

Uso actual do termo

[editar | editar a fonte]

Uso na linguaxe

[editar | editar a fonte]

No uso popular a miúdo considéranse seitas a organizacións relixiosas ás que se ve como potencialmente perigosas ou problemáticas, ou ben afastadas da ortodoxia teolóxica, como "herexías". Isto inclúe a moitas das actuais comunidades cristiás das tradicionais, así como a novos grupos, en particular os xurdidos a partir da segunda metade do século XX. Nas décadas de 1970 e 80 considerábanse as seitas como unha "relixión de mozos", xa que inicialmente moitos deles se afiliaron a distintas seitas, seguindo o exemplo de personaxes populares. "Seita" utilízase hoxe en día de maneira pexorativa, e hai quen o considera un grito de batalla.[5]

A miúdo acúsase a algunhas das chamadas seitas de que se fundaron principalmente por motivos económicos, e que se converteron en comunidades relixiosas para conseguir a protección especial do Estado, maiores liberdades e dereitos, así como para gozar de exención de impostos. O exemplo máis coñecido é a Ciencioloxía, que orixinalmente era un movemento laico.

Controversias

[editar | editar a fonte]

O tema das seitas provocou controversia en repetidas ocasións. Hai dous campos opostos. Por un lado, sobre a base da liberdade relixiosa e a condena das restricións aos grupos relixiosos, representantes das minorías relixiosas e filosóficas, grupos defensores da liberdade relixiosa, académicos estudosos da relixión, algúns sociólogos e avogados. Por outro lado, quen condena enerxicamente a certos grupos relixiosos debido a que limitan a liberdade das persoas, incluídos os representantes das principais igrexas, funcionarios de axencias estatais, e as iniciativas creadas por familiares, antigos membros, psicólogos, sociólogos, científicos, políticos e avogados.

En concreto, as controversias xiran a miúdo sobre sospeitosas ou reais:

  • Restricións á liberdade de culto relixioso de grupos marxinais, polas críticas das súas prácticas e as medidas tomadas para aplicar a lei.
  • Restricións á liberdade relixiosa recoñecida legalmente.
  • Restricións á liberdade de expresión dos membros do grupo.
  • Restricións á libre circulación dos membros do grupo.
  • Explotación económica dos membros polas longas horas de traballo e salario mínimo, por casos de explotación sexual ou abuso sexual de nenos, nenas e adolescentes por membros do grupo.
  • Violacións, polo grupo, dos dereitos humanos.
  • Culto ao líder do grupo.
  • Conflitos familiares, particularmente nas familias onde un dos pais abandonou o grupo e os nenos continúan nel.
  • Imposibilidade de que os nenos accedan á educación, atención médica, e a visitar a membros da familia fóra do grupo.

Cobertura nos medios

[editar | editar a fonte]
As casas da comunidade de Jonestown, (Güiana), lugar dun suicidio colectivo que atraeu a atención mundial sobre a problemática dos novos movementos relixiosos.

Casos illados sobre violencia relacionados coas seitas teñen chegado aos titulares de prensa. Especialmente espectaculares foron os seguintes:

  • anos setenta: Ervil LeBaron —líder da seita Igrexa do Año de Deus (separada dos mormóns)— ordena o asasinato de 25 dos seus rivais.[6]
  • anos setenta: en Colonia Dignidade os nenos eran maltratados e torturábase a opositores políticos.[7]
  • 1978: en Güiana suicídanse en masa máis de 900 membros do Templo dos Pobos.
  • anos oitenta: Yahweh ben Yahweh, líder da Nación de Iavé, é acusado como responsábel de case dúas ducias de asasinatos.[8]
  • 1984: en varios bares da cidade The Dalles (Oregón), seguidores do gurú Osho realizan un ataque con Salmonella; unhas 750 persoas resultaron infectadas.[9]
  • 1989: Jeffrey Lundgren, líder dunha seita, asasinou aos cinco membros dunha familia por "desleais". En 2006, Lundgren foi executado polo Estado.[10]
  • 1993: Resistencia armada dos davidianos contra as autoridades dos Estados Unidos en 1993, na que morreron 4 policías e 80 membros da seita.[11]
  • 1994 a 1997, en Suíza, Canadá e Francia, a seita Orde do Templo Solar ordena suicidios en masa e o asasinato de 74 membros.[12]
  • 1995: a seita Aum Shinrikyō atacou o metro de Toquio con gas velenoso: morreron 12 persoas e ao redor de 1000 resultaron feridas. Foi o maior ataque dunha seita contra xente allea a ela nos tempos modernos.[13]
  • O suicidio en masa dos seguidores da seita Porta do Ceo.[14]
  • 2000/03/17: en Uganda o Movemento para a Restauración dos Dez Mandamentos de Deus asasina a máis de 1000 membros.[15]
  • 2002: seguidores de Swami Omkarananda (fundador do Centro de Luz Divina) intentan asasinar os seus opositores.[16]
[editar | editar a fonte]

Nos medios xurídicos, sociolóxicos e relixiosos e no contexto científico, o termo rara vez se utiliza agora no seu sentido tradicional. Os grupos relixiosos denomínanse "organizacións" ou "movementos relixiosos".

Definición sociolóxica

[editar | editar a fonte]

Max Weber distingue ás "seitas" das "igrexas" sobre a base dos seus mecanismos de crecemento: as seitas son comunidades dinámicas, nas que o individuo, debido a unha decisión persoal e só despois dun minucioso exame por parte da seita, se afilia. En contraste, as igrexas, segundo Weber, son aquelas nas que o individuo nace de novo.[17]

Peter L. Berger ve na seita un modelo de organización para a autosuficiencia colectiva das minorías. A súa base filosófica é unha ortodoxia, a verdade ontolóxica dun concepto anterior. Unha comunicación na que a comprensión dos fundamentos da vida é blasfemo e perigoso. Para transmitir a "verdadeira" doutrina requírense medidas de organización e de influencia, non só no adoutrinamento de cada ser humano, senón tamén da súa forma de relacionarse co mundo alleo.[18]

Unha terceira corrente diferencia seitas de igrexas sobre a base das súas ideoloxías. As ideoloxías relixiosas das igrexas non están en conflito co seu contexto social,[19] pero si as de seitas e cultos, que se opoñen ideoloxicamente ao seu contexto social.[20]

Stark e Bainbridge definen a relixión como unha organización humana co obxectivo de preparar compensacións ás privacións da xente sobre a base de suposicións sobrenaturais. Estes preparativos realízanse en tres dimensións:

  • Mundana ou terreal: adxudicación de privilexios mundanos, principalmente nas igrexas.
  • Noutro mundo: doazóns de consolo para as persoas desfavorecidas, principalmente nas seitas.
  • Dimensión universal: o cumprimento dos desexos máis profundos de cada ser humano independentemente da súa situación social.

H. Richard Niebuhr observa que as seitas xurdiron como movementos cismáticos das grandes igrexas, e que tenden a se converter no que os seus membros necesitan, pero que se non o poden satisfacer prodúcense máis divisións. Baseándose nesta conclusión, considera que as transicións entre a "seita" e a "igrexa" son fluídas.

Os grupos que prometen compensacións distínguense por estas: "Máxicas" ou promesas especiais de manipulación do medio ambiente para os seus propios obxectivos, ou "relixiosas" ou de compensación xeral segundo un modelo universal que explica o mundo. Esta distinción remóntase a Emile Durkheim.

A "maxia" florece cando os medios científicos faltan ou non son aceptábeis. Seitas baseadas na maxia poden converterse en movementos mundiais, como mostra o desenvolvemento da Dianética, que pasou de ser unha pseudociencia á Igrexa da Ciencioloxía.[21]

As novas seitas

[editar | editar a fonte]

Aínda que o vocábulo "seita" estea relacionado con grupos que posúan unha mesma afinidade, co paso dos anos adquiriu unha connotación máis relacionada con grupos radicalizados, xeralmente relixiosos.

O psicólogo especializado en seitas Michael Langone expón nas seguintes aseveracións ao seu concepto sobre as seitas:

Seita é un grupo ou movemento que exhibe unha devoción excesiva cara a unha persoa, idea ou cuosa, e que emprega técnicas antiéticas de manipulación para persuadir e controlar (aos seus adeptos), deseñadas para lograr as metas do líder do grupo, e que teñen como consecuencias actuais ou posíbeis, o dano aos seus membros, aos familiares deles ou á sociedade en xeral. [...] Dado que a capacidade para explotar a outros seres humanos é universal, calquera grupo pode chegar a converterse nunha seita. Non obstante, a maioría das organizacións institucionalizadas e socialmente aceptadas, teñen mecanismos de autorregulación que restrinxen o desenvolvemento de grupúsculos seitarios.[22]
A cruz ardente é un dos símbolos dos grupos seitarios do Ku Klux Klan.
A imaxe e a función do gurú, expresións tradicionais da cultura relixiosa do subcontinente indio, tomaron un sentido fortemente pexorativo en occidente.

As seitas relixiosas defínense como grupos relixiosos radicais, polo xeral pequenos pero con alto índice de expansión, integrados por homes e mulleres asociados voluntariamente tras unha conversión relixiosa. Caracterízanse por seren grupos altamente excluíntes que se colocan en contra doutras posicións culturais e/ou relixiosas, nos que se desenvolve unha notábel perda de identidade nos seus membros, creando unha especie de mundo interno onde o líder, ou os líderes, posúen o control total do grupo. Os grupos máis fanáticos atéñense a conceptos pechados, ríxidos e conservadores, alleos á moderna pluralidade e tolerancia relixiosa, sepáranse do mundo espiritualmente, por vontade propia, e crean unha facción que defende e promove os seus valores por riba dos demais.

En moitos casos atraen aos novos membros predicando solucións fáciles para os problemas da vida, saídas inmediatas a situacións de opresión persoal ou crises depresivas, ou o pasaporte para o paraíso despois da morte, ou a iluminación en vida.

Os líderes deste tipo de grupos posúen habitualmente unha forte e carismática personalidade, e inducen aos membros a crer nunha verdade "máis profunda" que a das demais persoas ou relixións, utilizando o que vulgarmente se coñece como lavado de cerebro. Logran así que de forma paulatina os seguidores obedezan cegamente o dogma, sen espazo para opinións ou sentimentos persoais de liberdade de criterios, abandonando gradualmente o propio discernimento.

Xeralmente unha seita ten un fin dogmático ou espiritual, ou polo menos iso se lles fai crer aos prosélitos. Da man do moderno desenvolvemento económico e tecnolóxico xurdiron novas seitas cuxo fin aparenta ser o desenvolvemento persoal. Existen algunhas máis poderosas que outras, e as súas metodoloxías poden ser notoriamente contraditorias, distaciánciandose moito do que prometen.

A miúdo responden a un perfil doutrinal dualista, apocalíptico e premilenarista, e a unha inspiración literaria (bíblica, coránica, mormona etc.) fundamentalista. As seitas con máis posibilidades de prosperar son xeralmente tradicionalistas, conservadoras e mesmo ultraconservadoras. O seu plan filosófico normalmente intenta volver ou polo menos así o manifestan, á súa relixión de orixe, á pureza relixiosa, para o cal deciden separarse do grupo orixinal, liderados por un personaxe carismático.

Estas seitas poden ter ou non un historial xudicial nun ou en varios países por manipulación mental ou por seren grupos de tipo destrutivo. Nalgúns países, as consideradas seitas non están recoñecidas ou autorizadas.

Organización interna

[editar | editar a fonte]
Gardia frontierizo talibán en Torkham (Afganistán), 2001.

Segundo Bryan Wilson,[23] as características máis xenerais das seitas son as seguintes:

  • a asociación é voluntaria, aínda que pode ser inducida ou fomentada;
  • unha afiliación que pode presupoñer certa exixencia persoal comprobada ou sometida a exame polas autoridades do grupo;
  • pode existir unha pretensión de exclusividade, polo que sanciona coa expulsión aos que contraveñen a doutrina ou os preceptos morais ou organizativos do grupo;
  • pode existir unha pequena elite de persoas ás que se lles recoñece uns coñecementos ou habilidades especiais;
  • unha aspiración á perfección persoal (calquera que sexa o modo en que esta se conciba);
  • a afirmación real do sacerdocio de todos os crentes;
  • pode basearse nunha participación laica;
  • posibilidade de que os membros expresen voluntariamente o seu compromiso;
  • poden mostrar indiferenza fronte á sociedade secular e o estado.

Segundo Stark Warner,[24] as seitas son grupos que se dotan a si mesmos da estrutura e da organización requirida para administrar a identidade dos seus adherentes en función dun conxunto claramente definido de crenzas ou ideoloxías, pero ademais hai que considerar que as seitas presentan un inconformismo fronte ás igrexas denominadas maioritarias, é dicir, as seitas constitúen unha contracultura, pero que mantén un sistema unificado de crenzas e prácticas relativas ás cousas sagradas, unidas nunha estrutura moral chamada Igrexa, manifestando o sentido tendente á "colectividade".

Algunhas características que se considran para definir unha seita son:

  • a súa resposta ao mundo,
  • a clase de reacción nas crenzas,
  • as prácticas usuais dos seus membros.

Aínda cando isto nos ofrece limitacións debido a que a clasificación teolóxica dos seitarios:

Limita as posibilidades do estudo comparativo dentro das diversas tradicións relixiosas; impide o recoñecemento de aspectos importantes do carácter das seitas; a dosificación derivada da descrición doutrinal non ten en conta debidamente os aspectos da organización e dinámica das seitas; ademais caracterízase ás seitas en termos normativos.[25]

Ken Wilber [26] distingue os grupos problemáticos ou incluso destrutivos dos que popden ser clarificadores e mesmo beneficiosos, utilizando como criterios:

  • o grao de madurez,
  • a integración na sociedade,
  • o tipo de autoridade no grupo.

As seitas contan entre elas con xente bastante famosa. O que non é infrecuente pois, segundo expertos neste tipo de organizacións, como Salarrullana ou Steven Hassan,[27] resultan reclamos importantes para lograr novos fieis e ampliar o seu recoñecemento social, como no caso de Tom Cruise ou de John Travolta coa Igrexa da Ciencioloxía.

A Meditación trascendental

[editar | editar a fonte]
Maharishi Mahesh Yogui (1917-2008), creador da Meditación Trascendental, exposto despois de morto.

Nos anos sesenta, o movemento da Meditación trascendental (MT), creado polo gurú Maharishi Mahesh Yogui acada fama mundial mediante a súa relación con membros da contracultura, especialmente estrelas do pop e o rock, como os Beach Boys ou os Beatles. Estes últimos asistiron a un curso de meditación trascendental en Rishikesh (India) en cuxo transcurso escribiron a maior parte dos temas do White Album de 1968. A conversión dos Beatles proporcionoulle popularidade ao yogui e ao seu movemento, aínda que ao pouco tempo algúns dos artistas desilusionáronse.[28] A relación cos Beatles foi fundamental para a difusión da seita MT entre os mozos occidentais.

En 1984, o Parlamento Europeo aprobou un informe sobre o fenómeno dos novos movementos relixiosos ou seitas. En 1983, o eurodiputado conservador británico Richard Cottrell presentou un informe con traballos previos sobre a perigrosidade de determinados grupos seitarios: o Informe Cottrell sobre seitas.[29]

Durante máis dun ano estudouse dito informe, e finalmente o 22 de maio de 1984 o Parlamento Europeo, por 98 votos a favor, 28 en contra e 27 abstencións, aprobouno. A MT era un dos grupos involucrado neste informe.

Ciencioloxía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Ciencioloxía.
A cruz de 8 brazos, símbolo da ciencioloxía

Como exemplo de seita pódese mencionar a Ciencioloxía, considerada así en diversos países europeos, aínda que algunhas das últimas resolucións se lle deu o carácter de relixión. Esta organización fundouna o escritor de ciencia ficción L. Ron Hubbard, e posúe membros recoñecidos como Tom Cruise e John Travolta. Unha das formas de recadar fondos é recrutando xente que ten que pagar un alto prezo polo material que se lles ofrece, como primeiro punto da liberdade espiritual e a felicidade.

Desta corrente xurdiron empresas de superación persoal que, aínda que talvez non sexan tan alleantes como a ciencioloxía, distan moito de seren beneficiosas, e só nalgúns poucos casos logran axudar á xente.

Para lograr o seu cometido, este tipo de seitas utilizan o adestramento ontolóxico [30]. A maioría dos especialistas están de acordo en que o adestramento (coaching) en si mesmo non é malo, é útil para empresas e para axudar a persoas (como pode selo tamén a psicoloxía), mentres non manipule a ideoloxía do individuo. En cambio o adestramento ontolóxico, aínda que derivado do coaching, adoita allear o suxeito, para facer que cumpra o cometido da empresa. Mestúrase así un pouco de todo: adestramento, psicoloxía (Gestalt) e diversos conceptos metafísicos.

Seitas destrutivas

[editar | editar a fonte]

Unha seita destrutiva é un grupo de persoas que segue un determinado movemento relixioso ou ideolóxico no que se practica o control mental polo que, baixo unha aparencia inofensiva, pode ser moi perigosa polos efectos nocivos que producen nos seus membros.[31] Estes efectos percíbense a longo prazo e polo xeral raian en escandolosos casos de índole violenta con tinguiduras suicidas, homicidas ou mesmo xenocidas.

Son grupos que se presentan baixo forma de asociación, ou asociacións, que aparentemente abarcan temas culturais, políticos, relixiosos ou incluso de tratamento fronte a enfermidades ou problemas sociais. Caracterízanse principalmente por usar técnicas de persuasión coercitiva como método de influencia social; previamente úsanse métodos de sedución, e ademais contan cun ou varios líderes. É moi frecuente unha xerarquía piramidal de orde. Adoitan usar ademais situacións de desorientación social como desastres naturais, guerras ou terrorismo, para reafirmar o fin xeralmente apocalíptico do mundo e a súa falsidade, moitas veces tamén con fin lucrativo. Nalgúns países están catalogadas como destrutivas ou perigosas e, polo mesmo, prohibidas, actuando a miúdo na clandestinidade.

Segundo a exparlamentaria, política, escritora, profesora e columnista Pilar Salarrullana,[32] membro da Comisión do Congreso dos Deputados para o estudo das seitas, o verdadeiro motivo das seitas para inscribirse no rexistro do Ministerio de Xustiza é polas vantaxes fiscais que achega e a imaxe de seriedade que imprime.

Outros dos perigros das seitas destrutivas, afirma esta autora, son o illamento social que propugnan, o radicalismo relixioso e a persecución de críticas formuladas na súa contra.[32]

Defínese como perigosas cando, pola súa filiación á seita, a persoa desenvolve problemas de adaptación social, laboral ou familiar, e ademais se coarta a súa liberdade. Algúns psicólogos e especialistas afirman que máis dun terzo dos adherentes acaba abandonándoas, aínda que se posúen unha personalidad débil e "preseitaria" tieñen un risco elevado de volver a entrar noutro grupo social ou seita perigosa, a xeito de adicción.[33]

O tema das seitas destrutivas alcanzou en certas épocas tal notoriedade, por exemplo en EE. UU. durante os anos sesenta ou en España durante os anos oitenta, que nalgúns idiomas europeos a palabra seita (seita) utílizase unicamente para referirse a este tipo de grupos relixiosos alienantes, sen utilizar as súas outras acepcións.

Características

[editar | editar a fonte]

A principal característica das seitas destrutivas é a súa habilidade para implantar, utilizando o control mental, unha personalidade gregaria nos seus adeptos, provocando na persoa a chamada síndrome disociativa atípica.[34]

Ademais adoitan posuír tamén:

  • Organización autoritaria e piramidal: non existe a democracia en ningún dos chanzos xerárquicos nin se permite a crítica, inculcándose o desterro do pensamento crítico.
  • Existencia dun líder, ou un grupo de líderes, cuxa decisión é a única que conta. O líder controla todos os movementos dos membros, así como o seu diñeiro, e non se somete ás mesmas regras que os seguidores. Pero o líder e os adeptos cren a mensaxe, ou terminan créndoa; cabe mencionar que os dirixentes de segundo nivel non adoitan compartir a crenza e si o afán de lucro e poder.
  • Illamento dos adeptos do mundo en xeral e das relacións familiares en particular.
  • Contrólase toda a información que lles chega.
  • Instálase un discurso demonizador do "mundo", á vez que se insta aos adeptos a depositar unha confianza ilimitada na seita, especialmente nos dirixentes do segundo nivel.

En 1995, a primeira comisión de enquisa sobre as seitas establecida pola Asemblea Nacional de Francia, presidida por Alain Gest, definiu 10 criterios para caracterizar ás seitas destrutivas:

  • desestabilización mental,
  • carácter desorbitado das exixencias financeiras aos seus adeptos,
  • ruptura inducida co ambiente de orixe,
  • atentados contra a integridade física,
  • recrutamento de nenos,
  • discurso antisocial,
  • disturbios de orde pública,
  • importancia de querelas xudiciais contra as seitas,
  • eventual desvío dos circuítos económicos tradicionais e tentativas de enfrontamiento cos poderes públicos.
  1. Gran dicionario século 21 da lingua galega: ver seita.
  2. DRAE: ver secta (terceira acepción).
  3. Vicente Jara: Definición y criterios. Arquivado 22 de novembro de 2009 en Wayback Machine.
  4. Informe Final da Comisión Bundestag sobre As chamadas seitas e psicogrupos, 1998
  5. Martin Kriele: "Seitas como grito de batalla", na revista Frankfurter Allgemeine Zeitung, 6 de abril de 1994.
    Hansjörg Hemminger: «¿Was ist eine Sekte?» Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine., en Evangelische Landeskirche in Württemberg.
  6. «A deadly messenger of God», Arquivado 24 de maio de 2011 en Wayback Machine. na revista Time, 29 de agosto de 1977.
  7. Colonos: "Schäfer facilitou a nosa vila para a detención e opresión de persoas", Arquivado 11 de agosto de 2007 en Wayback Machine. no diario chileno La Tercera, 19 de abril de 2006.
  8. Julia Scheeres: «Yaweh ben Yahweh» Arquivado 10 de agosto de 2011 en Wayback Machine.
  9. Flaccus, Gillian (2001). "Ore. Town Never Recovered From Scare". Associated Press. 
  10. "Líder dun culto [sic, por "unha seita"] condenado a morte", Arquivado 14 de abril de 2011 en Wayback Machine. AP, 24 de agosto de 2006.
  11. "Exculpan al FBI de la matanza de Waco", en El Mundo, 23 de xullo de 2000.
  12. ""Membros da Orde do Templo Solar suicídanse en masa".". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 29 de xuño de 2012. 
  13. «So long, Shoko» Arquivado 03 de decembro de 2013 en Wayback Machine., US News & World Report, 19 de setembro de 2006.
  14. Randall BELL: Strategy 360.
  15. «Masacre en Uganda», no diario El País, 23 de marzo de 2000.
  16. Suprema Corte Federal de Suíza, sentenzas de 2002.
  17. Weber: op. cit., pág. 619.
  18. Peter L. Berger: Zur Dialektik von Religion und Gesellschaft.
  19. Johnson, Benton: op. cit., pág. 542.
  20. Stark: op. cit., pág. 217.
  21. Stark, Rodney, Bainbridge, William Sims: The future of religion: secularization, revival and cult formation.
  22. Michael Langone: «Cults: questions and answers» Arquivado 31 de agosto de 2009 en Wayback Machine. ('seitas: preguntas e respostas').
  23. Bryan Wilson: Sociología de las sectas religiosas. Madrid: Guadarrama, 1970.
  24. Stark Warner: Las sectas protestantes. México: Fondo de Cultura Económica (edición popular), 1986.
  25. Roland Robertson: "Una tipología de las sectas" en Sociología de la religión (páxina 331). México: Fondo de Cultura Económica, 1980.
  26. Ken Wilber: «Legitimidad, autenticidad y autoridad en las nuevas religiones» en Los tres ojos del conocimiento. Barcelona: Kairós, 1991.
  27. Steven HASSAN: Las técnicas de control mental de las sectas y cómo combatirlas. Barcelona: Urano, 1990. ISBN 84-86344-80-8.
  28. John Lennon, entrevistado pola revista Rolling Stone, expresaba así a súa ruptura: "Dediqueille unha canción ao Maharishi. Titulábase Sexy Sadie. Non me atrevín a dicirlle: 'Maharishi, pola súa culpa fixemos o parvo'. Cuando lle dixen: 'Ímonos', el preguntou: 'Por que?' e o resto da andrómena. Eu díxenlle: 'Se vostede é tan cósmico xa o sabe' (porque el sempre estaba intentando insinuar, o mesmo que os seus conselleiros, que era omnisciente e que facía milagres). Díxelle: 'Vostede xa o sabe', e el miroume como dicindo: 'Voute matar, fillo de puta!' e pola maneira en que me mirou souben que era certo". Esta anécdota desmentírona George Harrison e Paul McCartney na biografía Hace muchos años escrita por Barry Miles (Emecé, 1997).
  29. "Informe do Consello de Europa sobre as actividades ilegais das seitas en Europa (1999)". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 29 de xuño de 2012. 
  30. Termo formado co elemento onto-, tirado do grego τὸ ὤν - τοῦ ὄντος, participio presente substantivado de εἰμί "eu son", co significado de "todo", "totalidade", no sentido de que inflúe en toda a vida do individuo, incluso na súa privacidade
  31. Steven Hassan, Las técnicas de control mental de las sectas y cómo combatirlas, Editorial Urano, Barcelona, 1990, ISBN 84-86344-80-8
  32. 32,0 32,1 Pilar Salarrullana, Las sectas. Madrid: Temas de Hoy, 1990. ISBN 84-7880-015-8.
  33. José Miguel Cuevas Barranquero y Jesús María Canto Ortiz: Sectas: cómo funcionan, cómo son sus líderes, efectos destructivos y cómo combatirlas. Ediciones Aljibe, 2006, ISBN 84-9700-327-6.
  34. Pilar Salarrullana, Las sectas, Ediciones Temas de Hoy, Madrid, 1990, ISBN 84-7880-015-8

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]