[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Melfi, Italia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Panorámica de Melfi, co castelo no alto.

Melfi é un concello italiano de ao redor de 17.400 habitantes, situado na provincia de Potenza, rexión da Basilicata, na Italia meridional.

Coa caída do imperio Romano de Occidente, Melfi comezou a adquirir importancia cando foi ocupada polos bizantinos e polos lombardos, pero foi coa chegada dos normandos cando a vila a empezou a desempeñar un papel importante na historia.

En setembro de 1042 Guillerme de Hauteville (coñecido como Guillerme Brazo de Ferro) despois da desfeita dos bizantinos repartiu o territorio de Melfi entre 12 baróns normandos.[1] A cidade chegou a ser a capital do Condado de Puglia en 1059.

Aínda que máis tarde o título de capital foi transefrido a Salerno e posteriormente a Palermo, Melfi continuou sendo un importante centro das posesións normandas no sur de Italia,[2] e foi a sede de cinco concilios ecuménicos.[3]

Baixo os suabos, a cidade foi a residencia de verán de Federico II Hohenstaufen, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, que tamén foi rei de Sicilia, de Chipre e de Xerusalén.

No castelo de Melfi, o emperador promulgou as chamadas Constitucións de Melfi, código de leis fundamental na historia do dereito. Foron promulgadas, para o Reino de Sicilia, o 1 de setembro de 1231, e recollidas no chamado Liber augustalis. Trátase dunha serie de leis e normas que rexen a convivencia. Esta norma estivo vixente no Reino de Sicilia, así como no seu territorio dentro do Reino de Nápoles e no das Dúas Sicilias até o ano 1816.

Baixo a dinastía Anxevina Melfi comezou o seu declive, aínda que o rei Carlos II do Reino de Nápoles e Sicilia (Regnum Siciliae citra farum) mandou restaurar o castelo, que foi a residencia real da súa esposa María de Hungría.

  1. Aurelio Musi (2003), p. 55.
  2. VV. AA. (2006), p. 16.
  3. Enrico Artifoni (1998), p. 336.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Enrico Artifoni (1998): Storia medievale. Donzelli Editore. ISBN 88-7989-406-4.
  • Alfredo Borghini (2000): Itinerari di Federico II nella provincia di Potenza. Alfagrafica Volonnino.
  • Aurelio Musi (2003): Napoli, una capitale e il suo regno. Touring Editore. ISBN 88-365-2851-1.
  • Franco Tardioli (2003): Le costituzioni di Melfi di Federico II. Melfi.
  • VV. AA. (2004): Basilicata. Touring Editore. ISBN 88-365-2951-8.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]