Mauregato
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VIII Reino de Asturias |
Morte | 788 (Gregoriano) Pravia, España |
Lugar de sepultura | Church of San Juan Apóstol y Evangelista (en) |
Monarca do Reino de Asturias | |
783 – 788 ← Silo – Vermudo I o Diácono → | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | guerreiro, gobernante |
Outro | |
Título | Rei de Asturias |
Familia | Dinastía ástur-leonesa |
Cónxuxe | Creusa (rainha) |
Fillos | Hermenegildo das Astúrias |
Pais | Afonso I o Católico e Sisalda |
Irmáns | Froila I Adosinda Vimarano |
Mauregato, finado en Pravia no ano 789, foi princeps (título similar ao de rei ou gobernante) de parte da Galicia altomedieval entre os anos 783 e 789. As crónicas árabes medievais denomínano rei de Galicia[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Pola etimoloxía do seu nome, algúns autores cren que era fillo bastardo do rei Afonso I e dunha muller de crenzas musulmás. Logo da morte do rei Silo, no 783, foi electo sucesor o aínda mozo Afonso (o futuro Afonso II), que protexía a raíña Adosinda, viúva de Silo. Mais Mauregato, apoiado por unha parte da nobreza, organizou unha forte oposición que callou no retiro de Afonso para Álava.
Mauregato tomou posesión do trono, sendo coroado novo rei. O seu enfrontamento co rei Afonso II levou a unha posterior difamación sobre el e o seu reinado:
Debería interpretarse como parte da damnatio memoriae emprendida contra Silo, Mauregato e Vermudo I, cuxa causa non estriba en absoluto nas boas relacións cos musulmáns, pois estas foron se cadra aínda máis intensas en épocas posteriores e por parte de monarcas supostamente reconquistadores, senón no simple feito de ditos "reis" obstaculizaren o ascenso ao trono de Afonso II, personaxe claramente favorito da construción historiográfica do ciclo de Afonso III e os seus continuadores[2].
O Adopcionismo
[editar | editar a fonte]As fontes históricas apenas informan sobre o seu reinado. O acontecemento máis salientábel estivo constituído polas disputas orixinadas polo espallamento da doutrina adopcionista, que sostiña nesta altura o bispo de Toledo, Elipando. A ortodoxia foi defendida polo monxe Beato, residente nun mosteiro do val de Liébana, na actual Cantabria. O problema levaría á intervención do clero carolinxio, en anos posteriores xa ao reinado de Mauregato.
O tributo das cen doncelas
[editar | editar a fonte]Segundo algunhas fontes, vencelladas con Afonso III, Mauregato tería conseguido o trono mercé ó apoio que recibiu do emir de Al-Andalus, Abd ar-Rahman I, a cambio dun tributo anual, a render en Córdoba, e consistente en 100 mozas. Este feito, lendario, é coñecido como o "tributo das cen doncelas", e cuxo pago se tería conservado até o ano 844. Neste ano a suposta batalla de Clavijo, tamén lendaria, gañada polo rei Ramiro I, sobre o emir Abd ar-Rahman II, na que mesmo sería decisiva a milagreira intervención do apóstolo Santiago, liberaría o reino de tan vergonzosa carga.
Consonte as mesmas fontes (nas cales Mauregato é presentado como unha personalidade negativa), a aristocracia palatina, desconforme con este ignominioso tributo, acabaría por asasinar o monarca.
Mauregato morreu (talvez de morte natural) no ano 789, sucedéndoo Bermudo o Monxe.
Descendencia
[editar | editar a fonte]Mauregato, no que se coñece, non tivo descendencia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Carballeira Debasa, Ana María (2007). Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievales. CSIC. p. 131.
Rei de Galicia (Yilliqiya) (citando a Ibn al-Athir, Ibn Khaldun, Ibn Al-Khatib, al-Qalqashandi e El-Hajji)
- ↑ López Carreira, A. O reino medieval de Galicia. Edicións A Nosa Terra, 2005, páxina 178
Véxase tamén
[editar | editar a fonte] Aurelio, Silo, Mauregato e Vermudo I. Os príncipes galaicos polas armas (768-791) |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anselmo López Carreira, Tucho Fernández Calo, Os reis de Galicia, Vigo : A Nosa Terra, 2003. ISBN 84-96203-27-1.
- Xosé Antonio López Teixeira, Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910), Editorial Toxosoutos, 2003.
- Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia, Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A., 2005, ISBN 84-96403-54-8.
- Nogueira, C. (2001): A Memoria da nación: o reino da Gallaecia. Xerais, Vigo.
- Barbosa Álvarez, José Manuel, Atlas histórico da Galiza, Ediçons da Galiza, ISBN 978-84-936218-1-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Reino de Asturias | ||
---|---|---|
Segue a: Silo |
Mauregato | Precede a: Vermudo I |
Reis usurpadores |