[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Tartaruga mariña olivácea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lepidochelys olivacea»)
Tartaruga mariña olivácea

Unha tartaruga mariña olivácea na praia de Escobilla, Oaxaca, México
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Testudines
Familia: Cheloniidae
Xénero: Lepidochelys
Especie: L. olivacea
Nome binomial
Lepidochelys olivacea
(Eschscholtz, 1829)
Sinonimia[2]
  • Testudo mydas minor Suckow, 1798
  • Chelonia multiscutata Kuhl, 1820
  • Chelonia olivacea Eschscholtz, 1829
  • Chelonia caretta var. olivacea Gray, 1831
  • Chelonia dussumierii Duméril & Bibron, 1835
  • Caretta olivacea Rüppell, 1835
  • Thalassochelys (Lepidochelys) olivacea Fitzinger, 1843
  • Caouana olivacea Gray, 1844
  • Caouana ruppellii Gray, 1844 (nomen nudum)
  • Chelonia subcarinata Rüppell, 1844 (nomen nudum)
  • Caouana dessumierii Smith, 1849 (ex errore)
  • Chelonia dussumieri Agassiz, 1857 (ex errore)
  • Chelonia polyaspis Bleeker, 1857 (nomen nudum)
  • Lepidochelys dussumieri Girard, 1858
  • Lepidochelys olivacea Girard, 1858
  • Chelonia dubia Bleeker, 1864 (nomen nudum)
  • Cephalochelys oceanica Gray, 1873 (nomen nudum)
  • Cephalochelys oceanica Gray, 1873
  • Thalassiochelys tarapacona Philippi, 1887
  • Thalassochelys tarapacana Philippi, 1887
  • Thalassochelys tarapacona Boulenger, 1889
  • Chelonia olivaccea Velasco, 1892 (ex errore)
  • Thalassochelys controversa Philippi, 1899
  • Caretta remivaga Hay, 1908
  • Caretta caretta var. olivacea Deraniyagala, 1930
  • Lepidochelys olivacea olivacea Deraniyagala, 1943
  • Caretta olivacea olivacea Mertens, 1952
  • Lepidochelys olivacea remivaga Schmidt, 1953
  • Caouana rueppellii Wermuth & Mertens, 1961 (ex errore)
  • Lepidochelis olivacea Tamayo, 1962
  • Lepidochelys olivaceas Kesteven, 1969 (ex errore)
  • Chelonia multicustata Márquez, 1990

A tartaruga mariña olivácea (Lepidochelys olivacea) é unha tartaruga mariña de mediano tamaño que vive principalmente nos océanos Índico e Pacífico e tamén en augas caribeñas.

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha tartaruga mariña máis ben pequena, cunha coiraza ou cuncha adulta de como media 60 a 70 cm.[3] A coiraza con forma de corazón está caracterizada por ter catro pares de escudos inframarxinais que teñen poros na ponte (que une o espaldar e o plastrón da coiraza), dous pares de escudos prefrontais e ata 9 escudos laterias en cada lado. Esta especie é a única que ten un número de escudos laterais variable e asimétrico, xa que poden variar en número de 5 a 9, máis comunmente de 6 a 8.[3] Cada lado da coiraza ten de 12 a 14 escudos marxinais.

A coiraza está aplanada dorsalmente. Ten unha cabeza larga de mediano tamaño, que parece triangular vista desde arriba. Os lados cóncavos da cabeza son máis obvios na parte superior do curto fociño. Ten patas con forma de aleta, cada unha con dúas uñas anteriores. As partes superiores son cincentas verdosas ou oliváceas, pero ás veces parecen avermelladas debido ás algas que crecen na coiraza. A ponte e o plastrón sen bisagras dun adulto varía desde branco verdoso nos individuos novos a cor amarela crema nos máis vellos.[3][4]

As crías que acaban de eclosionar son grises escuras cunha cicatriz da xema clara, pero parecen negras cando se humedecen.[3] A lonxitude da coiraza das crías vai de 37 a 50 mm. Unhas liñas brancas delgadas beirean a coiraza, igual que a cola, a parte frontal e as aletas traseiras.[4] Tanto os neonatos coma os xuvenís teñen escudos marxinais posteriores aserrados, que se fan lisos coa idade. Os xuvenís teñen tamén tres quillas dorsais; a quilla central lonxitudinal dá ás tartarugas máis xoves un perfl aserrado, que permanece ata que chegan á madurez sexual.[3]

Raramente pesan máis de 50 kg. Un estudo feito en Oaxaca, México, tomou os pesos dunha mostra de adultos, que oscilaban entre 25 e 46 kg; as femias adultas pesaban como media 35,45 kg (tamaño da mostra: n=58), mentres que os machos adultos pesaban significativamente menos, como media 33,00 kg (n=17). Os neonatos xeralmente pesan entre 12,0 e 23,3 g.

Os adultos son algo dimórficos sexualmente. Os machos maduros teñen colas máis longas e grosas, que usan para a copulación,[3] e ademais os machos presentan unhas uñas curvadas agrandadas nas aletas anteriores, que lles permiten agarrarse á coiraza da femia durante a copuación. Os machos tamén teñen coirazas que se estreitan máis e son máis longas que as das femias, as cales as teñen con forma abovedada e máis arredondadas.[3] Os machos teñen plastróns máis cóncavos, o que se cre que é outra adaptación para o apareamento. Os plastróns dos machos poden ser máis brandos que os das femias.[4]

Distribución

[editar | editar a fonte]
Mapa de distribución de Lepidochelys olivacea: os círculos vermellos son as áreas de aniñación principais; os círculos amarelos son áreas de aniñación secundarias.

A tartaruga mariña olivácea ten unha distribución circumtropical, xa que vive en augas tropicais e cálidas do Pacífico e Índico, desde a India, Arabia, Xapón, e sur de Micronesia ao sur de África, Australia, e Nova Zelandia. No Atlántico, observouse na costa oeste de África e nas do norte do Brasil, Suriname, Güiana, Güiana Francesa, e Venezuela. Ademais, foi rexistrada no Caribe ata chegar polo norte a Porto Rico. Tamén se encontra no leste do Pacífico desde as Illas Galápagos e Chile ata o Golfo de California, e ao longo dada costa pacífica norteamericana ata polo menos Oregón. Os seus movementos migratorios están menos estudados que os doutras especies de tartarugas mariñas, pero crese que usan as augas costeiras duns oitenta países.[5] Historicalmente, esta especie foi considerada a tartaruga mariña máis abundante do mundo.[3] Por exemplo, máis de 1 millón de tartarugas mariñas oliváceas foron capturadas comercialmente nas costas de México só en 1968.[6]

A poboación mexicana do Pacífico estimábase en polo menos 10 millóns antes da era da explotación en masa. Máis recentemente, a poboación global de femias aniñadoras anual reducírase a uns 2 millóns en 2004,[7] e reduciuse máis ata 852.550 en 2008.[1][8] Isto indica un decrecemento drástico do 28 ao 32% na poboación global en só unha xeración (é dicir, en 20 anos).[5]

Aínda hoxe, a tartaruga mariña olivácea segue considerándose a tartaruga mariña máis abundante, malia a mencionada redución de máis dun 30% con respecto aos seus niveis históricos. Estas tartarugas considéranse en perigo debido aos poucos sitios para aniñar que lle quedan no mundo.[9]

Esta tartaruga non se encontra normalmente en augas europeas, a non ser algúns exemplares escasos extraviados. En Galicia en 1988 rexistrouse a súa presenza nun caso illado, pero crese que esta identificación é dubidosa e probablemente se trataba de Lepidochelys kempii.[10]

Áreas de aniñación

[editar | editar a fonte]
Neonato de tartaruga mariña olivácea.
Facendo os niños.

As tartarugas mariñas oliváceas teñen un comportamento peculiar de aniñación sincronizada masiva, chamada en México arribada.[4] As femias retornan á mesma praia onde naceron, e depositan alí os seus ovos.[11] No océano Índico, a maioría aniñan en dous ou tres grandes grupos preto de Gahirmatha en Odisha. A costa de Orissa na India é o sitio de aniñación en masa máis grande desta tartaruga, seguido das costas de México e Costa Rica.[11] En 1991, unhas 600.000 tartarugas aniñaron na costa de Odisha en só unha semana. A aniñación ocorre tamén en localizacións esparexidas pola costa de Coromandel e en Sri Lanka. Porén, esta especie é considerada unha rareza na maioría das áreas do océano Índico.[8]

Son tamén raras no Pacífico central e occidental, e só se coñecen grandes arribadas nas augas tropicais do Pacífico oriental en América Central e México. En Costa Rica teñen lugar nas praias de Nancite e de Ostional. Hai dúas arribadas activas en Nicaragua, nas praias de Chacocente e La Flor, e unha pequena zona de aniñación na costa do Pacífico de Panamá. Historicamente, había varias arribadas nas costas de México, aínda que actualmente só persiste unha en Playa Escobilla, Oaxaca.[8]

Aínda que esta especie é famosa polas súas masivas arribadas nalgúns puntos, moitos dos terreos de aniñación só poden soportar congregacións de tamaño relativamente pequeno a moderado (unhas 1.000 femias). A contribución global e a importancia destas praias de aniñación para a poboación podería estar subestimada pola comunidade científica.[3]

Áreas de alimentación

[editar | editar a fonte]

Algunhas das áreas de alimentación desta especie preto do sur de California están contaminadas por verteduras de residuos líquidos, escorrentías de procedencia agrícola, pesticidas, disolventes, e verteduras industriais. Estes contaminantes fan decrecer a produtividade da comunidade do bentos, o que afecta negativamente a estas tartarugas, que se alimentan de ditas comunidades.[3] A crecente demanda de construír portos deportivos e peiraos preto de Baixa California e do sur de California tamén afecta negativamente ás tartarugas mariñas oliváceas destas áreas, onde se produce un incremento de verteduras de aceite e combustible neses sensibles hábitats. Outra ameaza para estas tartarugas son as centrais eléctricas, nas que está documentado que os individuos xuvenís e subadultos quedan atrapados nos sistemas de toma de auga de mar para a refrixeración.[3]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A primeira descrición desta especie fíxose co nome Testudo mydas minor, Suckhow, 1798. Despois foi renomeada como Chelonian olivacea, Eschscholtz, 1829, e finalmente como Lepidochelys olivacea Fitzinger, 1843.[12] Como o primeiro que propuxo o epíteto de especie "olivacea" foi Eschscholtz, o seu nome válido definitivo quedou como Lepidochelys olivacea Eschscholtz, 1829.

O nome do xénero deriva das palabras gregas lepidos, que significa escama, e chelys, que se traduce por tartaruga. Isto podería facer referencia á cantidade supernumeraria de escudos costais que ten este xénero.[3] A súa coiraza é predominantemente de cor olivácea, de aí o seu epíteto específico.[13] Lepidochelys é o único xénero de tartarugas actual que contén máis dunha especie, que son: L. olivacea e L. kempii.[14]

Ecoloxía e comportamento

[editar | editar a fonte]
Taratruga mariña olivácea desovando.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Pénsase que o apareamento ten lugar preto das praias de aniñación, pero detectáronse parellas copulando a 1.000 km da costa. Investigacións feitas en Costa Rica indican que, debido o seu número non moi alto, as parellas copulando observadas preto das praias non poden ser as únicas responsables da fertilización dos decenas de miles de femias grávidas que chegan a aquelas praias, polo que un número significativo de apareamentos debe producirse noutros lugares e noutras épocas do ano.[3]

A praias de Gahirmatha no distrito de Kendrapara de Odisha (India), que forma agora parte do Santuario de vida silvestre de Bhitarkanika, é a área de reprodución maior destas tartarugas. Os mangleirais de Bhitarkanika foron designados como Zona Húmida de Importancia Internacional (dentro da Convención Ramsar) en 2002. É o lugar do mundo de maior concentración de femias aniñadoras desta especie. Ademais de Gahirmatha, hai outras dúas praias con aniñación en masa situadas nas desembocaduras dos ríos Rushikulya e Devi.

As tartarugas mariñas oliváceas migran en gran número desde inicios de novembro, todos os anos, para aparearse e aniñar nas costas de Orissa. En Gahirmatha crese que aniñan entre 100.000 e 500.000 femias cada ano, aínda que houbo un declive na poboación no recente pasado debido a mortalidades en masa. A especie está protexida pola Axenda - I da Lei de (Protección) da Vida Silveste India de 1972 (emendada en 1991). Todas as especies de tartarugas mariñas nas costas de Orissa están consideradas "en perigo" na Lista vermella da IUCN. As tartarugas mariñas están protexidas pola "Convención de Especies Migratorias" e pola CITES (Convención de Comercio Internacional de Fauna e Flora Silvestre). A India é unha das nacións signatarias de todas esas convencións.[15]

As tartarugas mariñas oliváceas xeralmente empezan a congregarse preto das praias de aniñación uns dous meses antes da estación de posta, aínda que isto pode variar ao longo da súa área de distribución. No Pacífico leste, a aniñación ocorre durante todo o ano, cun pico de eventos de aniñación (arribadas) entre setembro e decembro. As praias de aniñación adoitan ser zonas de media praia, relativamente planas, e libres de rochas.[12] A fidelidade por unhas determinadas praias é a norma, pero ten as súas excepcións. Os eventos de aniñación son xeralmente nocturnos, pero tamén se teñen rexistrado polo día, especialmente durante as grandes arribadas.[3] A idade exacta da madurez sexual é descoñecida, pero pode inferirse aproximadamente polo tamaño mínimo dos individuos que aniñan. Por exemplo, a lonxitude media da coiraza das femias que aniñan (n = 251) en Playa Nancite, Costa Rica era de 63,3 cm, e as menores medían 54,0 cm.[3] As femias poden facer ata tres postas por tempada, pero a maioría só poñen unha vez.[4] As femias permanecen preto da costa durante o período entre postas, que é de aproximadamente un mes. O tamaño medio da posta varía na súa área de distribución e diminúe con cada intento de aniñación.[8]

Unha posta media ten uns 116 ovos (de 30 a 168) en Suriname, mentres que no leste do Pacífico a media é de 105 (de 74 a 126 ovos).[4] O período de incubación é xeralmente de entre 45 e 51 días baixo condicións naturais, pero pode estenderse a 70 días en condicións climáticas malas. Os ovos incubados a temperaturas de 31 a 32 °C producen só femias; e os incubados a 28 °C ou menos producen só machos; e as temperaturas de incubación entre 29 e 30 °C producen unha posta mixta dos dous sexos.[4] O éxito da incubación pode variar moito segundo a praia e o ano, debido aos cambios nas condicións ambientais e nas taxas de depredación dos niños.

A maioría das observacións desta especie fanse dentro dos 15 km próximos á costa en augas mariñas relativamente pouco profundas e protexidas (de 22 a 55 m de profundidade).[4] As tartarugas mariñas oliváceas encóntrase ocasionalmente en augas abertas. Os hábitats múltiples e localidades xeográficas utilizadas por esta especie varían ao longo do seu ciclo de vida.[12] Cómpre facer máis investigacións para obter datos sobre os seus hábitats peláxicos.[3]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

É unha especie predominantemente carnívora, especialmente nos estadios inmaturos do seu ciclo vital. As súas presas animais consisten en protocordados ou invertebrados, que capturan en augas mariñas ou estuarios. Entre as súas presas comúns están as medusas, tunicados, ourizos de mar, briozoos, bivalvos, caracois, camaróns, cangrexos, lagostas, e vermes sipúnculos. Adicionalmente, o consumo de medusas e peixes adultos (por exemplo, Sphoeroides) e ovos de peixe pode indicar unha alimentación peláxica (no mar aberto).[4] Tamén se alimentan de algaas filamentosas en áreas desprovistas doutros alimentos. Os estudos en catividade indicaron certo nivel de comportamento caníbal.[3]

Tartaruga mariña olivácea enredada nunha rede nas Maldivas.
Tartaruga atrapada nunha rede de deriva nas Maldivas.
Tartaruga morta flotando no mar de Arabia, seguramente matada pola hélice dun barco.
Crías acabadas de eclosionar en Chennai.

Entre os predadores da tartaruga mariña olivácea están os mapaches, coiotes, porcos e cans e asilvestrados, sarigüeias, coatís, caimáns, cangrexos fantasmas, e as serpes Xenopeltidae.[4] As crías son depredadas no seu camiño pola praia cara ao mar por voitres, fregatas, cangrexos, mapaches, coiotes, iguanas, e serpes. Na auga os predadores das crías son os peixes oceánicos, tiburóns, e crocodilos. Os adultos teñen relativamente poucos depredadores, ademais dos tiburóns e candorcas, que son responsables de ataques ocasionais.[3] As femias son a miúdo atacadas polos mosquitos durante a posta de ovos. Os humanos son a principal ameaza desta tartaruga, xa que moitas veces realizan unha recollida de ovos insustentable, matanzas das femias que están aniñando nas praias, e a captura de adultos no mar para a venda comercial da súa carne e coiraza.[4]

Outras ameazas importantes son a mortalidade asociada con colisións contra embarcacións, e capturas accidentais durante as actividades pesqueiras. As redes de arrastre, redes de enmalle, redes perdidas ou abandonadas, palangres, e nasas, afectan significativamente ás poboacións de tartaruga mariña olivácea, e a outras especies de tartarugas mariñas.[1][3] Entre 1993 e 2003, máis de 100.000 tartarugas mariñas oliváceas morreron en Odisha, India por prácticas relacionadas coa pesca.[16] Ademais, o enredo dos restos flotantes ou a súa inxestión é unha das grandes ameazas para esta especie. Tamén se citan o desenvolvemento urbanístico do litoral, os desastres naturais , o cambio climático, e outras fontes de erosión das praias como ameazas potenciais para os terreos de aniñación.[3] Adicionalmente, o desenvolvemento do litoral tamén pode ser un problema para as crías que eclosionan debido aos efectos da luz eléctrica sobre a súa orientación.[17] As crías no seu camiño ao mar son atraídas polas luces eléctricas e diríxense ao interior, onde poden morrer deshidratadas, exhaustas ou morrer nas estradas ou depredadas.

Porén, a principal causa da perda de ovos desta tartaruga é o resultado das súas masivas arribadas, nas cales a densidade de femias que soben á vez á praia a aniñar é tan grande, que os niños que puxeron as tartarugas que chegaron antes son inadvertidamente destruídos ao faceren os niños as que chegan despois, xa que hai escaseza de espazo.[3] Nalgúns casos, os niños sofren a contaminación por bacterias ou patóxenos procedentes de niños deteriorados nos que os ovos podreceron. Por exemplo, en Playa Nancite, Costa Rica, soamente o 0,2% dos 11,5 millóns de ovos producidos nunha soa arribada eclosionan con éxito. Aínda que algunhas destas perdas son causadas pola depredación e as mareas altas, a maioría é atribuída á destrución dos niños causada polos seus conxéneres de forma non intencionada. O grao en que as masivas arribadas contribúen ao status da poboación desta especie foi moi debatido entre os científicos. Moitos cren que o rendemento reprodutivo masivo destes eventos de aniñación é esencial para manter as poboacións, mentres que outros manteñen que o rendemento nas praias de arribada tradicionais queda moi lonxe do seu potencial reprodutivo e moi probablemente non mantén os niveis da poboación.[3] Nalgunhas áreas este debate levou finalmente á legalización da recolección de ovos.

Importancia económica

[editar | editar a fonte]

Historicamente a tartaruga mariña olivácea foi explotada como fonte de alimento, isco, aceite, pel, e fertilizante. A carne non se considera unha delicadeza culinaria, pero os ovos son moi estimados. A recolección de ovos é ilegal na maioría dos países onde aniña esta tartaruga, pero estas leis moitas veces non son aplicadas con efectividade. A recolección de ovos contribúe ás economías locais, polo que en varias localidades se fixeron intentos illados de permitir recollidas sustentables (e legais) de ovos.[8] Realizáronse numerosos estudos de casos en rexións de praias de arribadas para investigar e comprender a práctica da recollida de ovos nos seus aspectos socioeconómicos, culturais e políticos. Deles, a recollida de ovos legal en Ostional, Costa Rica, é considerada por moitos como bioloxicamente sostible e economicamente viable. Desde que a recolección de ovos se fixo legal en 1987, os habitantes locais poden recoller e vender uns tres millóns de ovos anualmente. A lei permítelles recoller ovos durante as primeiras 36 horas do período de aniñamento, xa que moitos deses ovos van ser destruídos polas seguintes ondadas de tartarugas que cheguen, ao escavaren os seus niños encima dos anteriores. Na praia déixanse uns 27 millóns de ovos sen recoller, e os habitantes locais desempeñan un importante papel na protección dos niños dos predadores, o que incrementa o éxito das incubacións.[3]

A maiorías das familias participantes consideran que a recolección de ovos é a súa actividade máis importante, e os beneficios que obteñen son maiores que noutras empregos posibles na zona, fóra do turismo. O prezo dos ovos de Ostional mantivéronse baixos á mantenta para desanimar a súa recolección ilegal noutras praias. O proxecto de Ostional rende máis beneficios locais que outros proxectos similares de recolección feitos en Nicaragua,[8] pero a avaliación de proxectos de recollida de ovos como este teñen o defecto de que son estudos feitos durante períodos curtos de tempo e os resultados teñen unha excesiva especificidade de lugar. Na maioría das rexións, a recollida ilegal de ovos é considerada unha amaeza importante para as poboacións desta tartaruga, polo que a práctica da recollida legal de ovos continúa tendo moitas críticas dos conservacionistas e dos biólogos que estudan as tartarugas.

Conservación

[editar | editar a fonte]
Dúas crías acabadas de eclosionar de tartaruga mariña olivácea dirixíndose ao mar despois de ser liberadas de instalacións de cría protexidas en Puerto Vallarta, México.

A Lepidochelys olivacea está clasificada como vulnerable pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza e Recursos Naturais (IUCN), e está na lista do Apéndice I do CITES. Esta clasificación nas listas foi en gran medida responsable de deter a explotación comercial a grande escala e o comercio da pel desta especie.[1] A Convención sobre Especies Migratorias e a Convención Interamericana para a Protección e Conservación das Tartarugas Mariñas tamén lle deron protección á tartaruga mariña olivácea, e levaron a incrementar os esforzos de conservación e xestión das poboacións destas tartarugas mariñas. As clasificacións nacionais desta especie van desde especie en perigo a ameazada, aínda que aplicar estas clasificacións a escala global non tivo éxito na maior parte dos casos. Os éxitos obtidos na conservación da tartaruga mariña olivácea debéronse á aplicación de programas nacionais ben coordinados en combinación con comunidades locais e organizacións non gobernamentais, que se centran principalmente na educación e compromiso público. A xestión das arribadas tivo un papel esencial na conservación desta tartaruga.[8] Ultimamente, a obrigación do uso de dispositivos de exclusión de tartarugas nas redes camaroneiras de arrastre tamén se comprobou que foi efectiva nalgunhas zonas.[1] En xeral, en todo o mundo, a tartaruga mariña olivácea (L. olivacea) segue sendo obxecto de menores esforzos de conservación que a súa parente próxima a tartaruga mariña pequena (L. kempii).

Hai varios proxectos en diversas partes do mundo que tratan de preservar a tartaruga mariña olivácea. Por exemplo, en Nuevo Vallarta, México, cando as tartarugas chegan á praia para poñer os ovos, unha fracción deles son levados a unha instalación para a incubación, onde tañen unhas posibilidades moito maiores de sobrevivir, e despois libéranse as crías.

Outros proxectos importantes levados a cabo na India desenvólvense en Chennai, onde se recolectan uns 10.000 ovos na costa de Marina, dos cales nacen unhas 9.000 crías que se liberan no mar por fases.[18]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Abreu-Grobois, A.; Plotkin, P. (2008). "Lepidochelys olivacea". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2012.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 16 April 2013. 
  2. Fritz, Uwe; Havaš, Peter (2007). "Checklist of Chelonians of the World" (PDF). Vertebrate Zoology 57 (2): 169–170. ISSN 1864-5755. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de decembro de 2010. Consultado o 29 May 2012. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 3,18 3,19 3,20 3,21 3,22 "Recovery Plan for U.S. Pacific Populations of the Olive Ridley Turtle (Lepidochelys olivacea)" (PDF). Silver Springs, MD: National Marine Fisheries Service. 1998. Consultado o 16 April 2013. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 Ernst, Carl H.; Barbour, Roger W.; Lovich, Jeffrey E. (1994). Turtles of the United States and Canada. Washington [u.a.]: Smithsonian Inst. Press. ISBN 1560983469. 
  5. 5,0 5,1 "Lepidochelys olivacea - Olive Ridley Turtle, Pacific Ridley Turtle". Species Profile and Threats Database. Department of Sustainability, Environment, Water, Population and Communities. Consultado o 16 April 2013. 
  6. Carr, A. (March 1972). "Great Reptiles, Great Enigmas". Audubon: 24–35. 
  7. Spotila, James R. (2004). Sea Turtles: a Complete Guide to their Biology, Behavior, and Conservation. Baltimore: Johns Hopkins University Press. p. 132. ISBN 0801880076. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 Pamela T. Plotkin, ed. (2007). Biology and Conservation of Ridley Sea Turtles. Baltimore: Johns Hopkins University Press. ISBN 0801886112. 
  9. "Forging a Future for Pacific Sea Turtles" (PDF). Oceana. 2007. p. 6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de decembro de 2014. Consultado o 16 April 2013. 
  10. Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxina 282. ISBN 84-7507-722-6.
  11. 11,0 11,1 http://www.wwfindia.org/about_wwf/priority_species/lesser_known_species/olive_ridley_turtle/
  12. 12,0 12,1 12,2 Lepidochelys olivacea na Encyclopedia of Life. Retrieved 16 April 2013.
  13. Ellis, Richard (2003). The Empty Ocean: Plundering the World's Marine Life. Washington: Island Press. ISBN 1597265993. 
  14. "Marine Turtle Newsletter" - Harold A. Dundee
  15. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2004. Consultado o 26 de xullo de 2015. 
  16. Shanker, K.; Ramadevi, J.; Choudhury, B. C.; Singh, L.; Aggarwal, R. K. (16 April 2004). "Phylogeography of olive ridley turtles (Lepidochelys olivacea) on the east coast of India: implications for conservation theory". Molecular Ecology 13 (7): 1899–1909. PMID 15189212. doi:10.1111/j.1365-294X.2004.02195.x. 
  17. Karnad, Divya; Isvaran, Kavita; Kar, Chandrasekhar S.; Shanker, Kartik (1 October 2009). "Lighting the way: Towards reducing misorientation of olive ridley hatchlings due to artificial lighting at Rushikulya, India". Biological Conservation 142 (10): 2083–2088. doi:10.1016/j.biocon.2009.04.004. 
  18. "Over 8000 turtle hatchlings released", Deccan Chronicle, Chennai, 23 May 2014. Retrieved on 23 May 2014.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]