[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Neorrealismo italiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O neorrealismo italiano (italiano: Neorealismo) foi un movemento cinematográfico caracterizado polas historias ambientadas entre as clases pobres e traballadoras, filmadas na rúa, en ocasións empregando actores non profesionais. Os filmes neorrealistas a miúdo loitan contras as dificultades económicas e as condicións morais da posguerra italiana, representando os cambios da mente italiana e das condicións sociais.

O neorrealismo apareceu cando acababa a segunda guerra mundial e caera o goberno de Benito Mussolini, causando a perda do centro da industria italiana. O neorrealismo foi un sinal de cambio cultural e progreso social en Italia. Os filmes presentaban historias e ideas contemporáneas, rodadas habitualmente nas rúas porque os estudios de Cinecittà foran moi danados durante a guerra.

O estilo neorrealista foi desenvolvido por un grupo de críticos arredor da revista Cinema, entre os que estaban Luchino Visconti, Gianni Puccini, Cesare Zavattini, Giuseppe De Santis e Pietro Ingrao. Amplamente advertidos de non escribir sobre política (o editor xefe da revista era Vittorio Mussolini, fillo de Benito Mussolini), os críticos atacaban os filmes de telefono branco (“teléfono branco”) que dominaban a industria desa época. Como ataque contra eses filmes sentían que o cinema italiano debía camiñar cara ao realismo.

Antonioni e Visconti traballaran con Jean Renoir. Ademais, moitos dos cineastas implicados no neorrealismo melloraron a súa destreza en filmes caligrafistas (a pesar de que este efémero movemento era completamente distinto do neorrealismo). Elementos neorrealistas atópanse tamén nos filmes de Alessandro Blasetti e no estilo documental de Francesco De Robertis. Dous dos máis relevantes precursores do movemento son Toni (Jean Renoir, 1935) e 1860 (Alessandro Blasetti, 1934). Na primavera de 1945 Mussolini foi executado e Italia foi liberada da ocupación alemá. Este período, coñecido como a "primavera italiana", supuxo unha ruptura das vellas formas e o comezo dunha aproximación máis realista na realización de filmes. O cinema italiano pasou de empregar elaborados escenarios en estudios a rodar en localizacións no campo e nas rúas das cidades de xeito realista.[1]

Consídearase Ossessione de Luchino Visconti (1943) como o primeiro filme neorrealista. O movemento fíxose coñecido internacionalmente en 1946 con Roma, cidade aberta de Roberto Rossellini que gañou o Gran Premio no Festival de Cannes.

O neorrealismo italiano decaeu a principios da década de 1950. Os partidos liberal e socialista tiñan dificultades para presentar as súas mensaxes. Os niveis de ingresos crecían gradualmente e os primeiros efectos positivos do milagre económico italiano comezaban a aparecer. Como consecuencia, moitos italianos preferían o optimismo amosado nas comedias estadounidenses deses anos. A visión da pobreza e a desesperación que presentaban os filmes neorrealistas era desmoralizadora para un país degoirado pola prosperidade e o cambio. Os puntos de vista dos gobernos italianos da posguerra tamén eran máis que positivos, e a frase de Giulio Andreotti, viceministro do goberno de Alcide De Gasperi definiu a opinión oficial sobre o movemento: O neorrealismo é "unha lavandaría sucia que non debería ser limpada e tendida ao aire libre."

O cambio de Italia desde a preocupación polo individuo do neorrealismto ata a tráxica fraxilidade da condición humana pode ver nos traballos de Federico Fellini. Obras temperás como Almas sen conciencia e La strada son filmes de transición. As grandes preocupacións sociais deron lugar á exploración dos individuos. As súas necesidades, a súa alienación da sociedade e o seu tráxico destino comezaron a ser o principal foco nos filmes italianos a partir dos anos sesenta.

Características

[editar | editar a fonte]

Os filmes neorrealistas estaban filmados xeralmente con actores non profesionais, se ben en ocasións os papeis principais estaban interpretados por actores famosos fronte a un fondo formado por xente da localidade e non por extras. As rodaxes teñen lugar case exclusivamente en localizacións, tanto en rúas como en áreas rurais.

O tema principal é a vida dos pobres e a clase baixa traballadora. O punto central é a orde social e a supervivencia na vida cotiá. As actuacións están construídas a partir de escenas de xente nas súas actividades mundanas, carente da autoconciencia de actor, como implica a interpretación de afeccionados. En ocasións teñen nenos en papeis importantes, aínda que noutros casos limítanse a ser observadores.

Roma, città aperta estableceu varios dos principios do neorrealismo, amosando claramente a capacidade da xente normal de vivir cada día en condicións complicadas durante a ocupación alemá de Roma, facendo conscientemente o que podían para resistir a ocupación. Os nenos teñen un papel clave no futuro. O filme de 1948 Ladrón de bicicletas, de De Sica, tamén resulta representativo, con actores non profesionais e unha historia que detalla os sufrimentos da clase obreira trala guerra.

No último período, moitos cineastas afastáronse do movemento. Algúns exploraron a fantasía alegórica, como De Sica en Milagre en Milán, ou o espectáculo histórico, como Visconti en Senso. Neste momento xurdiu un neorrealismo máis optimista, que produciu obras que mesturaban as personaxes de clase obreira coa comedia populista estilo anos trinta, como Umberto D, de De Sica.[2]

En 1948 Visconti adaptou a novela I Malavoglia, de Giovanni Verga, escrita durante o movemento realista do século XIX, traendo a historia á época contemporánea. O resultado foi o filme La terra trema, interpretada exclusivamente por actores non profesionais e rodade en Aci Trezza, vila na que está ambientada a novela.

O período entre 1943 e 1950 na historia do cinema italiano está dominado polo impacto do neorrealismo, que foi máis un momento ou unha tendencia que un grupo real ou unha escola teórica. Porén, o seu impacto foi enorme, non só en Italia, senón que tamén na Nouvelle Vague francesa, na Escola Polaca de Cinema e en filmes de todo o mundo, como no indio Do Bigha Zameen de Bimal Roy (1953).[3]

  1. Thompson, Kristin; Bordwel, David (2010). McGraw Hill, ed. Film History: An Introduction, Third Edition. pp. 330-331. 
  2. Bordwell, David; Thompson, Kristin. Film History: An Introduction. Postwar European Cinema: Neorealism and Its Context, 1945-1959. p. 333. 
  3. Anwar Huda (2004). Atlantic Publishers & Dist, ed. The Art and science of Cinema. p. 100. ISBN 81-269-0348-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]