A orixe das especies
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2015.) |
A orixe das especies | |
---|---|
Portada da edición de 1859.[1] | |
Título orixinal | On the Origin of Species |
Autor/a | Charles Darwin |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | inglés |
Tema(s) | Selección natural |
Xénero(s) | Ciencia, bioloxía |
Data de pub. | 24 de novembro de 1859 |
Formato | Impreso (Tapas duras) |
Páxinas | 502 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Sobre a orixe das especies por medio da selección natural, publicada o 24 de novembro de 1859, é unha obra do naturalista británico Charles Robert Darwin [2]. O seu enorme éxito de vendas permitiu sacar ata seis edicións corrixidas e aumentadas en vida do seu autor. O seu título completo desde a 1ª á 5ª edición británica foi: Sobre a orixe das especies por medio da selección natural, ou a conservación das razas favorecidas na loita pola vida (tradución de «On the Origin of Species by Means of Natural Selection, or the Preservation of Favoured Races in the Struggle for Life»). A sexta edición, do 19 de febreiro de 1872, suprime do título a preposición inicial "Sobre" ("On", no orixinal). Aínda que non se suprimise do título a frase posterior, axudou a estabilizar a forma breve A orixe das especies como o título que se popularizou nas traducións.
É considerado un dos libros máis importantes da historia da bioloxía e do pensamento científico e humanístico. Darwin expón nel a teoría evolutiva dos organismos vivos por selección natural. Un mecanismo tan simple como explicación da complexidade do mundo non soamente chocou directamente coas ideas tradicionais sobre a Creación, e polo tanto, cos poderes da Igrexa, senón tamén cos cálculos realizados pola elite da Física (Lord Kelvin e outros), sobre a idade da Terra, que non eran correctos[3]. No momento de publicación, as estimacións de 100 millóns[4] de anos resultaban insuficientes como para concibir a evolución de toda a diversidade de vida mesmo para o propio Darwin. Foi necesario un cambio profundo na física para que esta obxección desaparecese: o descubrimento da radioactividade.[5]
Contido
[editar | editar a fonte]Enfoque da obra
[editar | editar a fonte]O enfoque da obra é unha exposición sistemática de feitos observados ou testemuños solventes relativos ao problema da aparición das diferentes especies na Terra coa fin última de demostrar rigorosamente o papel crucial da selección natural como mecanismo transformador das especies.
Capítulos
[editar | editar a fonte]O libro comeza cunha introdución onde o autor presenta os seus referentes científicos, a natureza do razoamento científico e a compatibilidade deste coas conviccións propias ou a existencia de Deus. Continúa presentándose a si mesmo como o autor do seu anterior libro sobre a viaxe do Beagle, que xa tivera gran difusión, e recordando a súa experiencia como naturalista. Por último, recoñece as achegas doutros autores á teoría da selección natural, incluídos varios precedentes dese mesmo século (ata 1813) menos coñecidos.
Os capítulos agrúpanse nos seguintes temas:
- Selección baixo a domesticación e baixo a natureza (Capítulos I e II)
- A loita pola existencia, a selección natural e a diverxencia (Capítulos III e IV)
- A variación e a herdanza (Capítulo V)
- As dificultades da teoría e diversas obxeccións a esta. Casos especiais coma o instinto e a hibridación (Capítulos VI, VII, VIII e IX)
- O rexistro xeolóxico (Capítulos X e XI)
- A distribución xeográfica (Capítulos XII e XIII)
- A clasificación, morfoloxía, embrioloxía e órganos rudimentarios (Capítulo XIV)
- Comentarios finais (Capítulo XV)
Estes capítulos son unha exposición sucesiva de feitos relacionados coa idea da evolución: primeiro explora as posibilidades que ofrece a tradición humana da cría de razas animais e cultivo selectivo das variedades de plantas, explicando como se conseguen e algunhas observacións sobre a abundante variabilidade natural dos seres que permiten a eficaz selección por parte do agricultor ou gandeiro que se dedica á súa mellora, e como esta variación tamén se manifesta na natureza sen a influencia do home. Aclarado o mecanismo, o segundo tema que trata sería introducir o problema do crecemento xeométrico das poboacións na natureza fronte aos recursos (inspirado no Ensaio sobre o principio da poboación de Malthus), ante o cal os seres vivos presentan unha gran mortaldade en cada xeración, sen perder a capacidade de reproducirse. Asumida esta premisa, a supervivencia diferencial dos máis aptos levará a que prevalezan determinadas características que favorecen a supervivencia, sen necesidade dun selector cun obxectivo determinado, como un creador. No terceiro tema sinalado, o autor acumula o precario coñecemento das fontes de variación dos seres vivos, polo que de novo acumula feitos que demostra que esta sucede e intenta dar unha explicación apoiándose nas teorías da herdanza da época, como a panxénese. Pero o propio autor admite que este mecanismo de herdanza non permitiría a variabilidade e sería compatible coa lei dos caracteres adquiridos (hai que ter en conta que as leis de Mendel non só se descubriron despois da publicación da 3ª edición, senón que foron ignoradas pola comunidade científica ata redescubrilas no cambio de século). Neste punto é cando Darwin dá mostras dun carácter científico moi esixente e decide poñer a proba a validez da súa teoría anotando honestamente as principais dificultades da teoría e recoñecendo as críticas científicas a esta e intentando apuntar unha solución ou recoñecer ata que punto é limitada a teoría proposta. Ocúpase detalladamente das principais dificultados por el recoñecidas:
- O carácter gradual da evolución non se corresponde coa diversidade actual de grupos moi diferenciados,
- o perfeccionamento e a diferenciación extrema parecen difíciles de explicar por un mecanismo tan basto como a selección natural,
- 3º ademais da súa complexidade, parece difícil asumir que poidan herdarse e seleccionarse os instintos, e
- a hibridación de especies ten resultado oposto á hibridación de variedades ou razas.
No quinto bloque de capítulos demostra os seus coñecementos de paleontoloxía estendéndose aínda máis sobre a primeira e segunda dificultades, e prognostica futuros avances que se materializan en distintas edicións, coma o descubrimento do Archaeopteryx, anotado a partir da 5ª edición, ou sucesivas adicións nos cálculos da idade da Terra pola velocidade da denudación terrestre. A pesar desas melloras, o cálculo da idade da Terra será unha dificultade que entra en contradición cos cálculos puramente físicos da idade da Terra (este problema verano resolto os colegas darwinistas que sobreviviron ata o descubrimento da radioactividade o seguinte século). No sexto punto, non soamente se apoia na súa viaxe arredor do mundo, senón que numerosos autores proporcionan unha evidencia contundente de como as barreiras xeográficas condicionaron a evolución diverxente de distintos organismos e explican así a súa distribución actual. O sétimo recorda a estrutura da clasificación dos seres vivos e emprega os recentes avances da embrioloxía para demostrar a diverxencia e a necesidade de limitadas orixes das especies. Cita embriólogos centroeuropeos que ou ben defenden outras teorías evolutivas (recapitulacionistas) ou ben acabarán criticando abertamente a teoría de Darwin como non satisfactoria (Baer). Pero non entra na polémica científica, soamente se limita a expoñer os seus descubrimentos en apoio das súas propias ideas sobre a diverxencia evolutiva e a súa manifestación nos embrións.
Nas consideracións finais Darwin compendia os distintos temas tratados e conclúe que a pesar de todas as dificultades e extensas lagoas de coñecemento que se teñen, a enorme cantidade de probas achegadas non pode obviarse nin debe crerse que a teoría proposta envilece a natureza por depender da destrución de gran parte da vida, senón que se "desenvolveron" unhas formas de vida "portentosas" e "belas" a partir dunha lei simple como a que el propón, semellante á lei da gravitación no seu momento. Curiosamente, Darwin explica a "transmutación das especies" en todo o libro, pero xusto na última frase, a última palabra en inglés, emprega o verbo desenvolver ou evolucionar en pasado (evolved), que os seus seguidores, en especial Spencer, escollerán para referirse ao cambio das especies, substantivándoa: a evolución.
Edicións e traducións
[editar | editar a fonte]Edicións
[editar | editar a fonte]Houbo seis edicións orixinais sucesivas nas que Darwin fixo modificacións significativas. As ampliacións, correccións e novas referencias foron enriquecendo o libro con exemplos e aumentando o seu volume en arredor dun 23%. As rectificacións non sempre tiveron como resultado unha maior claridade na demostración ou universalidade da selección natural, senón que en ocasións as numerosas críticas que se sucedían durante os anos facíano dubidar e non só engadía novas dificultades á teoría, senón que chegaba a incluír testemuños que presuntamente probaban unha alternativa ás súas hipóteses, especialmente a lei do uso e desuso ou a herdanza dos caracteres adquiridos. En moitos aspectos e casos particulares da teoría da evolución por selección natural deron con argumentos concluíntes os seus colegas máis novos, entre outros Huxley e Wallace. A pesar das concesións amosadas nesta edición, a vida científica de Darwin prosegue unha década máis, publicando varios libros sobre temas especializados en campos nos que tiña a posibilidade de experimentar directamente e cando trata a evolución deses seres, a selección natural é o mecanismo por excelencia.
Traducións
[editar | editar a fonte]O impacto do libro na ciencia internacional xerou grandes expectativas, polo que non só foi moi vendido na Gran Bretaña (16,000 exemplares ata 1884), senón que foi traducido a un número importante de idiomas: nese período houbo varias edicións en alemán, francés e ruso e unha en italiano, holandés e sueco. Distribuíuse nos Estados Unidos coincidindo coas sucesivas reedicións británicas.
Joaquim da Mesquita Paúl traduciuno ao portugués arredor de 1913.[6] Publicouse en castelán en 1877 nunha tradución de Enrique Godínez[7], o que semella que entusiasmou ao autor pola perspectiva de que puidese ser coñecida nos países suramericanos que visitou durante a súa volta ao mundo; en 1876 deséxalle sorte por carta ao tradutor efusivamente, ao mesmo tempo que lle concede o permiso para a súa publicación. Na súa autobiografía, Darwin referirase a esta tradución ao español, xunto a idiomas como o ruso, o bohemio e o polaco, para remarcar que se traduciu por toda Europa.
Existe unha tradución ao galego nunha edición en tapa dura por Emilio Valadé del Río, con prólogo de Francisco Díaz-Fierros Viqueira, publicada no ano 2003: Charles Darwin. A orixe das especies[8].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Darwin 1859, p. iii
- ↑ Darwin-online. "Darwin Online". Consultado o 21/10/2015.
- ↑ Dalrymple, G. Brent (1994-02-01). The Age of the Earth. Stanford University Press. Páx. 14-17, 38. ISBN 0-8047-2331-1.
- ↑ England, Philip C.; Molnar, Peter; Richter, Frank M. (2007). "Kelvin, Perry and the Age of the Earth" (PDF). American Scientist 95 (4): 342–349. doi:10.1511/2007.66.3755. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de xullo de 2010. Consultado o 04 de febreiro de 2019.
- ↑ Patterson, Claire (1956). "Age of meteorites and the earth" (PDF). Geochimica et Cosmochimica Acta 10 (4): 230–237. Bibcode:1956GeCoA..10..230P. doi:10.1016/0016-7037(56)90036-9. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xuño de 2010. Consultado o 04 de febreiro de 2019.
- ↑ Da Mesquita Paúl, Joaquim (1913?). Charles Darwin. A origem das espécies (PDF). Lello & Irmão.
- ↑ Godínez, Enrique (1877). El orígen de las especies (PDF). Biblioteca Perojo.
- ↑ Valadé del Río, Emilio (2003). Charles Darwin. A orixe das especies. Col. Clásicos do Pensamento Universal, nº 4. Servizo de Publicacións e Intercambio científico. USC. ISBN 84-9750-144-6. Archived from the original on 01 de abril de 2022. Consultado o 30 de novembro de 2018.